O taxi verde de Tuco Cerviño

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Tuco Cerviño, o pasado xoves co seu libro na cafetería La Dársena, no Parrote coruñés.
Tuco Cerviño, o pasado xoves co seu libro na cafetería La Dársena, no Parrote coruñés. MARCOS MÍGUEZ

O médico, xestor e político presenta este martes na Feira do Libro da Coruña unhas memorias que abranguen ata 1968

31 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un día encontreime no paseo marítimo da Coruña cun vello amigo escritor e díxenlle que estaba escribindo unhas memorias. E el díxome que para que unhas memorias interesen á xente teñen que responder á pregunta de quen son eu». El é Francisco Cerviño González (Pontevedra, 1945), fillo, neto e bisneto de concelleiros da súa cidade natal. «Hai unha clara vocación política na miña familia», confesa Cerviño, Tuco para todos os que o coñecen. Un alcume ao que responde dende moi pequeno este médico nefrólogo de formación, que foi xestor sanitario, deputado no Parlamento polo PSdeG, concelleiro en Oleiros... E agora escritor. Tuco Cerviño presenta este martes Un taxi verde e un concerto na Feira do Libro da Coruña, nos xardíns de Méndez Núñez, ás oito do serán e arroupado por Manolo Rivas e polo escritor e pediatra Ánxel Vázquez de la Cruz.

Son as memorias das que Tuco Cerviño falou con aquel escritor, pero non falan nin da súa etapa de médico, nin de xestor, nin de político parlamentario. Un taxi verde e un concerto chega ata 1968, «unha data determinante, a do 68 compostelán». As memorias contan a historia da súa familia, pero con elas pretende tamén reflectir a realidade social daquela época. «Cóntase como era a sociedade naquel momento», explica. «Meus pais eran represaliados da Guerra Civil. Meu pai pasou parte da guerra no monte e foi sometido ao tribunal de represión de masonería e comunismo. E á miña nai non lle permitiron presentarse ás oposicións para profesora», subliña.

O libro ten tres etapas. A primeira fala da infancia e da familia. «Remóntase ao século XIX, tanto na memoria da miña familia materna, de pequenos burgueses ilustrados de Pontevedra, onde hai mestres, médicos, procuradores... É unha familia republicana, con masóns galeguistas. Logo está a familia de meu pai, de Cotobade. Unha familia de labregos e canteiros, onde meu avó xa era secretario do Concello. Licenciouse en Dereito en 1894. E como un fillo de labregos modestos chega a licenciarse en Dereito? O único ascenso posible era a Igrexa. Rematou a carreira de crego xusto antes de catar misa, saíuse e matriculouse en Dereito».

A segunda parte fala da adolescencia, dos anos de instituto en Pontevedra. E a terceira é a de Compostela, da universidade, do conflito do 68. «É certo que esa época está contada noutros libros dun xeito histórico, pero aquí cóntase dende dentro por un participante, cos detalles que dan verosimilitude ao relato co que podo contar certas cousas». Relata a súa convivencia con personaxes como Vicente Álvarez Areces, que foi presidente de Asturias; Emilio Pérez Touriño, Rafael Bárez, Carlos Casares ou o exconselleiro do PP López Veiga.

«Quen son eu?»

Encontrou con estas memorias a resposta á pregunta que lle fixo o amigo escritor no paseo marítimo? Quen é Tuco Cerviño? «Si. Descubrín algunhas cousas que eu xa intuía, pero hai outras que non coñecía. Levoume varios anos facer este libro, e deime conta neste tempo de cando me fago demócrata, de cando me fago galeguista e de cando me fago de esquerdas. Son tres etapas que podo diferenciar na miña vida». Cerviño resúmeo deste xeito: «Fágome demócrata na miña familia. Meus pais son perdedores da guerra. Non se nos adoutrina, pero iso entra polos poros. Fágome galeguista na universidade, cun compañeiro de habitación que se chama Luís Fontenla. E fágome de esquerdas na Igrexa, no cristianismo. Tiña todo iso mesturado, pero agora fun quen de distinguilo. Creo que iso é o máis importante de quen son eu».