Xavier Campos, responsable de comunicación do BNG: «Ter a razón non chega»
GALICIA
É un dos mais cercanos a Ana Pontón e admite que se atopa más cómodo na cociña das ideas que na de verdade, onde se prodiga pouco
07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Din que é un dos cociñeiros que está detrás do discurso máis recente e máis calmo do Bloque. E a conversa de Xavier Campos (Ribadeo, 1978) éo. Amable e chea de empatía. Compartimos un tempiño nunha cafetería da Coruña, preto da Deputación onde traballa como asesor cultural e, aos dez minutos, dáme a impresión de que o coñezo de sempre.
—De Ribadeo...
—Moi de Ribadeo, pero vivo en Betanzos.
—Conte un pouco esa viaxe.
—Ten algunhas paradas intermedias. Estudei en Santiago Filoloxía Galega e volvín para Ribadeo. Alí traballei para o concello como técnico de promoción lingüística. Co bipartito chamáronme para traballar como asesor na Consellería de Cultura e xa dende sempre dediqueime aos temas de política cultural. Despois traballei nunha empresa privada, presenteime a unha convocatoria para as bibliotecas da Coruña e contratáronme. Agora estou en excedencia e traballo como asesor cultural na Deputación da Coruña. Encántame o traballo.
—Ser o secretario de comunicación é estar na cociña... Non si?
—Si, si, pero non me gusta nada esa figura de estar na escuridade, dos gurús. Son un máis do equipo de traballo, da dirección do BNG, onde temos unha cultura de traballo máis colectiva. Eu levo a comunicación, pero non ando con figuras de xadrez no peto nin nada diso, ha, ha.
—Nos últimos anos vimos moitos personaxes deste tipo no cine, nas series...
—Un asesor asesora, pero estas series trasladan unha visión da política como se fose unha especie de xogo para listos e onde parece que non existe unha compoñente ética. Eu non me vexo como unha persoa que un día traballa para un partido e outro día para outro.
—Ás veces seica é máis importante a imaxe que se proxecta que o que realmente se fai.
—Si, é así. Vivimos nun momento no que non somos o que dicimos que somos, senón como se nos percibe. Pero non só na política, en todos os ámbitos, tamén na empresa: as eléctricas teñen logotipos verdes e asócianse ao prefixo eco... A comunicación traballa iso, pero eu son dos que digo que esa comunicación funciona, pero ten que haber algo que o sustente. Hai pouco díxome un non votante do Bloque que este é un BNG que sorrí. Iso é comunicación; agora, ten que basearse en algo que encarne ese sorriso. Neste caso, Ana Pontón. Ou os outros referentes do BNG, que son case todas mulleres mozas.
—A comunicación debe ser agresiva?
—Eu son unha persoa de consenso, tendo a buscar os elementos que temos en común de forma natural. A comunicación agresiva non me gusta, aínda que ás veces pode funcionar para chamar a atención sobre algo.
—Soberanía ou non?
—Somos o que fomos sempre. No BNG somos nacionalistas porque ese é o elemento central. Consideramos que Galicia é unha nación e temos dereito a decidir no noso. E esa é a clave. O importante non é como nos definimos, o que me interesa é que para votar a este BNG non fai falla ser nacionalista, chega con desexar un país que teña futuro. Iso é o que pon nervioso ao PP.
—Todos eses conflitos que tiveron dentro, xa pasaron?
—Siii. Das mellores cosas que nos pasaron nos últimos anos foi o proceso de renovación e actualización do BNG. Estamos moi cohesionados e traballamos moi a gusto.
—Por que gaña sempre Feijoo?
—Non gaña sempre Feijoo, gaña habitualmente a dereita. Pero o PP non é maioritario nos ámbitos urbanos. O PP soubo vincularse á defensa dunha certa identidade galega, que as súas políticas negan. É capaz de aglutinar dende o votante de Vox ao do PSOE. Un 20 % dos galegos que votaron a Pedro Sánchez dixeron que votarían a Feijoo. Non me gustan as explicacións simplistas. Hai unha suma de elementos que explican os resultados do PP. Feijoo soubo construír unha imaxe de que non é político, senón que é xestor, aínda que a realidade desménteo.
—Volvemos ao de antes. O importante é a percepción.
—É que ter a razón non chega. Hai unha frase que ultimamente escoito moito a Ana Pontón: «A política non consiste en ter a razón, consiste en que a sociedade cha dea». E iso é complicado.
—Non lle gustaría ir ao Parlamento?
—Nin me gustaría nin me desgustaría. Eu onde me sinto cómodo é onde estou.
—Elixa un plan para cear (e logo contratar para un concerto): Rosalía, Patti Smith, Nathy Peluso ou Lady Gaga.
—Home, Patti Smith! Son un clásico. Moitos actos do Bloque, mentres a xente chega, comezan con People have the power. Iso foi cousa miña.
—Celta ou Dépor.
—Eu son do Barça. Entre o Celta e o Dépor, eu sempre quero que lle vaia ben aos dous.
—Xa empezamos. É imposible ver un Celta-Deportivo e non ter unha miga de intención.
—Os meus amigos da Coruña son do Dépor. Eu, de neno, lembro que o equipo que máis representaba a Galicia era o Celta, pero é que eu son do Barça. O fútbol é como o amor. Un non escolle de quen se namora, ha, ha.
—Defínase en poucas palabras.
—Son curioso... A miña avoa dicía que era un bulebule... conciliador e... xa está.
—Defina agora Galicia con outras poucas.
—Potencia, identidade, esperanza e futuro.
—Que fai no tempo libre?
—Ler, e o que máis me apaixona é a música. Paseime aos vinilos. Gústame ver os partidos do Barça, visitar patrimonio. E o que mais desfruto é estar cos amigos.
—E a outra cociña, a de verdade?
—Encántame comer, pero non cociñar, ha, ha. Podo facer de pinche, como moito.
—De pequeno, que quería ser de maior?
—Nalgún momento pensei que sería futbolista, porque xogaba moi ben. Pero tamén me encantaba facer as miñas revistas con recortes dos xornais. Non sei en que se pode traducir iso.
—Cal era o seu xoguete favorito?
—Eu os rompía todos porque quería ver como eran por dentro. Conservo o único xoguete que gardei: un osiño pequeno de goma que me regalara meu avó.
—Cal é o seu lugar no mundo?
—Un lugar que se chama Cavanardá. É unha zona de costa ao lado de Rinlo, en Vilaframil, onde non hai praia, só unhas pedras onde a xente da zona ía tomar o sol.
—Unha canción.
—Uf, teño moitísimas. Unha canción que me tocou sempre moito foi o Alalá das Mariñas, de Uxía.
—O máis importante na vida?
—Tentar ser feliz sen empuxar a ninguén.