Empezou xa de pequeno, traducindo misas ao galego en pleno franquismo antes de facer os 15 anos. Agora, xubilado, coordina máis dunha ducia de asociacións para normalizar o idioma
30 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Aquí un home ao que o galego lle debe moito do que é hoxe. Un neno que traduciu as misas á súa lingua, xunto ao xesuíta Xaime Seixas, e cunha multicopista difundiu eses evanxeos por media Galicia. Un mozo que militou no nacionalismo -foi un dos refundadores da UPG- e sufriu a represión franquista na cadea. Un home que creu no galego como un idioma normal, co que poder falar e pensar o mundo en calquera eido, e impulsou o primeiro servizo de normalización lingüística. Foi no concello de Redondela, de aí que a Xosé González (Vigo, 1950) o coñezan polo alcume de Pepe de Redondela. «Fixemos moitas cousas dende a administración local», lembra, como a celebración de xuízos en galego ou a tradución do Código Penal. «Todo iso deu pé ao recoñecemento dos dereitos lingüísticos de Galicia», reivindica.
González xubilouse hai catro anos, pero segue en activo. Artella un conglomerado de asociacións para dinamizar o galego. «Cada unha ten unha función específica, non se solapan. Movemos moita xente con máis de cen persoas activas en distintos campos», explica sobre entidades como a Irmandade Xurídica Galega, a Fundación Peña Novo, a Asociación de Amigos do Couto Mixto ou o Foro Peinador. En cada unha delas hai «un traballo constante e a pé de obra». Tócalles patear empresas, dialogar coa xente, convencelos. «Estamos no ámbito extraliterario. No galeguismo houbo unha comodidade en estar todos arremuiñados no mesmo espazo, arredor da literatura», advirte, e recoñece que o que lles toca é «algo máis árido», pero que lles está a permitir conquistar novos territorios para o idioma: «Descubrimos sectores dispostos a incorporarse na defensa da nosa identidade».
E xa son moitos anos descubríndoos. Un dos grandes logros foi a galeguización das forzas e corpos de seguridade do Estado. «Levamos á práctica o espírito que se contempla na lei de normalización lingüística de recoñecer aos cidadáns o dereito a ser entendidos en galego», reivindica, cun acto que congregou a case 200 axentes e demais rangos da Garda Civil e Policía Nacional no Hostal dos Reis Católicos. Tamén traballa no eido sanitario, coa Irmandade da Sanidade, e con campañas dirixidas aos consumidores. «Ninguén lles di que hai que defender a compra dos produtos etiquetados no país», engade. As iniciativas mesmo chegan aos cemiterios: «A metade dos mortos, como mínimo, falan galego, pero as lousas están en castelán». Nunhas semanas, cara o día de defuntos, falarán con concellos e familiares para proporlles o cambio das lápidas.
«Sen transversalidade non hai futuro para o galego. Intentamos convencer diso a partidos e empresas. Non é só o 25 de xullo ou o Día das Letras, é todo o ano», subliña, «queda moito por facer».
Fun
Funcionario e impulsor do primeiro servizo de normalización lingüística
Son
Dinamizador da cultura e o galego en distintos eidos desde varias asociacións