O Panteón de Galegos Ilustres xa é un símbolo nacional de Galicia

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO

GALICIA

El presidente del Parlamento, Miguel Santalices, en primera fila junto a Alfonso Rueda, invitó a todos los asistentes la última sesión del curso político a hacerse una foto de familia para conmemorar lo que consideró «un día histórico» para Galicia y su cámara parlamentaria.
El presidente del Parlamento, Miguel Santalices, en primera fila junto a Alfonso Rueda, invitó a todos los asistentes la última sesión del curso político a hacerse una foto de familia para conmemorar lo que consideró «un día histórico» para Galicia y su cámara parlamentaria.

O Parlamento aproba por unanimidade a lei que regulará o monumento

28 jul 2023 . Actualizado a las 18:28 h.

Nun ambiente de concordia case alieníxena cando se lembra a recente campaña electoral, o Parlamento de Galicia pechou onte a tempada de sesións aprobando por unanimidade a lei que regula o Panteón de Galegos Ilustres, situado na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, que é xa un dos símbolos nacionais de Galicia xunto co himno, a bandeira e o escudo da comunidade.

A norma porá fin á complexa situación administrativa do monumento que atesoura os restos da escritora Rosalía de Castro, o político Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista, pensador e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Tras décadas sufrindo problemas de mantemento e pechado ao público salvo en contadísimas ocasións, o Panteón estará xestionado por unha fundación vinculada ao propio Parlamento de Galicia. Esa entidade, na que participarán tamén o Concello, o Arcebispado de Santiago e a Xunta, velará polo seu coidado e promoción.

Acorde á súa relevancia

O portavoz do PSdeG, Luis Álvarez, lembrou que no Panteón descansa «unha parte fundamental do Patrimonio de Galicia», que gozará grazas á lei «dunha regulación acorde á súa relevancia», porque «un elemento tan importante da nosa identidade non pode estar nun limbo». Álvarez celebrou o consenso acadado pola norma, que inclúe ás citadas entidades e ás fundacións que velan polo legado «dos bos e xenerosos» alí enterrados, como unha garantía de futuro do monumento.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, destacou que a lei «outorga ao Panteón a categoría de símbolo nacional, de emblema da identidade do pobo galego» e que a súa nova denominación oficial, «Panteón das Galegas e dos Galegos Ilustres», pon fin á «invisibilización» de Rosalía de Castro. Pontón sinalou que a norma salda «a débeda pendente» co monumento, e evítase que un símbolo da identidade galega se limite «a un uso litúrxico desconectado da cidadanía» ao garantir unha «xestión pública e laica dun símbolo que é de todas e todos, máis alá da ideoloxía de cada quen».

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Pedro Puy, na que foi a súa última intervención na Cámara autonómica antes de incorporarse ao Congreso, lembrou que os primeiros intentos de institucionalizar o panteón datan xa do ano 1974, o que dá unha idea do longo camiño transcorrido ata a aprobación da lei.

A lei, un primeiro paso

Puy agradeceu á alcaldesa, Goretti Sanmartín, presente entre o público, a cooperación do Concello de Santiago. O mesmo fixo cos arcebispos Julián Barrio e Francisco José Prieto; co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu predecesor, Alberto Núñez Feijoo; cos portavoces dos grupos da oposición e os responsables das distintas entidades que velan polo patrimonio de Galicia.

Puy lembrou que a aprobación da lei, tramitada por lectura única dado o consenso existente, é só o «primeiro paso» para lograr un panteón «ampliado e digno», o que requirirá non só o visto e prace á cesión de terreos, senón á redacción dos novos regulamentos de honras e usos. Pero, por agora, logrouse cumprir coa «vella aspiración dos galeguistas» de que o Panteón se eleve como «un símbolo da Galicia que foi, da que é, e da que quere ser».

Unha norma que blinda a neutralidade do monumento

O 25 de maio de 1891, co traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, naceu o Panteón de Galegos Ilustres. A Rosalía sumáronse despois Brañas, Cabanillas, Asorey, Fontán e Castelao. Pero nunca ata agora houbo unha norma que regulase quen e en que casos pode descansar alí para sempre, a quen corresponde coidar o monumento e como se debe regular o acceso. O templo é da Igrexa, pero esa institución non ten competencias sobre o panteón en si. Era «unha situación indigna para a historia de Galicia», en palabras do historiador Xusto Beramendi,

A lei aprobada este venres agardou 12 anos. Antes do Parlamento, o último empuxón social dérono o ano pasado o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. A norma pon o Panteón en mans dunha fundación dependente do Parlamento galego, que estará presidida pola persoa titular da Presidencia do Parlamento. No seu padroado sentaranse os membros da Mesa da cámara autonómica, o presidente da Xunta, a alcaldesa de Santiago e o arcebispo.

A fundación contará cunha ampla comisión asesora, formada por distintas entidades, que centrará o seu traballo en xestionar e impulsar o monumento.

O texto prevé ademais que en San Domingos de Bonaval só se enterren ou se trasladen restos de personalidades que susciten o consenso de todas as forzas con representación no Parlamento. Esa disposición legal ten o obxectivo de blindar o carácter do monumento como símbolo de todos os galegos á marxe de intereses partidistas.