Emilio Grandío, historiador: «A memoria histórica é a memoria de quen loitou para conseguir a democracia»
GALICIA
A Xunta vén de recibir 100.000 euros do Goberno para exhumar tres fosas comúns
25 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Entre as cincuenta fosas comúns con cidadáns fusilados que deixou a ditadura en Galicia, once continúan aínda sen intervir. A elas hai que sumar as que aínda non están rexistradas. Agora, o Goberno vén de entregar á Xunta máis de 100.000 euros para exhumar tres fosas nos concellos de Lousame, A Capela e Celanova. É a primeira vez que se habilitan axudas directas do Estado para estes labores. Emilio Grandío, profesor de Historia Contemporánea na USC e especialista en memoria histórica, valora ese paso e conta como foron aqueles anos de pedra trala sublevación franquista.
—Son importantes as axudas?
—Por suposto, e deberían terse executado moito antes. Estamos a falar de algo sanguento, porque son restos humanos, e as familias levan agardando 90 anos por eles. É unha cuestión de humanidade, do dereito da xente a enterrar aos seus mortos.
—Cando se producen os fusilamentos das persoas que están nas fosas?
—Os anos máis intensos foron entre o 1936 e o 1938. Pero ata os anos 50 continúan existindo fosas comúns, de xente que é asasinada e fusilada.
—Cales eran os puntos quentes da represión neses anos?
—Houbo lugares onde existiu máis represión ca noutros. Pódese falar da Coruña ou de Ferrol, cidades que os primeiros días trala sublevación fan fronte para defender a República, pero son tomadas en pouco tempo. Tamén hai lugares onde se pode pensar que non, mais onde tamén existiu unha grande represión. É o caso da ponte do Barqueiro, en Mañón, onde a loita contra a chegada das tropas sublevadas foi importante. Non obstante, falarmos de puntos quentes é complicado porque a represión non se mide só en mortes.
—Como era esta represión?
—A represión era un estado xeneralizado, un aparello estatal absolutamente impune en que o cidadán non tiña ningún tipo de defensa. A forza era absoluta diante de calquera feito e levaba a unha represión que non se mide só en mortes, senón tamén na sensación que deixa na sociedade de que o Estado podía reprimir e saír impune de todo iso.
Deixou efectos físicos —mortes, segue habendo cadáveres nas cunetas—, mentais —medo e trauma que persistiu durante moitos anos— e económicos. Hai tamén outros elementos represivos que nos chegan ata hoxe en día, como a indiferenciación coa política e a consideración dos políticos como algo alleo a nós. O trauma, en parte, séguese mantendo.
—E a situación das mulleres? Era diferente?
—A muller é a grande esquecida. Isto acontece, en grande parte, porque non temos fontes sobre ela. Nas cifras das que dispoñemos hoxe en día só se observa un 5 % de mortes femininas. Pero o grao de represión sobre a muller é moito maior do que indican as cifras de mortes. Elas sufrían violacións pero eran tamén afastadas e condenadas pola propia comunidade. Moitas eran nais e mulleres de homes mortos e fusilados, e quedaban sen nada. Era unha represión psicolóxica. Tamén hai que ter en conta que a muller non era considerada un suxeito político.
—É importante dar a coñecer as historias e os lugares da represión?
—Teñen que ser recoñecidos polo seu valor pedagóxico fundamental para as novas xeracións, que deben saber como se constrúe unha democracia e como cultivala. A memoria democrática non é só a memoria dos mortos, senón a de quen loitou pola democracia ata a Constitución de 1978. Unha sociedade democrática precisa saber que ten un pasado antidemocrático.
—Que opina das leis de memoria histórica?
—Son importantes. O Estado debe involucrarse e garantir o mantemento e a difusión dos valores democráticos, porque son totalmente diferentes aos dunha ditadura. Tamén son leis de reparación, das persoas que sufriron a represión.
—Un problema recurrente é que hai límites para documentarse sobre esa época.
—Hai impedimentos no acceso aos arquivos, o que dificulta documentarse e traballar sobre o pasado. Os arquivos precisan dunha cantidade de investimento maior para que profesores, investigadores e familiares daqueles implicados nestes feitos, coñezan o seu pasado. É investir en beneficio da sociedade democrática, semella que a nova lei de Memoria vai mudar algo.