Sofía Toro: «Faime moita ilusión ver máis nenas navegando que cando eu empecei»

borja casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

A medallista Sofía Toro fotografada esta semana nas oficinas do Clúster do Deporte, en Oleiros
A medallista Sofía Toro fotografada esta semana nas oficinas do Clúster do Deporte, en Oleiros EDUARDO PEREZ

A regatista coruñesa gañou unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 nunha categoría de vela que logo desapareceu. Agora é profesora e xerente do Clúster do Deporte

24 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sofía Toro (A Coruña, 1990) é anfibia. Móvese con igual destreza por terra e mar, aínda que nos últimos anos cambiou os seus adestramentos no medio acuático polas aulas universitarias e as oficinas. Lóxico: a regatista galega pasou de gañar unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 a impartir docencia na Universidad Católica San Antonio de Murcia (UCAM). Este curso, iso si, ten menos tempo para exercer como profesora, xa que leva desde setembro embarcada nun novo proxecto profesional: Toro é a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, creado hai cousa dun ano.

«Estou moi ilusionada. Queremos impulsar e que se recoñeza a industria do deporte en Galicia. Sabemos que é bo para a saúde das persoas, tanto a nivel físico como mental. Coa pandemia, despois de tanto tempo na casa, penso que todo o mundo se deu conta do importante que é practicalo», destaca a xerente dun colectivo de 60 empresas ligadas ao deporte.

O cargo que agora ocupa como responsable do clúster entronca perfectamente non só coa súa proxección pública, senón tamén coa súa formación académica. Sofía Toro, ao igual que outros deportistas de éxito, non deixou de formarse durante a súa carreira e hoxe é graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ten un máster en Dirección e Xestión de entidades deportivas, un en Xornalismo deportivo e outro de profesorado. «Eu dedicábame á vela, pero seguín formándome porque é importante», destaca.

E unha volta á competición? Pois Toro non a descarta, pero non está entre os seus plans inmediatos. «Se nun futuro xorde un proxecto deportivo interesante... non descarto nada porque a idade neste deporte non é determinante. O máis importante é a táctica e non tanto a condición física, así que non pecho ningunha porta», aclara Sofía Toro, quen aproveita o seu tempo libre no ximnasio e na casa coa familia, despois de estar dous anos vivindo en Murcia.

Botando a vista atrás e lembrando o que supuxo o seu ouro olímpico, Sofía móstrase contenta pola visibilidade que tivo a vela nos Xogos Olímpicos. «Son unha pantalla perfecta para o deporte minoritario. As vitorias creo que poden contribuír a que a xente saiba que aquí se fai vela e que as mulleres tamén gañamos medallas», destaca.

E sobre ese último punto, Sofía confesa a alegría que sente cando pasa polo Club Náutico e encontra unha realidade distinta á que ela viviu: «Faime moita ilusión ver que hai máis nenas navegando no mar que cando eu empecei. Se elas non ven que outras mulleres fan deporte e obteñen éxito, vano ter máis difícil. Por iso é importante que teñan referentes e que conten co apoio das familias, que foi algo que por sorte eu sempre tiven».