Manuel Núñez Singala, autor galego máis lido nas bibliotecas escolares: «Falta compromiso co galego»

Sara Pérez Peral
Sara Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Manuel Núñez Singala, autor galego máis lido nas bibliotecas escolares o pasado curso.
Manuel Núñez Singala, autor galego máis lido nas bibliotecas escolares o pasado curso. SANDRA ALONSO

Di que os idiomas son creacións moi fráxiles que viven nas bocas dos falantes, e que se non se falan, poden desaparecer: «Por fortuna, coa nosa lingua temos todo para continuar» 

30 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha persoa que se dedica a traballar na Universidade de Santiago para divertirse e que tamén escribe para sufrir un pouco. Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963) di que comezou a falar en galego para facerse maior. O que non sabía ese neno era que se convertería no autor máis lido nese seu idioma nas bibliotecas escolares.

—Naceu en Lugo, pero pronto se mudou a Vilalba. Criouse en galego?

—Pois non. Miña nai é mallorquina e meu pai galego, así que educáronme como moita outra xente: en castelán. O que pasa é que Vilalba era unha vila pequena e eu empecei a falar en galego porque era necesario para facerse maior. O castelán era unha lingua de nenos, pero se querías falar de mozas ou de fútbol, o galego era a dos adultos.

—E rematou estudando Filoloxía Galega. Cando sentiu ese interese pola lingua?

—O galego era algo que escoitabas pero que non era accesible. Estaba en todas partes pero non se lle daba importancia. Foi no último curso de antes de ir á universidade cando decidín facer Filoloxía Galega. Ía facer Dereito...

—Lembra o primeiro ataque ao idioma?

—Recordo, e non é algo que me contasen, senón que o vivín, ver os profesores de primaria pegarlles aos rapaces por falar galego en clase. Non me sorprendía, era algo normal. A escola franquista era o reflexo da sociedade: o galego reprimíase, e no caso dos nenos, con violencia.

—Que foi o que se prendeu en vostede que o fixo defender a lingua?

—Nos veráns da miña infancia, cando iamos no tren a Mallorca, vin que os mallorquinos lle tiñan un aprecio á súa lingua que nós aquí non. Aí comecei a interesarme por ela.

—Traballou no Parlamento de Galicia. Estaba relacionado co galego?

—Si, traballaba na unidade de tradución, pero foi moi pouco tempo, unha substitución, e tiña que revisar o diario de sesión do Parlamento. Na Xunta, tamén traballei no Diario Oficial de Galicia. Todos os traballos que tiven están relacionados coa lingua, dunha forma ou outra.

—E dende 1988, no departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Como cambia o traballo nas distintas institucións?

—No Parlamento e na Xunta, o traballo é máis burocrático, de corrección e tradución lingüística. No caso da universidade, está enfocado cara a promoción do idioma. O que facemos é formación, terminoloxía e campañas de difusión.

Pilar Canicoba

—Como cambiou ese labor?

—Dende aquela, os cambios son moi grandes. Cando empecei na universidade, o galego non estaba presente en nada. Co primeiro reitor da democracia, Carlos Pajares, houbo un compromiso coa lingua que levou a galeguizar a administración da universidade. Dende aquela, traballamos para que o galego sexa unha lingua que se empregue na docencia. Hai avances significativos e moi desiguais. O incremento do seu uso na docencia é algo que é constante, e que ten o seu mérito porque na sociedade estase dando o proceso contrario.

—Cal é a saúde do galego?

—Ten unha mala saúde de ferro, hai cousas que non están ben. Hai que distinguir dúas vertentes: a nivel cuantitativo, hai un descenso incuestionable que mostran as estatísticas. A nivel cualitativo, hai un aumento considerable: é unha lingua que agora mesmo se pode empregar para dar clases, na universidade ou para falar coa Administración. O galego ten todo o necesario para seguir existindo e avanzando. Fáltalle o compromiso dos galegos. Fáltanlle falantes. Que as novas xeracións o empreguen para que a lingua sobreviva. Os idiomas son creacións moi fráxiles que viven nas bocas dos falantes. Se non se falan, poden desaparecer. Por fortuna, co galego temos todo para continuar.

—Imos nun mesmo paquete, os galegos e o galego?

—Creo que si. Se perdemos a lingua perderiamos o noso patrimonio máis importante.

—Que é o que máis lle preocupa?

—A falta de compromiso da xente máis nova.

—Cobra sentido entón ser o autor galego máis lido nas bibliotecas escolares o pasado curso.

—Non é algo que busques, nin algo ao que te presentes. É algo que me alegra moito, especialmente polo feito de que eses libros meus son ademais libros de teatro. É un galardón que me fai moita ilusión, outorgado polos lectores.

—Como o describe a xente que o coñece?

—Como unha persoa con sentido do humor, traballador e honesto.

—Di que o humor é case que un ingrediente do seu día a día.

—É algo fundamental. Cando coñezo a alguén e ten sentido do humor, especialmente se é capaz de rirse de si mesma, a min esa persoa xa me gañou. A vida moitas veces é dura e moi amarga, e o humor é un lubricante perfecto.

—É puntual?

—Moito, e moléstame que non o sexan. A falta de puntualidade é unha perda de tempo, e o tempo sempre me vén escaso.

—Cociña?

—Fago pouca cousa, cociña de emerxencia.

—A que cousas renunciamos por medo?

—Ás veces, á felicidade. Superar o medo leva a terreos moi interesantes.

—Que o fai sentirse agradecido?

—A bondade da xente.