
«O galego é a lingua propia de Galicia» dende que o 15 de xuño de 1983 se aprobou no Parlamento de Galicia a Lei de Normalización Lingüística
15 jun 2023 . Actualizado a las 18:55 h.«Un pobo non é el mentres non pode escoller en que fala», dicía o político ourensán Aurelio Miras Portugal. Era o 15 de xuño de 1983. No caso dos galegos, ese pobo tivo que esperar ata ese día, cando o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística. Hai 40 anos que por primeira vez nun documento oficial se deixou constancia de que «o galego é a lingua propia de Galicia» e que, literalmente, «tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo», cuestións que hoxe parecen e son evidentes, pero que non foi ata ese momento cando se garantiu a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais da comunidade e se asegurou a normalización do galego como lingua propia. Si é certo que unha sentencia do Tribunal Constitucional do 26 de xuño declarou inconstitucional o apunte de «o deber de coñecelo», que se expoñía no primeiro artigo.
Unha norma que, segundo sinalaba ese día un histórico representante do socialismo galego como Ceferino Díaz, aínda que o galego estaba gravemente enfermo, chegaba a tempo para salvalo. Ao longo de 25 artigos, a norma céntrase nos dereitos lingüísticos, o uso oficial, no ensino e nos medios de comunicación, no galego exterior e na Administración autonómica e a función normalizadora.
No preámbulo da lei exponse que «o proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos» tivo para Galicia dúas consecuencias negativas: anulou a posibilidade de constituír institucións propias e impediu o desenvolvemento da cultura galega. E continúa: «Sometido a esta despersonalización política e a esta marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna que xa no século XVIII foi denunciada polos ilustrados e que, desde mediados do XIX, foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evitar a desintegración da nosa personalidade». Foi a Constitución do 78, ao recoñecer os dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, que fixo posible «a posta en marcha dun esforzo construtivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora». E un dos factores fundamentais desa recuperación foi a lingua, «o núcleo vital da nosa identidade» e a «máis orixinal creación colectiva dos galegos».
Preservar a nosa identidade
Un dos persoeiros que participaron na elaboración do texto, José María Pardo Montero, foi tamén o encargado da súa presentación no Parlamento. Describiuno como «algo que ía máis alá dun mero acto formal» e subliñou a súa función de preservar a identidade galega. Para iso, á Xunta de Galicia tamén se lle asignaron obrigas: fomentar a produción, dobraxe, subtitulación e exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega; estimular as manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega, e contribuír ao fomento do libro en galego, con medidas que potencien a produción editorial e a súa difusión.
Nesta xornada do 15 de xuño de 1983, a voz de Camilo Nogueira tamén soou con forza, como gran posibilitador da aprobación do texto. Sobre a norma que se aprobaba, dixo que o máis importante dela era que se desenvolvesen as súas potencialidades. «Deixa moitas portas, moitos camiños abertos, que poden encherse de xeitos moi diversos», afirmou.
Nogueira mostrou as súas dúbidas, que materializou coa súa abstención na votación parcial, no tocante á disposición adicional, na que se dispón: «Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega». Dicía que non estaban, el e mais Anxo Guerreiro, en contra da autoridade da RAG, «pero non compartimos a postura política que tivo na elaboración da normativa hoxe vixente». Guerreiro destacou que con este texto se comezaba a rachar o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, tomando posición a favor do galego.
Precisamente nesa xornada, o intelectual Ramón Piñeiro sinalaba a lingua como o lazo que une os galegos con máis forza, e describía o 15 de xuño de 1983 como o día «de recuperar a plenitude dos dereitos da nosa lingua». Tamén participou na redacción do texto.
O galego hoxe
Logo da aprobación da lei, Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, explica que o goberno galego centrou a súa política en «fomentar o prestixio cultural da lingua, promover o seu uso nas Administracións públicas, a educación, os medios de comunicación e a produción cultural, e mellorar as competencias e actitudes lingüísticas da poboación». Dende entón, di Monteagudo, o galego gañou novos ámbitos de uso e a maioría da xente sabe lelo e escribilo. Pero «segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos». Cómpre un novo impulso para afrontar os retos de futuro do noso idioma, remata Henrique Monteagudo.