Xosé Manuel Sarille: «Pontón é unha aposta do poder interno do BNG, se non estivese, sería unha debacle»
GALICIA
O autor mantén que o Bloque está nun momento de «audacia filla da necesidade» logo de dez anos de travesía no deserto
19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Profesor, escritor, parte da xeración Erga de estudantes revolucionarios galegos que nos setenta militaron no nacionalismo galego de esquerdas, e un dos fundadores da Mesa pola Normalización Lingüística, Xosé Manuel Sarille vén de publicar o libro A nova presenza do B.N.G. (Medulia Editorial, 2021), no que analiza con visión histórica o momento actual da organización frontista.
—O libro estima que dende hai algo máis dun ano mudou de xeito importante a presenza do BNG no panorama político galego...
—A partir das eleccións do 2020 prodúcese un cambio na paisaxe electoral e institucional galega co ascenso poderoso do BNG e a desaparición das Mareas. Trátase dunha emerxencia posterior a un repregue moi profundo de dez anos, e eses repregues profundos pódense observar ao longo de toda a historia do BNG. O Bloque é unha organización moi fluctuante, e neses momentos de repregue viran as posicións cara o seguro, cara un discurso simbólico, evitando tocar a realidade. E cando chega un momento en que as cousas están tan mal que poden entrar en grupusculización ou pasar a ser marxinais, aparece un trazo de audacia absoluta, unha audacia filla da necesidade.
—Cre entón que o BNG está nun deses momentos de audacia. Que cambiou no Bloque nestes últimos tempos?
—Eu creo que hai unha posición semellante a aquela dos anos oitenta cando logo de estar fastidiadísimos a audacia foi buscar a Beiras, foi o seu tentar sacar o coello do chapeu. E agora buscan o mesmo, unha persoa que renove a imaxe e non só iso, senón que tamén renove certa práctica. Iso é o que está a suceder con Pontón, que veremos o que dá de si o asunto, pero de momento renova a linguaxe, busca aspectos prácticos, e trata de aproximarse a unha cidadanía moito máis ampla. Dito isto, igual que sucedía nos 80, non hai un poder interno claro de Ana Pontón como tampouco o había de Beiras Son os líderes públicos porque son os candidatos á Xunta, pero hai moitísimos contrapesos internos fortes.
—Atribúelle tamén erros cíclicos e persistentes ao Bloque: a tendencia a posicións dogmáticas, o pouco realismo político, e o que vostede denomina a «adoración ás cinzas».
—Cando falo de cinzas falo de cando os símbolos (a apelación e cita aos clásicos galeguistas) se converten en protagonistas absolutos, cando se buscan as solucións neles e nas evocacións patrióticas. Non digo que non teña que haber símbolos, porque son necesarios e é preciso mirar ao pasado, pero non se pode vivir no pasado, non se poder ter unha atracción por ese pasado tan poderosa que te ausentes do presente. Os países están vivos. E por iso creo tamén que cando se traballa nun país politicamente haberá que cinguirse á realidade. Porén, recollendo as ideas de Xosé Ramón Quintana, que escribiu recentemente un dos mellores libros sobre o BNG, cando se analizan os programas políticos do Bloque obsérvase que non son nada realistas. Necesitan estar reafirmando constantemente os máximos, en lugar de elaborar programas que se cingan ao inmediato, ao práctico. Con todo, tamén no do realismo teñen ciclos. Por exemplo, nos tempos de resistencia, de refuxio no discurso máis simbólico, fóronse con facilidade cara a mímese ideolóxica con Cataluña, postulando a independencia sen debate mediante. Porén, agora hai unha modificación cara posicións máis pragmáticas e eu creo que máis realistas.
—Cita tamén o problema do cisma constante. Eses problemas internos están agora superados, ou a calma é circunstancial?
—A cuestión do poder dentro do BNG é complexa. Eu creo que é a única organización no mundo na que o xefe interno, incuestionado, leva 40 anos de mandato. Ademais, dentro hai unha organización que se autotitula de vangarda, e que se supón que é grazas a ela que a cousa funciona, e que se ela non existise, o proxecto sería un ermo absoluto. A UPG é importantísima, pero o que non pode ser é que estea sempre marcando a pauta. Porque son eles mesmos cando lles chega a auga o pescozo os que lanzan as propostas audaces, pero tamén cando a cousa se empeza a expandir, son eles mesmos os que rompen e frustran. E a cousa sempre acaba rompendo con grande escándalo, con grande problema.
É certo que agora mesmo eu creo que non hai ese choque. Primeiro, porque hai menos testosterona, e segundo, porque agora hai á fronte unha persoa que é da propia casa, que se criou dentro. Pero ollo, porque Ana Pontón non é a xefa, non é a persoa que ten o poder dentro do BNG. Ela é unha das caras, a cara autonómica, porque por exemplo no Parlamento español hai outra cara, que ten a súa presenza e un discurso máis tradicional e esencialista.
—Ve posibilidades de que o BNG chegue de novo ao poder institucional galego?
—Si, si si, eu creo que ten posibilidades. Pero ollo, porque pouco despois das autonómicas houbo unha declaración dalguén do Bloque que dicía «somos hexemónicos na esquerda». A hexemonía é máis que unha maioría electoral. Aquí hexemónico é o PP. E gañar unhas eleccións significa que hai que facelo moi ben moi ben moi ben para non volver perdelas. Porque o poder hexemónico do PP non desaparece por arte de maxia porque se gañen unhas eleccións autonómicas. E no que é dentro da esquerda tampouco é fácil. Alguén me dicía hai pouco: «Pode ser que desta vez o PSOE pase a un segundo plano na esquerda, á maneira vasca ou catalana». Eu non o sei. O PSOE ten un solo electoral moi poderoso porque sempre estivo constantemente sometido a crises en Galicia, e non se derruba porque é un partido de poder estatal, un partido do aparello do Estado.
—Comenta que o perfil de Pontón está en liña co perfil de líder predominante que gusta hoxe. Podería o BNG continuar o seu ascenso cara o poder institucional se ela se fixese a un lado?
—Eu creo que a aposta por Ana Pontón é unha aposta do poder interno de longo prazo, desde o momento en que funcionou e se viu que circulaba ben e era moi aceptada. Creo que iso non se cuestiona, nin ela mesma o cuestiona. Se non estivese Ana Pontón iso converteríase nunha debacle, porque sería volver comezar e non é fácil rodar outra vez un discurso e buscar líder, que tampouco é ningunha broma porque eu creo que non están sobrados de cadros.
—Vaticina que se o BNG chegase ao poder, a estrema dereita entraría nas institucións galegas
—É case aritmético. Iso sería unha crise do PP moi importante, daría lugar a unha inestabilidade e aparecerían voces pola dereita do PP. Porque non é que haxa una resistencia máxica do pobo galego ante a estrema dereita, non hai tal maxia, dito con sinceridade e con todo o amor polo país, pero non se poden facer diagnósticos errados destas cousas.
—Nos últimos capítulos tamén aborda a necesidade de reformular a función dos sindicatos para que vaian cara un labor de solidariedade asistencial.
—É imprescindible. Os sindicatos normalmente son moi deficientes pero imprescindibles. O que fan é necesario, pero, aparte do seu labor actual, na tradición da esquerda sempre houbo, até que apareceu o Estado de Benestar, unha faceta asistencial. Houbo casas do pobo onde se axudaba á xente que o estaba pasando mal, é dicir, baixábase á rúa. Ante unha crise de tal calibre como esta eu creo que é necesario que se active algo polo estilo, e non só na CIG e no mundo labrego, senón en xeral. Que aquí estea só Cáritas Diocesana paréceme case un sarcasmo tendo o discurso que se ten dende a esquerda.