Aproveitar o patrimonio diferenciado do turismo en Galicia
GALICIA
A Organización Mundial do Turismo (OMT) estima que, entre xaneiro e setembro, 700 millóns de turistas viaxaron internacionalmente, 500 millóns chegaron a Europa. Moitos deles, a España. Uns cantos, a Galicia.
Toda chegada pode ser percibida como positiva baixo a premisa de que as visitas son beneficiosas per se. Por esa razón, estamos afeitos as accións de atracción de visitantes cuxo éxito se mide polo número de persoas recibidas. O caso das luces de Vigo é un exemplo. Esta lóxica ten conducido a especular sobre como motivar aos turistas a visitar un lugar, máis que a reflexionar sobre que é o que precisamos deles.
Sendo que o comportamento dos visitantes no destino é o que determina até que punto deberían ser benvidos, o desexable sería recibir visitantes cuxas actividades foran coherentes coas características propias do lugar que fan del un destino sostible. No caso de Galicia, as imaxes mais sinaladas polos visitantes —relativas á natureza, á gastronomía, ao Camiño ou á xente— parecen congruentes cunha actividade turística respectuosa e sostible. Porén, é preciso matizar.
Vexamos como exemplo uns datos curiosos sobre a gastronomía turística de Santiago: resulta que os pratos que máis se serviron aos que visitaron Compostela no ano 2015 non concordaban, en case nada, nin co que se comía nos fogares nin co que se producía preto. O porqué de que os primeiros pratos servidos foran o arroz de marisco —nomeadamente paella— e o polbo só puido ser explicado en termos da oferta que os bares e restaurantes destacaban nos seus cartaces e páxinas web, coa excepción dos restaurantes cunha relación calidade-prezo máis elevada, que tiñan baseados os menús na produción de proximidade. Este exemplo, como outros, confirma que as accións que teñen efecto nos visitantes deben ser avaliadas desde o punto de vista de todos os actores, ser coherentes cos atributos valiosos que o destino debe manter, e ter como obxectivo último o benestar das persoas, sexan residentes, produtores, comercios ou visitantes.
Dende o punto de vista turístico, os galegos temos un patrimonio natural, cultural e humano moi ben diferenciados. Galicia, como destino, só precisa que a visiten as persoas que mellor encaixen e, para elo, ten que continuar esforzándose no estudo dos indicadores que axuden a recoñecelas.