Vanesa Rial, exxogadora olímpica: «Non volvín xogar ao rugbi»

Candela Montero Río / R. S. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Vanesa Rial, a semana pasada, no instituto no que da clase de Educación Física
Vanesa Rial, a semana pasada, no instituto no que da clase de Educación Física CESAR QUIAN

Conseguiu un sétimo posto coa selección española nos Xogos de Río de Xaneiro. «Foi un soño», recorda. Segue vinculada ao deporte, traballando agora como adestradora

17 nov 2022 . Actualizado a las 14:50 h.

Vanesa Rial (Boiro, 1982) estudou para ser profesora de Educación Física e a iso se dedica. Polo medio foi unha das xogadoras con máis éxitos na historia do rugbi español. Desenvolveu a súa traxectoria deportiva no coruñés club CRAT e na selección nacional, coa que competiu nos Xogos Olímpicos do 2016 en Río de Xaneiro.

Unha lesión que levaba arrastrando durante anos converteu a Copa do Mundo do 2017 na súa despedida do terreo de xogo. E a decisión supuxo un auténtico punto final, pois deixou de practicar rugbi tanto de forma profesional como afeccionada e dende ese momento non houbo outro partido: «Toquei o balón algunha vez, pero non volvín xogar ao rugbi». Aínda que ao que non dixo adeus foi ao deporte, que segue ocupando boa parte do seu tempo libre: «Empecei a facer escalada e sigo indo ao ximnasio e facendo actividade física. Hai que manterse activo e vivo!».

 Da súa época como xogadora ten claro que o que máis bota en falta é «o equipo do CRAT». «Ir adestrar coas compañeiras, o contacto de grupo e, sobre todo, a satisfacción de rematar un partido co teu equipo. Eramos como familia!», lembra. «Ao principio custa moito desvincularse delas, pero pouco a pouco ves que é a fin dunha etapa. Sabemos que a vida dun deportista de alto rendemento ten un final», recoñece.

Vanesa Rial no 2010 (á esquerda) e a semana pasada (á dereita)
Vanesa Rial no 2010 (á esquerda) e a semana pasada (á dereita)

O deporte gustoulle dende nena, pero a paixón polo rugbi non chegou ata a época universitaria: «Comecei nun seminario da facultade. Aí empezou todo. Probei esa disciplina, gustoume e funme involucrando cada vez máis. Ata ese momento nunca tivera contacto co rugbi, eu antes xogaba ao balonmán».

Sobre a súa experiencia olímpica, explica que é agora cando a lembra como «algo real», porque xusto ao rematar non era «consciente do que estaba pasando». «Estabamos todas como nunha nube, vivindo un soño», recorda. «Agora doume de conta de a onde chegamos, que é o máximo ao que pode chegar un deportista», engade. Pero as consecuencias positivas, cre, non foron só para ela: «Os Xogos Olímpicos deron moita promoción ao rugbi e empezou a haber moitas máis licencias femininas».

Cando deixou o deporte profesional, todo o tempo que lle dedicaba ao rugbi empezou a investilo en estudar. Rial dá clase agora no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo, no pavillón no que tantas veces xogou. Aínda que a súa vida segue vinculada tamén ao rugby, adestrando as futuras xeracións, as que, di, nunca lles aconsella que disciplina deben practicar: «O que lles intento transmitir aos rapaces é que teñen que facer deporte, que proben moitos e se queden co que máis lles guste. O deporte fainos mellores persoas, é o mellor medicamento que existe». 

Fun

Xogadora de rugbi no CRAT e na selección nacional, coa que competín nos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro

Son

Adestradora e profesora de Educación Física