Pedro Alonso Iglesias, biólogo: «Durmo máis no monte que na casa»

María Guntín
MARÍA GUNTÍN LUGO / LA VOZ

GALICIA

OSCAR CELA

Conta que son os animais e a natureza os que lle dan sentido á súa vida, vencellada ao campo: «Cinco minutos nun centro comercial chegan para poñerme de mal humor»

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha conversa con Pedro Alonso Iglesias (Vigo, 1966) é unha clase maxistral para entender como é vivir entre árbores e animais. Acostumado a pasar unha de cada tres noites durmindo ao raso, atopa a súa paixón no bosque, coa fauna salvaxe como a mellor das compañías. «Ves como lles brillan os ollos á luz do foco cando vas por leña», explica o biólogo sobre os seus encontros cos lobos. Agora, cun pé na serra Xistral (Lugo) e outro no Invernadoiro (Ourense), Alonso conta que son os animais e a natureza os que lle dan sentido á súa vida.

—Por que estudou Bioloxía?

—Por Félix Rodríguez de la Fuente. Aínda lembro cando, de cativo, os domingos poñía o magnetófono e mandaba calar a familia para escoitar os documentais. Entre unha cousa e outra, acabei de ornitólogo.

—E cando comezou a ir ao monte?

—Con 13 ou 14 anos xa estaba colgado dos prismáticos. De vocación, primeiro fun naturalista; despois, biólogo.

—Animal favorito?

—Non teño ningún. Gústame o lobo, coa súa interpretación da liberdade do monte. Pero tanto me gusta el coma unha bolboreta de cores. Agora, no senso vocacional, céntrome en toda a fauna da montaña galega. Dende aguias reais a mamíferos.

—Unha infancia chea de excursións, polo que conta...

—Eu estaba no grupo naturalista Erva. Iamos ao monte para confeccionar as fichas do atlas de vertebrados de Galicia. Eramos un grupo de rapaces. Aí comezou a miña historia.

—Cando empezou co lobo?

—Dende 1989, a estudalo máis intensamente e deseguido.

—E durante canto tempo?

—Eramos un grupo de cinco persoas, con catro axentes de Medio Ambiente. Botamos anos polo monte, percorremos todos os bosques de Pontevedra daquela, entre 1990 e 1997. De alí saíu, despois do censo do experto Felipe Bárcenas de 1988, a primeira estimación parcial de poboación no suroeste de Galicia.

—Tivo desencontros co lobo?

—Non, co lobo non. No ano 1995 compatibilicei o meu traballo nunha consultaría con outro na USC para confeccionar un doutoramento sobre o lobo na serra do Xurés. Acababa de crearse o parque natural e dixéronnos que non era procedente capturar lobos e pórlle colares porque os ían matar e dicir que os soltaba o propio parque natural. Quedei co mel nos labios, e abandonei o proxecto.

—Como o xestionou?

—Seguín con cousas do lobo, pero xa sen relación coa universidade. Frustreime.

PILAR CANICOBA

—Agora percorre os montes de toda Galicia.

—De Pontevedra saltei á provincia da Coruña, fixen unha aproximación para coñecemento propio. Despois, sobre o 2009, un compañeiro e mais eu fomos poñer ao macizo central ourensán as primeiras cámaras de fototrampeo de Galicia para seguimento intensivo das poboacións de lobo. Entón, entendemos que as cámaras aportaban información que era moi difícil conseguir andando.

—E agora de que vive?

—O meu traballo é de asesoría e consultaría de medio ambiente. Como tiña que facer seguimentos de impacto ambiental de parques eólicos no norte de Lugo, acabeime lanzando á provincia que me faltaba. Entón foi cando descubrimos que esa zona era das que máis densidade de lobo tiñan de todo o planeta.

—Falemos de sustos e medo.

—A ver... Estivemos anos traballando a carón dos ríos, atopabamos furtivos, auténticos botellódromos de lixivia nos ríos... Outra vez, no Xurés, estaba durmindo nunhas penas de granito e sentín unhas voces de madrugada. Ían plantar lume. Non se me ocorreu outra cousa que imitar un lobo. Fuxiron.

—Ten historias e historias...

—Vai outra dun día no que espertei por unha verbena. Estaba no monte, pero sentín que tocaban unha canción de Los Manolos, co seu nainonainonai. Contestaron os lobos pequenos, ouveando, pensando que era unha chamada para eles.

—Dorme máis no monte ou na casa?

—No monte [ri]. Nos últimos anos, unha noite de cada tres pásoa á intemperie. Cando chove monto a tenda. Se non, ao rente.

—Con que sensación queda?

—As noites estreladas, durmir nunha fraga, a lúa, os sons... É espectacular vivir así.

—Camúflase entre o monte.

—Despois de tanto tempo podo dicir que o teño controlado.

—Agora con que está?

—Estamos coa distribución, poboación e impacto do lobo a través da depredación sobre o cabalo bravo no norte de Lugo.

—O lobo está rodeado de mitos...

—Teño que contar algo. Un día cedo pola mañá sentín cachorros de lobo e escoitei a voz dunha anciá, pero non apareceu. Tempo despois atopei unhas pantuflas de señora aos pés do camiño. Lembrei os relatos que falaban da peeira dos lobos, unha lenda que fala da muller que sobe ao monte para coidalos.

—Como é Pedro Alonso?

—Resistente e hermético. Gústame alimentar o espírito contemplativo, as paisaxes énchenme tanto coma unha boa comida.

—O máis importante da vida?

—Encontrar sitios nos que alimentar esa apreciación da natureza.

—Nunca precisa cidade?

—Cinco minutos nun centro comercial chegan para poñerme de mal humor.