Ana Pontón: «Onde mellor saben que hai un cambio político imparable é no PP»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán Soler

«A loita contra o cambio climático parece que era un 'bluf' dentro da UE»

24 jul 2022 . Actualizado a las 09:40 h.

Entre San Martín Pinario e a rúa do Vilar de Santiago, a Ana Pontón (Sarria, 1977) fáltalle citar o verso «os tempos son chegados» de Pondal para anunciar un destino que ela ve manifesto para o 2024: o BNG gobernando Galicia.

—Non teme vender a pel do oso antes de cazalo?

—Estou convencida de que hai unha maioría que quere cambio e de que este país necesita unha presidenta con mans libres para defender os intereses dos galegos. Onde mellor saben que hai un cambio político imparable é no propio PP. Cando dimite Feijoo non convocan eleccións porque saben que as perderían, e hoxe temos un presidente ao que os galegos non elixiron como tal.

—Denunciou erros da Xunta na loita contra o lume, pero estes días ardeu en Zamora, Cataluña ou Londres. Que se fixo mal aquí?

—A política forestal dos últimos 30 anos marcouna o PP. Temos o monte abandonado, cun despoboamento e unha falta de ordenación brutal. A consecuencia é un problema de seguridade, arden vivendas e houbo miles de desaloxados. Estes lumes teñen que ser un punto de inflexión cara un modelo que prime a ordenación e a prevención. E non pode ser que en días de máximo risco parte do dispositivo non estea listo. Hai que tomar nota dos erros e corrixilos. Pero o PP, en vez de protexer o medio ambiente, vai na dirección contraria.

—Se o di polo sector eólico, frealo non lastrará as novas industrias?

—Estamos en contra de que se poña etiqueta verde a un bum eólico depredador que supón o espolio enerxético do país. Esta crise dinos que Galicia necesita un novo modelo no que produzamos alimentos, teñamos industria e apostemos polo talento e a sostibilidade. O deseño do PP é só turismo e eólicos ao servizo das eléctricas, non do país.

—Os proxectos de Showa Denko ou Alcoa dependen de novos parques, non hai risco de perdelos?

—Cando máis se perdeu foi coa paralización do decreto eólico do bipartito. Feijoo beneficiou a Iberdrola indo en contra dos intereses de Galicia. Agora parar o bum eólico depredador é a gran oportunidade para poñer a enerxía ao servizo do país, con beneficios como unha tarifa máis baixa nas zonas produtoras, como ocorre en moitos países europeos.

—Errou o Goberno ao pechar as térmicas das Pontes e Meirama?

—O que creo que estamos vendo é que a loita contra o cambio climático parece que era un 'bluf' dentro da UE. Paréceme un pitorreo que pasemos de dicir que hai unha emerxencia climática e temos que actuar a ir na dirección contraria. Defendemos a descarbonización, pero con unha transición enerxética xusta. Tamén para os habitantes das Pontes. Unha empresa que explotaba os nosos recursos non pode marchar sen alternativas.

—O respaldo de País Vasco, Cataluña e outras comunidades ás reivindicacións da Xunta no eido sanitario non botan por terra as críticas á xestión do Sergas?

—Cando se tardan dúas semanas para poder ir ao médico a situación é crítica. Denúnciano o persoal e os usuarios. É lamentable que o Goberno do PP cando ten que buscar solucións busque culpables. O persoal que se vai xubilar sábese dende hai dez anos, por que non se anticiparon? E non solo falta persoal. A metade dos mir de atención primaria non acaban en Galicia. Hai profesionais que firman 40 contratos nun ano. É un síntoma da precariedade no sistema. Foxen dela.

—Formoso di que o BNG deberá renunciar á súa pretensión de independencia de Galicia para ir a un bipartito, como o ve?

—O BNG é unha formación política moi clara. Defendemos que canta máis capacidade de decisión teña, mellor lle irá a Galicia. Agora estamos centrados en darlle unha alternativa forte aos galegos, e non nos imos despistar.

—Pero se gobernan que poden esperar os galegos nese eido?

—A nosa estratexia está clara e ímola levar ao Parlamento. O básico é que se cumpra o Estatuto porque os que se declaran autonomistas logo non queren cumprilo. Queremos máis capacidade de decisión e imos pedir formalmente a reforma do Estatuto, porque cando deciden os galegos vainos mellor que cando o fan dende Madrid,

—Néstor Rego presentou con Bildu e ERC unha iniciativa que falaba dun conflito entre o Estado e os pobos vasco, catalán e galego, é todo equiparable?

—Penso que é indiscutible que o Estado español é plurinacional, pluricultural e plurilingüe, e facer unha estrutura do Estado que sexa acorde vai ser un avance dos dereitos, as liberdades e mellorar as condicións da vida da xente.

—Camilo Nogueira díxome que vostede cambiou moito...

—Será polo corte de pelo (ri).

—...E que a experiencia do bipartito foi malísima, compárteo?

—O que está claro é que hai un cambio que necesitamos, que o BNG, a única forza política coas mans libres, poida dirixir o futuro do país. E que o faga dende a convicción de que Galicia é máis que o que está pasando, porque temos un país que vai a menos.

—Funcionaría mellor un bipartito co BNG na cabeza?

—Creo que hai experiencias positivas e negativas, o importante é aprender dos erros do pasado e traballar cara o futuro.

MOI PERSOAL

—A onde iría de vacacións e a onde irá?

—Encantaría ir a Nova Zelandia, por certo, liderada por unha muller. Paréceme un país cunha riqueza natural impresionante e moi diferente ao noso. Estarei entre a miña casa familia en Chorente e Carnota, dous lugares nos que desconecto e dos que a miña filla, Icía, goza tanto coma min.

—Que é o máis curioso que lle pediron en eleccións?

—Que lle enviase por teléfono un saúdo á súa filla porque non puidera ir ao mitin na praza de María Pita que ía empezar.

—Que lema lle poría ao seu partido político?

—Galiza, na cabeza e no corazón.

—A que rival político ficharía?

—Irene Montero, pola súa coraxe diante dos ataques da caverna.

—En que progresou adecuadamente?

—Ser nai fíxome ter unha mellor xestión do tempo e tamén mellorou a miña capacidade para saír do máis inmediato e pensar a longo prazo.

—En que necesita mellorar?

—Son moi perfeccionista, o que non sempre é unha virtude, e penso que cada día teño oportunidade de aprender e mellorar.

«Non é o momento de ampliar o gasto militar, e defenderémolo nos orzamentos»

Pontón reivindica o traballo e a influencia do BNG no Congreso.

—Acusar ao PP e ao PSOE dun pacto de silencio na A-6 non é duro? Podería ser encubrimento.

—O duro é que haxa empresas condenadas por estafar ao Estado e non se faga nada. É incomprensible que caia un viaduto con 20 anos e non haxa responsables. Non sabemos nin as causas nin cando volverá a normalidade. Non sabemos como está a auditoría que a ministra se comprometeu co BNG a facer. Non se pode matar ao mensaxeiro, o BNG non vai calar ante a corrupción. —Nin Next Generation, nin trens Avril, nin competencias do litoral: que ten o Goberno con Galicia?

—Tamén me fago esa pregunta. Era máis adecuada para facerlla ao propio Goberno ou á Xunta. O BNG cun deputado conseguiu a maior rebaixa de peaxes na AP-9 da nosa historia. E podo dicir que unha presidenta do BNG non estaría de brazos cruzados ante os incumprimentos. É o declive e a incapacidade do PP para defender os intereses do país.

—O Goberno terá que negociar orzamentos: aí teñen a vía, non?

—Cando temos capacidade para ser decisivos usámola en favor de Galicia, e imos poñer os seus intereses sobre a mesa. Pero sabemos o peso que temos, un deputado. Un grupo máis forte sería a mellor maneira de defendelos, porque o bipartidismo sempre discrimina a Galicia. Tamén me chama a atención a submisión do Goberno galego aos intereses de Rajoy e agora de Génova. Están no canto peor para os galegos mellor para o PP.

—Mellor con Feijoo entón?

—Non cambiaría nada, foi submiso e calou cando, por exemplo, se vetou a transferencia da AP-9.

—Nunha entrevista para La Voz en maio dicía que tiña que pensar unha virtude de Alfonso Rueda, atopoulla?

—[Ri] Todo o mundo ten virtudes, pero teño a sensación de que pasamos dun presidente accidental a un insubstancial e sen capacidade de defender a Galicia.

—Morren ducias de inmigrantes en Melilla, o Goberno amplía o gasto militar: non se arrepinten de apoiar a investidura de Sánchez?

—Nós fixemos un acordo de investidura, non de lexislatura. O que pasou en Melilla ten que ser investigado. As vidas das persoas teñen o mesmo valor. Non é momento de ampliar o gasto militar, e defenderémolo nos orzamentos. Por certo, é unha medida que apoia o PP, e o PSOE saberá con quen acorda. Para nós é momento de protexer as pensións e os servizos públicos.