Quico Comesaña, músico e compositor, excompoñente de Berrogüetto: «Non sei que opinar de Spotify»

GALICIA

Comesaña fotografado na súa casa de Teis, en Vigo, cunha guitarra e unha arpa céltica
Comesaña fotografado na súa casa de Teis, en Vigo, cunha guitarra e unha arpa céltica XOAN CARLOS GIL

Mestre de instrumentos como o bouzuki, a mandolina ou arpa céltica, compositor e arreglista, vén de sacar o seu primeiro disco en solitario tras oito anos no dique seco por motivos de saúde

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na casa de Quico Comesaña (Navia-Vigo, 1962) a música sempre estivo presente. Seu pai cantaba en coros, e súa nai recordaba os seráns con pandeiretas na súa aldea de Aboal, en Mondariz. Seu irmán maior, Andrés, tiña unha guitarra que foi o primeiro instrumento que caeu nas mans de Quico. «Tiña seis ou sete anos. El, evidentemente, non ma deixaba, pero eu collíaa cando marchaba e trasteaba o que podía». Foi o primeiro contacto cun instrumento musical de quen logo se atreveu con case todo o que tivese corda e, aínda que non o recoñeza, está considerado un experto á hora de facer falar a un bouzuki, unha mandolina ou unha arpa céltica. «Fun descubrindo músicas, e cando dei co folk atopei un universo enorme. Fun entrando e cativoume. A música, cando te colle, xa non te deixa saír», explica. Así que aínda que naquela familia tan musical ninguén consideraba esa afección como unha posible saída profesional, el conseguiu o que moitos buscan e poucos conseguen: vivir da música.

Berrogüetto é, posiblemente, o proxecto máis recordado de quen tamén formou parte de grupos como Fía na Roca ou Armeguin. Pero dende que a formación se desfixo no 2014, Comesaña desapareceu do panorama musical. «Foron oito anos fóra, si. Non me gusta moito contalo, pero é que no 2006 diagnosticáronme un tipo de artrite reumatoide. No 2014 xa estaba nunha situación delicada, con brotes frecuentes, dores moi fortes. Así que aínda que tiven ofertas para seguir na música, decidín desconectarme do mundo profesional, facer vida familiar, que por aquel entón tiña unha filla pequena, e darme tempo para ir probando tratamentos», revela.

Di algún achegado que foi unha época difícil. Que practicamente tivo que volver aprender a tocar. Pero dalgún xeito tamén foi unha época frutífera, xa que serviu para irlle dando forma a Mãe, o seu primeiro disco en solitario, que acaba de ver a luz. «Hai un ano conseguín por fin un tratamento que me foi ben, e vinme con forza para volver. Como calquera músico sempre pensara en facer un traballo en solitario, facíame ilusión facer o meu propio discurso logo de tantos anos na música e amosar as miñas influencias», explica. Por iso, en Mãe hai chiscadelas á música progresiva que o fascinaba nos 80. Tamén están presentes discos que o marcaron, como Dark Side of the Moon, de Pink Floyd, ou o Ommadawn de Mike Oldfield, e influencias máis galegas, como as de Milladoiro ou Emilio Cao.

Todo iso cristalizou nun traballo peculiar. «Ten un formato contraditorio co que se leva agora, no que se pica aquí e alá con temas curtos. Son catro pezas longas, suites instrumentais duns dez minutos. Non sabía se ía gustar, pero o recibimento foi incrible», comenta.

Polo de agora, o disco non está dispoñible nas plataformas dixitais, das que Comesaña non ten moi claro qué pensar. «Non sei que opinar de Spotify e demais, levo moito tempo desconectado, pero estou chapado á antiga e prefiro o formato clásico. De feito, quero sacar un vinilo. Para min hai música que require unha calidade de son ao escoitala e un protocolo parecido ao de cando collemos un bo libro e sentamos a lelo nunha butaca. Merece a pena sentarse a gozala, ler a información que acompaña o disco, tocalo...», di.

Disco Mãe, de Quico Comesaña
Disco Mãe, de Quico Comesaña

Fóra da música, da que confesa que lle atrae máis o proceso creativo da composición e os arranxos que os escenarios —«non son un grande intérprete, son un acompañante de solistas» di con, probablemente, demasiada humildade—, confesa que hai moitos Quicos Comesaña. Un que foi moi afeccionado á astronomía, por exemplo, ou outro apaixonado do modelismo dende moi pequeno. De feito, a portada de Mãe inclúe a imaxe dun Nautilus que el mesmo creou con refugallos do fogar.

Eses e outros gustos seguen a acompañalo agora que acaba de entrar nos sesenta. «Son un sesentón recente —cumpriu anos en xullo—, e non sei se hai crise, pero si un certo cambio de pensamento. Terei que asimilalo, pero de momento cústame un pouco aceptalo», confesa con certo humor melancólico.

Á esquerda da fotografía, Quico Comesaña, nunha instantánea do grupo Berrogüetto
Á esquerda da fotografía, Quico Comesaña, nunha instantánea do grupo Berrogüetto XOÁN PIÑÓN

Fun

Membro de Berrogüetto e doutras formacións como Fía na Roca ou Armeguin

 

Son

Compositor e intérprete do meu primeiro disco en solitario, Mãe