Verónica Codesal, segundo posto en Eurovisión 2003: «Se volvese ao festival sería cantando en galego»

borja casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

A cantante galego-belga, Verónica Codesal, nunha foto recente durante unha viaxe en Ons
A cantante galego-belga, Verónica Codesal, nunha foto recente durante unha viaxe en Ons Scene Off

Nacida en Bélxica e con raíces en Guitiriz, Verónica participou no festival de Eurovisión co país belga e quedou segunda cun tema nun idioma inventado. Agora é profesora de ritmos do mundo en Bruxelas e cantante en varios grupos

12 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai ano que Verónica Codesal (Uccle, Bélxica, 1977) non pense en Eurovisión. Unha vez máis, a gala deste sábado vaille recordar unha experiencia difícil de esquecer: a súa participación no festival do ano 2003, en que quedou segunda a dous puntos de gañar. Daquela gañou Turquía e Beth participou por España.

A cantante belga, con nai e pai de Guitiriz e a cultura galega moi presente na súa vida, acudiu en representación de Bélxica e co grupo Urban Trad. Presentaron un tema nun idioma inventando coa idea de «que toda a xente puidese conectar coa canción, cada un como quixese», explica Verónica. Iso si, se dependese dela, hoxe a lingua escollida sería outra: «Se volvese a Eurovisión sería cantando en galego, sen dúbida»

A explicación ten que ver coas raíces da cantante, quen medrou e desenvolveu a súa carreira entre música tradicional. Xa con oito anos comezou coa pandeireta e o baile galego. Actualmente vive en Bruxelas, onde é profesora de ritmos do mundo para nenos de entre seis e dez anos, que cantan en galego, italiano e outras linguas. «Tocamos instrumentos como as cunchas e resúltalles moi divertido», di artista galego-belga.

Verónica tamén fai parte de conxuntos como Gaizka Project (un proxecto de distintos músicos que mesturan música galega, vasca e catalá) ou Ialma, un grupo de cantareiras localizado en Bruxelas e que ten xirado dentro e fóra do país belga. «Aquí ten moi boa acollida polo xeito de cantar e tocar. E para os belgas é moi emocionante saber que mantemos viva unha lingua que non se podía falar nunha época», comenta Verónica. «E cando actuamos en Galicia sorprende moito por sermos de Bélxica. E os nosos arranxos son distintos», engade. O último das cantareiras, titulado Camiño, fala precisamente da emigración e das súas raíces galegas.

A súa experiencia eurovisiva recórdaa con agarimo e algo de impresión pola dimensión do evento. «Non agardabamos quedar segundos e a dous puntiños de gañar. Era un grupo pequeniño que acababa de empezar e nun escenario onde sabes que te van ver millóns de persoas. E desde Galicia seguíronnos moito. Eu xa levaba uns cantos palcos e pensei que sería unha actuación máis, pero logo si que me puxen nerviosa», lembra a artista, quen mesmo pensou en berrar o Nunca Máis, polo Prestige, no momento da actuación.

Verónica Codesal, coa pandeireta, nunha manifestación na praza do Obradoiro (Santiago) polo Nunca Máis no 2003
Verónica Codesal, coa pandeireta, nunha manifestación na praza do Obradoiro (Santiago) polo Nunca Máis no 2003 SANDRA ALONSO

E como sería hoxe? Pois Verónica cre que moi diferente: «Cando vexo todo o que hai agora coas redes... non sei se repetiría. Agora é distinto e estás moi exposta no persoal. Ves todo o que se dixo de Chanel e digo ‘‘pobre'', pero aínda así repetiría con orgullo». E faríao cunha proposta en clave galega, como a que case levan as Tanxugueiras. «Cando as vin no Benidorm Fest volvín vivir o do 2003. Moitos nervios e a pel de galiña, pero ao final non puido ser. Aínda que agora enchen escenarios e iso é moi bo».

Verónica Codesal, xunto ao seu fillo Aldán, durante unha viaxe recente en Ons
Verónica Codesal, xunto ao seu fillo Aldán, durante unha viaxe recente en Ons Scene Off

E a falta das Tanxugueiras, Verónica recoñece que aínda non ten lista de favoritos para a gala deste sábado. Na súa casa ese traballo faino outra persoa: o seu fillo Aldán, de 13 anos. «Eu estou menos ao tanto, aínda que desde que participei xa é unha tradición seguir a gala. A lista faina o meu fillo, que desde que sabe que a súa nai foi a Eurovisión non perde unha». E ademais de ser un fan eurovisivo, Aldán continúa coa tradición que aprendeu na casa e, segundo conta orgullosa a súa nai, «xa canta en galego».

Fun

Segundo posto en Eurovisión no 2003 con Bélxica, cando foi Beth por España, e gañou Turquía.

Son

Artista e profesora de ritmos do mundo para rapaces en Bélxica.