A única universitaria de Ons, 20 anos despois: «Agora a xente xa sabe situarnos»

b. casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

A empresaria, María Jesús Otero, fotografada xunto a un barco da súa navieira en Vigo
A empresaria, María Jesús Otero, fotografada xunto a un barco da súa navieira en Vigo M.MORALEJO

María Jesús Otero Acuña foi presidenta da asociación de veciños da illa durante 26 anos e agora dirixe unha compañía navieira onde aposta pola incorporación da muller ao mundo do mar

27 ene 2022 . Actualizado a las 11:07 h.

«Non sei como fago, pero ando liada todo ano», resume María Jesús Otero Acuña (Ons, 1969) para dar conta das súas ocupacións actuais. Hai 20 anos era a única universitaria nacida nese anaco do Parque Nacional das Illas Atlánticas, título que aínda conserva se non se contan os fillos que tivo a súa xeración, a última que naceu na illa. Hoxe está ao mando da compañía navieira Piratas de Nabia, de varios restaurantes, dun cámping e doutros negocios que xiran arredor das Ons. A lista de traballos dos que se encarga é longa, pero a empresaria avisa: «Teño tendencia a complicarme a vida».

As súas ocupacións dependen en boa parte do turismo, pero non son todo o estacionais que un pode pensar. «Sempre hai que facer, non só no verán. Ademais do da illa, temos outros tres restaurantes: dous en Cangas e un en Vigo», explica Otero Acuña, que non pasa por alto a relación que une eses establecementos co lugar que a viu nacer. «Compramos polbo das Ons, procesámolo e servímolo. Négome a poñer un que vén de Marrocos se o hai aquí... O noso é máis delicado, pero sabe tremendamente mellor», defende.

E igual que se nega a comprar cefalópodos marroquís, María Jesús Otero tamén se opón a que o mar sexa cousa de homes. Por iso leva anos reivindicando o papel feminino no sector da navegación, sobre todo nos postos de mando. «Cando empecei coa navieira custoume un pouco entrar en certos ámbitos porque era un mundo algo machista. Aínda hoxe asisto a moitas reunións onde son a única muller. Nas miñas tripulacións sempre quixen que houbese polo menos unha e que as que había se formasen para ser patroas de barco», indica. Tal é así que nas súas oito embarcacións, que chegan ás Cíes, a Ons e tamén cobren Moaña-Vigo, hai cinco patroas e tres mariñeiras.

Na traxectoria de Otero Acuña tamén destaca o seu papel como presidenta da asociación de veciños de Ons durante 26 anos, unha ocupación que deixou cando enfermou o seu pai. Logo chegou unha xeración que confrontou máis coa Xunta, cando houbo conflitos como a cota de visitantes ou o rexistro dos habitantes da illa, lembra.

Actualmente reside en Ons durante o verán e o balance que fai das últimas décadas é maiormente positivo. «O tema do parque nacional deunos moita visibilidade. Antes había que dicir que estabamos ao lado de Cíes, pero agora a xente xa sabe situarnos», destaca, aínda que non pasa por alto os problemas que houbo ao longo destes anos. «A pena foi que non houbera unha mellor comunicación por parte da Administración. Víase á xente da illa como okupas, como se estivésemos aí por privilexios, pero ao final o noso único privilexio foi medrar en Ons porque as nosas familias viviron alí durante anos», reflexiona.