Camilo Nogueira: «Que Galicia é unha nación é evidente, foi a creadora de Portugal e de Brasil»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Camilo Nogueira posa na súa casa
Camilo Nogueira posa na súa casa PACO RODRÍGUEZ

Enxeñeiro, político nacionalista e medalla Castelao 2022 agradece este recoñecemento que recolleu o pasado luns e que colocou sobre a mesa do salón da súa casa. Cre que Ana Pontón está convencida do que ten que facer e que se non goberna será por moi pouco

03 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O enxeñeiro Camilo Nogueira (Lavadores, Vigo, 1936) é un dos pais do Estatuto de Galicia. Militou e fundou distintos partidos de esquerda nacionalista ata que en 1995 se integrou no BNG. Foi parlamentario galego e eurodeputado. O luns, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregoulle a medalla Castelao pola súa contribución ao autogoberno e ao pensamento nacionalista. Tena sobre a mesa do salón da súa casa de Santiago, entre libros e fotos da súa compañeira e nai das súas dúas fillas, Paz López, falecida no 2020, na que pensa acotío. O galardón foi «unha gran alegría» que recolleu dende a súa idea do carácter de Galicia.

—Non choca que a Xunta do PP recoñeza a un nacionalista?

—O presidente da Xunta actuou moi correctamente. Agora está gobernando o PP, pero había xente do BNG, do PSOE, o arcebispo, xente diversa de Santiago e da miña época. Non ten que ver. Logo xantamos como amigos.

—Na súa traxectoria, con que momento quedaría? Co Estatuto?

—É difícil. Eu contribuín plenamente ao Estatuto de Autonomía e tamén no Parlamento, foi alí onde xurdiu a idea de que Castelao volvese a Galicia.

—Debeu ser emocionante.

—Moito. Eu pedino inicialmente, pero trouxémolo entre todos. Agora está nun sitio precioso na súa terra. Pedino pensando que Castelao non podía estar abandonado. Mira os libros que fixo, o seu inmenso traballo, pero quedou como abandonado.

—Houbo algunha resistencia?

—Houbo unha certa agresividade da xente que non quería que viñese, porque non estabamos aínda nun tempo plenamente democrático. E cando acudín a levalo ata alí [o Panteón de Galegos Ilustres], había unha parte dos antigos, que eran, por así dicilo, os «donos do Castelao». Berráronme de todo. Pero foi un éxito e moitos que estaban en esa posición arrepentíronse despois.

—Fálase de reformar o Estatuto.

—Non me atrevo a dicir se hai que cambialo, o que si sei é que hai que darlle forza á idea de que Galicia, Portugal e Brasil son o mesmo, é vital. Coa miña muller viaxei polo mundo enteiro, pero moi en especial por Portugal e Brasil, e en Brasil o que fala a xente é galego. Por exemplo, Lula, que pode volver ser presidente, chamáballe á súa muller [Marisa Leticia Rocco, falecida no 2017] «a minha galega». Porque a idea de Galicia está aí.

—Lula coñece Galicia?

—Non sabería dicir canto, pero falamos de todo. Cando gañou, eu estaba alí con el. Era o único de fóra. Agora que pode volver... se aparezo vaime dicir: «Home, ti aquí». Seguro que se porá contento. Non sei se o farei, porque teño os meus anos e igual é moita aventura, pero non o descarto.

—Déixeme volver ao Estatuto. Ana Pontón propuxo hai uns días modificalo para que recoñeza a Galicia como nación, como o ve?

—Estou totalmente de acordo. Nós xa fixemos que a Constitución falara de nacionalidades e rexións, así que en certo modo xa o é. Pero estou de acordo. Portugal é unha nación? Pois que Galicia é unha nación é evidente, foi a creadora de Portugal e de Brasil. Se é a creadora dos outros, como non vai ser nación.

—O final é a independencia?

—Unha cousa é ser independente ou non, non me meto niso agora. Aínda que estou de acordo en que hai que poñer en marcha moito máis as nacionalidades e as rexións, que están ao principio da Constitución. E dicir que Galicia é nación, sen ningún tipo de dúbida. Pero se ademais dis que Galicia se prolonga en Portugal e Brasil, é así. Falan o galego. Lula falaba «a minha galega». É así.

—Como ve a Galicia no futuro?

—Eu podo falar do que quero que pase no futuro. Galicia é indiscutible, non fai falla, creo, que diga nada. Pero eu quero concibir a Galicia nesas tres fases: Galicia, Portugal, Brasil. Agora Galicia e Portugal van moito dun lado para o outro. Estes días faláronme dunha das empresas galegas que se implantaron en Portugal xusto ao outro lado, e tamén de Altri. Iso é importante.

—No Parlamento europeo falou galego. Que lle parece que no Congreso se rexeitara o seu uso e o do catalán e do vasco?

—Os que o propuxeron fixérono con toda a razón, e penso que foi moi torpe rexeitalo. O catalán dende un punto de vista xeográfico é máis pequeno. Pero o galego é universal, case como o castelán, porque os brasileiros son moitísima xente e está Portugal.

 

«Feijoo traballou bastante, se non fose el, o PP non ía gañar»

Nogueira está facendo un libro sobre a súa etapa no Parlamento europeo (1999-2004). É un firme defensor do proxecto da UE.

—Preocúpalle que coa guerra de Ucraína a Unión Europea orbite cara a Estados Unidos e a OTAN?

—Europa é moita cousa. Hai un problema con Rusia porque ese [Putin] é moi mala xente, «mátame a este, mátame ao outro». Agora protesta porque Finlandia e Suecia queren entrar. Non ten sentido o que está facendo. Que Europa se leve ben cos Estados Unidos non é raro, pero a democracia europea non ten nada que ver coa de alí. E nós aquí non amamos a eses señores.

—Vostede é crítico co «españolismo». Que efecto terá nesa forma de pensar o liderado no PP de Feijoo, que fai gala de ser galego?

—Son crítico porque eu non son español. Eu estou en Galicia e no mundo. Feijoo traballou bastante. Se non fose el, o PP non ía gañar tal e como están as cousas. Non está tan á dereita como Pablo Casado, que non pintaba nada. Non está claro que o sexa, pero estase presentando como unha alternativa máis aceptable ao PSOE.

—Ve a Pedro Sánchez fóra?

—É odiado por algúns por aí adiante, pero estao facendo ben. Aquí non veu para nada. E iso que ten a Nadia Calviño, unha galega. Galegos hainos así [fai xesto de abundancia coas mans].

—E iso, por que ocorre?

—Non ten importancia, pero a proba de como é Galicia é que incluso en Madrid, no poder, unha boa parte son galegos.

—Moitos aquí pensan que pouco nos traen de volta.

—Pois eu creo que Galicia está de moda. Mira toda a xente que vén. E hai quen di: «Pero cada vez somos menos». Non. Somos máis. Pero os máis aparecen noutros sitios. Hai galegos en Madrid, en Cataluña, en Portugal, en Brasil e noutros moitos lugares fóra da Península.

 

«Ana Pontón está moi convencida do que ten que facer, se non goberna vai ser por moi pouco»

Nogueira garda numerosos recordos da súa familia e do seu pai, co que ten un gran parecido. «Tamén un dos meus netos», di con un sorriso. A exhaustiva biografía de Castelao de Miguel Anxo Seixas Seoane é unha das súas lecturas de cabeceira. Segue a actividade política, e pensa que é posible un cambio en Galicia.

—Gobernará Pontón no 2023?

—Si, eu penso que si. É máis posible agora que Feijoo quere gobernar España. A Rueda non creo que a xente o coñeza demasiado.

—Vostede aposta por un nacionalismo que non se dirixa só aos seus votantes, senón a todos os galegos. Vai Pontón por aí?

—Penso que ela está moi convencida do que ten que facer. Non estou dicindo que todo vaia ser un prodixio e tal. Pero está moi segura e eu confío nela. Ela cambiou cos anos e fixo un cambio para ben. Ten conciencia do que ten que facer. É certo que se terán que poñer de acordo co PSOE, pero se non gañan de todo vai ser por moi pouco. Estiven falando con [Valentín González] Formoso na entrega das medallas e ben, e tamén coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

—Supoño que tamén coincidiu con Pontón na entrega das medallas.

—Si, e estaba moi contenta. Lévome ben con ela. Eu fun defensor da liña que me dicías e tiven que pelexar moito con xente como os tradicionais, que querían dispor de Castelao. Cando entrei no BNG eu seguín mantendo esa liña. Ela viaxou a Uruguai e Arxentina [para reunirse coa diáspora galega] e é moi diferente en todos os sentidos.

—Que foi deses tradicionais dos que falaba, aínda mandan?

—Agora xa non, pasou o que pasou e non saben que facer.

—E despois da experiencia do bipartito...

—Moi mala.

—Non haberá xente no BNG con medo a repetila porque o país aínda non está preparado, e que prefira esperar para gobernar?

—Que va, en absoluto. Chámame a atención que [Anxo] Quintana, agora non sae nada e non sei moito del. E Touriño tamén desapareceu. Se naquela época chegaran a gobernar entre os dous, pois podía ser, pero non saíu ben. Sobre o que me preguntabas, non hai obstáculos.

—Pero en ocasións fálase de diferenzas entre Pontón e Néstor Rego, por exemplo.

—Néstor, o que é deputado en Madrid? Non, lévase ben con Ana. Tamén me felicitou no acto desta semana, e moi ben. De verdade que non hai obstáculos dentro do BNG, ningún.