Tres eixes claves para normalizar o galego: tecnoloxía, educación e empresa

b. casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Imaxe de arquivo dun Correlingua en Santiago, no 2017
Imaxe de arquivo dun Correlingua en Santiago, no 2017 SANDRA ALONSO

A perda de galegofalantes, sobre todo nas franxas máis novas e nas cidades, obriga a dinamizar a lingua en distintos eidos

09 mar 2023 . Actualizado a las 10:57 h.

Se en algo coinciden os expertos que traballan a prol do galego é na urxencia de impulsar medidas de defensa e normalización da lingua propia. Din que non pode esperar porque, no caso contrario, a transmisión do idioma non estará garantida. A última enquisa de Sondaxe, realizada entre o 10 e o 22 de febreiro eporque vou p cunha mostra de 1.223 entrevistas, dá boa conta dunha realidade incontestable: a xente nova fala cada vez máis castelán e nos núcleos urbanos escóitase menos galego ca nunca. Na franxa de idade de 18 a 29 anos, un 53,1 % usa maioritariamente o castelán na vida persoal, fronte a un 24,3 que opta polo galego, mentres que o resto se decanta por empregar ambas por igual.

Por territorios, a maioría de falantes das provincias da Coruña e Pontevedra son monolingües en español, se ben o galego aínda é a escolla máis habitual nas de Lugo e Ourense. Iso si: en todas elas houbo unha diminución da lingua propia ao longo dos últimos anos, tal e como veñen avisando os datos do Instituto Galego de Estatística. Fronte a esa realidade, cada vez son máis as iniciativas que buscan reverter a perda de falantes normalizando o galego no mundo tecnolóxico, educativo ou empresarial.

Tecnoloxía

«Trátase de conseguir que os falantes poidan usar a súa lingua», resume o director do Instituto da Lingua Galega (ILG), Xosé Luís Regueira, sobre o Proxecto Nós. Esta iniciativa, desenvolvida xunto co CiTIUS da USC (centro investigador en intelixencia artificial), permitirá introducir o galego no ecosistema dixital. Concretamente, en ferramentas como os asistentes de voz (Siri, no caso dos dispositivos de Apple, ou outros), os tradutores automáticos ou os xeradores de texto.

«Neste ámbito, a nosa lingua ten déficits moi grandes en relación a outras como o inglés. É unha necesidade xa non para o futuro, senón para o presente», subliña Regueira, quen debuxa un escenario cada vez máis próximo. «Non estamos moi lonxe de pedir cita no Sergas mediante un asistente de voz. Son necesidades actuais e os falantes non poden quedar excluídos», indica o director do ILG, un organismo que concentra boa parte dos seus esforzos en estudar o que pasa arredor dos idiomas, sendo algunhas das súas liñas de investigación as ideoloxías das linguas ou a transmisión do galego no seo da familia.

Educación

No eido educativo, unha das campañas de normalización que máis transcendeu nos últimos anos foi 21 días co galego. A profesora Pilar Ponte púxoa en marcha no IES da Pobra do Caramiñal no 2013 e hoxe está presente en máis centros de ensino, conta cun blog con material educativo e tamén promove un achegamento á cultura galega. A idea inicial era sinxela: que a rapazada empregase a lingua durante tres semanas, tamén fóra das aulas de galego e dun xeito natural. «Entre todos creamos un espazo agradable para falar galego. Tanto para os que xa o usaban un pouco, como para os que estaban empezando. É importante motivar os que empezan, pero tamén conseguir que os que falan galego non o abandonen», explica a docente, quen contou coa axuda de distintas personalidades públicas que enviaron vídeos animando a usar a lingua.

Por outra banda, Ponte recorda que a implicación das familias foi fundamental: «Había rapaces que mesmo usaban o galego na casa sen ser galegofalantes, e iso foi toda unha sorpresa», apunta. E pon en valor a actitude de cada vez máis parellas novas castelanfalantes que queren que os seus fillos sexan bilingües: «A lexislación di que o alumnado ten que rematar os seus estudos con igual competencia en galego que en castelán, pero na realidade non é así».

Con esa idea naceu 21 días co galego: «Ás veces hai quen nos acusa de querer impoñer o idioma, pero nós defendemos a liberdade lingüística. E para que os rapaces sexan libres teñen que dominar ambas linguas por igual. En contra do que poidan dicir os pais, eles teñen o dereito a recibir aulas en galego para aprender e logo escoller cal queren usar na súa vida», reflexiona a docente.

Empresa

A responsabilidade social corporativa das empresas non só ten que ver co medio ambiente, senón tamén coa lingua e a cultura. Así o defenden colectivos como o Foro Enrique Peinador, cuxo obxectivo é normalizar a lingua no ámbito socioeconómico. «Algunhas empresas aínda viven á marxe da identidade cultural do país, pero nós insistimos na importancia de usar o galego», sinala Xosé González, presidente do foro, quen aínda lembra o primeiro convenio colectivo que defendeu os dereitos lingüísticos dos traballadores: foi o de Larsa, no ano 1989. «Asegurábase a comunicación oral e escrita coa empresa. Isto é algo que pouco a pouco foise estendendo e os contratos e as nóminas xa se empezaron a facer en galego», recorda.

O uso do idioma, sostén o Foro Peinador, implica unha chea de oportunidades comerciais. «Nun mercado cada vez máis global, a lingua é un elemento de singularización. O galego é denominación de orixe e eu sempre digo o mesmo: que pensaría un consumidor dun whisky ou dun viño do Porto etiquetados en castelán? A lingua distingue o produto gourmet», di González, quen anima a cidadanía a premiar nas súas compras aquelas empresas que apostan polo idioma.

Henrique Monteagudo, académico da RAG: «Precisamos unha política lingüística integral que saiba ensamblar os distintos axentes»

Ao fío da enquisa trimestral de Sondaxe sobre usos lingüísticos en Galicia, o profesor e membro da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, escribía un artigo en La Voz en que reflexiona sobre a situación da lingua e o papel dos distintos actores sociais do país: desde a cidadanía ata as institucións públicas. No seu texto, Monteagudo remataba cunha pregunta sobre o que resta por facer para reverter a situación actual; unha pregunta complexa e para a que o académico non ten resposta única. «Antes de calquera proposta convén facer unha análise do que está a acontecer. E aquí hai algo que está claro: un rapaciño de familia galegofalante que entra na gardaría vai perdendo a lingua a medida que pasan avanza na escola».

Alén de diagnoses e estudos, o académico pon o foco nos usos do idioma por parte da mocidade. Ou mellor dito: nos non usos. «A presión a favor do castelán é moi grande e moitos rapaces quedan como bichos raros nun curruncho», comenta o docente, quen aposta por un traballo coordinado entre administracións para enfrontar a perda de falantes. «Hai moitas actividades de conciliación para pequenos que organizan os concellos coa idea de que se desenvolvan en galego, mais na práctica a empresa que se encarga diso non o cumpre», apunta Monteagudo, se ben recoñece a importancia de ter un liderado político visíbel. «Precisamos unha política lingüística integral que saiba ensamblar os distintos axentes. Loxicamente, aí ten que ser a Xunta quen se encargue de facilitalo».

Outra das ferramentas imprescindíbeis para a normalización lingüística é a existencia de referentes en lingua propia, mais o académico da RAG lembra que, para iso, cómpre ter medios en que poidan aparecer. «Fenómenos como Tanxugueiras ou o Dígocho Eu da TVG son fundamentais, pero precisan dun medio para que a xente os vexa. Ás veces falamos do galego e a xente nova entende que é unha idea abstracta, pero non é así. Teño alumnado castelanfalante que é sensible á lingua grazas ao Xabarín», defende Monteagudo, ao tempo que pon en valor o Día das Letras como unha ferramenta de conexión coa rapazada. «Moitos profesores dixéronnos o importante que foi a figura de Xela Arias [homenaxeada nas Letras Galegas 2021] para chegar á xente nova. É unha figura moderna e iso axuda moito».