Jacobo Sutil, director do Agadic: «Encantaríame tocar un instrumento»

GALICIA

Santi M. Amil

O responsable das industrias culturais aposta por Tanxugueiras para ir a Eurovisión e admite que aínda non fixo o Camiño

21 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aproveito unha visita ás obras da Filmoteca de Galicia para falar con Jacobo Sutil (Pontevedra, 1973), case nove anos xa ao cargo do Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais). Boa planta, co logo da xeración Nós na lapela da americana, máis xestor que artista, ten un trato afable que precisa de quecemento, é dicir, mellora a medida que avanza.

—Naceu un 25 de xullo, un gran día para vir ao mundo en Galicia.

—Santo e aniversario o mesmo día; de pequeno non me gustaba moito. Tiña un regalo menos, ha, ha.

—Que tal as obras da filmoteca?

—Están en marcha. A verdade é que cando empezamos pensabamos que ían ir un pouco máis rápido pero entre permisos, suministros que chegan tarde... pero hai que ser positivos e pensar que isto é algo para mellorar as instalacións.

—Xa ten unha data para inaugurar?

—Aínda non. As obras da cabina de proxección terminarán o mes que ven, e logo farán a sala. Vou ser optimista e dicir que estará a finais de marzo.

—Aínda non teñen director.

—Eu ocupo o posto de director. Espero que dentro de pouco sexamos capaces de cubrir esa praza, como non pode ser doutra maneira.

—Este é un ano especial. O Xacobeo sempre ten moita excitación cultural...

—Levamos case dous anos especiais. Tanto polo Xacobeo como pola pandemia, que é o que máis nos está afectando agora mesmo. O sector cultural está sufrindo unha situación moi complicada. As administracións temos que ter ferramentas flexibles para apoialos. E é o que estamos facendo. Os plans mudaron e tivemos que facer un plan de reactivación. Esperemos que todo volva a unha normalidade da que xa non nos acordamos.

—Chamándose Jacobo, faría o Camiño algunha vez...

—Teño que recoñecer que o ano que ía facer o Camiño tiven unha lesión e non o fixen. É unha das cousas que teño pendentes.

—Entre os obxectivos do Agadic está a defensa da identidade cultural de Galicia. Como vai iso?

—Eu diferencio entre os distintos sectores. Temos un gran exemplo na parte audiovisual, con proxectos que viaxan aos principais festivais do mundo. Tomámolo como normal, pero é excepcional. É moi importante que proxectos locais, que falan de nós, son capaces de viaxar. Tamén temos moita presenza fóra no ámbito escénico. E no ámbito musical temos empresas e músicos que están traballando moi ben a exportación.

E Tanxugueiras a Eurovisión.

—Si. É unha alegría. Son unhas rapazas majísimas. Seguro que fan un papel magnífico. Sería marabilloso que foran a Eurovisión. O que transmiten é que as linguas suman, que sempre é algo que enriquece; unha riqueza que temos en Galicia e que elas poñen en valor.

—Netflix en galego, gustaríalle?

—É importante que todas as linguas do noso país teñan presenza nas plataformas e se finalmente veñen eses fondos estaremos encantados de xestionalos.

—Diso estou seguro.

—Estamos en momentos de xestión de moitísimos cartos que hai que facer ben e en prazo, porque é unha oportunidade única que temos. É un reto moi importante para todas as administracións.

—Vostede non vén do mundo da cultura.

—Non.

—Non tivo inquedanzas xuvenís polo teatro, a música...?

—Como usuario, si; como creador, non.

—Toca algún instrumento?

—Non teño moitas aptitudes para tocar instrumentos.

—Home, iso, se non se proba...

—Está probado.

—É vostede un PTV (Pontevedra de Toda a Vida)?

—Eu vivín en moitos sitios, así que considérome deses sitios nos que vivín: en Sanxenxo, en Pontevedra, Santiago, Valencia, Mallorca, Madrid... Pero encántame a miña cidade.

—Os touros, o Pontevedra C.F., o baile da Peregrina... Participa de todo?

—Aos touros fun varias veces, ao baile da Peregrina, estranamente fun unha soa vez e a Pasarón fun un par de veces.

—Celta ou Dépor?

—Celta.

—Visita Balaídos?

—Fun moitas veces co meu pai. Alí empecei a odiar os puros. Tamén no Mundial 82 onde vin dous partidos de Italia.

—Como diría que é vostede en poucas palabras?

—Son responsable, familiar, amigo dos meus amigos e despistado. E pouco paciente.

—Que lle gusta facer cando ten tempo?

—Facer deporte, estar cos meus amigos, viaxar... e camiñar, reláxame moito. Ás veces, no meu despacho, cando estou pensando, estou tamén camiñando. A xente que me ve, flipa. Andar tamén me permite comer sen cargo de conciencia.

—Que tipo de deporte fai?

—Xogar ao tenis, aínda que mal. E algunhas veces sacho campos de golf. O día que a bóla vaia onde eu quero será marabilloso.

—Cociña algo?

—Antes da pandemia, a resposta sería que non. Pero na pandemia cociñei algo, en plan vexetariano. Ao meu nivel. Reláxame.

—Seguro que se relaxa máis no golf que na cociña.

—Si, porque camiño.

—Dígame algo que fai mal no que lle gustaría mellorar.

—Desenvolver actividades artísticas. Encantaríame tocar un instrumento, por exemplo. E fíxese que eu cantei unha canción diante de todo o colexio en segundo de EXB. Meu pai dicía que foi un dos momentos máis divertidos da súa vida. Pedrito Fernández, La mochila azul.

—Un lugar favorito.

—A zona vella de Pontevedra, a costa galega e a Ribeira Sacra.

—Unha canción.

One, de U2.

—O máis importante na vida.

—Ser bo cos demais.