Luís Álvarez, novo portavoz do PSdeG: «Non me gustan as estridencias, e menos aínda no Parlamento»

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Carlos Castro

O voceiro socialista cualifica de correcta a relación co PP e di que lle gustaría que se mantivese «sen distorsións»

16 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixou Asturias para cursar Matemáticas en Galicia e xa botou aquí raíces para sempre. Luís Álvarez (El Franco, 1963) é un político que foxe da polémica tanto como do lume e ao que lle gusta traballar en equipo. O deputado con máis trienios do PSdeG é quen relevará a Gonzalo Caballero como portavoz no Parlamento.

-Veña, preséntese. Cales son as súas credenciais?

-Son un profesor vocacional, un fillo de mestre que xogaba de cativo na escola unitaria, que co tempo evolucionou ata ser inspector educativo. Asumo o primeiro cargo político na etapa do bipartito de Touriño, como delegado provincial de Educación, e despois fun chamado por Orozco para ser concelleiro en Lugo, e da man de Besteiro fun cabeza de lista ao Parlamento en 2016.

-E agora convértese en portavoz accidental, elixido logo dun tenso proceso de primarias.

-A accidentalidade é algo inherente á vida, porque as cousas nunca ocorren de xeito lineal nin programado. É certo que vimos de vivir unhas primarias coas súas complicacións, pero o importante é que, unha vez pechada esa fase, funcionemos xa con normalidade e que se poña o foco nas iniciativas do grupo do PSdeG e non no propio grupo do PSdeG e os seus membros.

-Que aspectos lle gustaría mudar no traballo parlamentario?

-A nova etapa vai estar marcada pola necesaria coordinación cunha dirección política que non está no Parlamento, pero non creo que haxa que cambiar as cousas en exceso. Somos as mesmas persoas e seguiremos defendendo as cousas nas que cremos. Seguro que iso vai supor un esforzo adicional de coordinación, pero para iso estamos aquí, para traballar de forma obsesiva, como di González Formoso, na mellora da vida dos galegos.

-En dez días estréase na sesión de control a Feijoo. Que relación lle gustaría ter co PP?

-A relación co PP é correcta, entra dentro da cortesía parlamentaria, e penso que non temos moito que cambiar. Gustaríame que seguise igual, sen distorsións. A min non me gustan as estridencias, e menos aínda no Parlamento, que é un órgano moi serio que debe ser tratado cun coidado exquisito pola sinxela razón de que desvalorizar as institucións é o primeiro paso para desvalorizar a sociedade.

-Como pensa recompoñer a relación co BNG, a forza maioritaria da oposición?

-A relación non ten que ser recomposta porque nunca rachou. Somos grupos distintos, pero coincidimos na análise do deterioro social que provocaron as políticas implantadas polo PP dende o 2009 e de que queren facernos ver a base de propaganda que Feijoo é un xestor inmaculado, algo que non é certo.

-En que consiste ese cambio que vai levar Formoso no PSdeG?

-O cambio consiste en que o PSdeG vai poñer sempre por diante os intereses dos galegos, é algo que Valentín González Formoso ten moi claro. Significa iso un enfrontamento coa dirección federal? En absoluto, pero si que teremos capacidade para dicirlle ao Estado ou á Xunta que algo non se fai de forma correcta.