O Parlamento xa aborda a modificación da letra do Himno de Galicia

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN REY | EFE

A ex secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, preside a comisión de estudo constituida esta mañá na Cámara autonómica

28 nov 2023 . Actualizado a las 16:17 h.

O Parlamento de Galicia constituiu esta mañá a comisión de estudo para analizar a posible modificación da letra do himno de Galicia, o poema Os Pinos, de Eduardo Pondal. A deputada do PPdeG e secretaria xeral de Igualdade ata este ano, Susana López Abella, foi elixida presidenta dunha comisión que terá como vicesecretario ao tamén deputado popular Borja Verea e como secretaria á nacionalista Mercedes Queixas. Todos eles foron elixidos por unanimidade.

Despois de celebrar esta mañá a sesión constitutiva os membros da mesa da comisión emprazáronse para a semana que vén para continuar cos trámites, que pasan por aprobar un regulamento de funcionamento e a proposta e aprobación dun plan de traballo co consecuente calendario.

Este novo órgano parlamentario creouse co acordo de todos os grupos, despois de que o pasado mes de setembro fora rexeitada en pleno, polos votos do PP e o PSdeG, unha iniciativa lexislativa popular para modificar a letra do himno galego e restaurar o seu texto «fidedigno», coa finalidade de corrixir «non poucas erratas», segundo indicou antes da súa morte o propio autor.

Entre eses cambios propostos para a letra do himno está que a terceira estrofa sexa «máis sós vos ignorantes e férridos e duros», en lugar de «iñorantes» e «féridos»; ou na segunda cambiar «chan» por «clan» no verso «confín dous verdes castros e valeroso clan», cuestións atribuídas a erros tipográficos ou doutro tipo cometidos na primeira impresión oficial do texto na Habana.

Tanto o PP como o PSdeG rexeitaron tramitar a iniciativa lexislativa, avalada por case 16.000 firmas e defendida tamén polo BNG, pero propuxeron a cambio a constitución dunha comisión de estudo para conseguir un «amplo consenso social» e analizar a conveniencia dos cambios propostos.

Así quedaría o himno

Que din os rumorosos,

na costa verdecente,

ó raio trasparente

do prácido luar...?

Que din as altas copas

de escuro arume harpado

co seu ben compasado,

monótono fungar...?

«Do teu verdor cinxido

e de benignos astros,

confín dos verdes castros

e valeroso clan,

non des a esquecemento

da inxuria o rudo encono;

desperta do teu sono,

fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos

a nosa voz entenden,

e con arroubo atenden

o noso rouco son;

mas sós os ignorantes

e férridos e duros,

imbéciles e escuros,

non os entenden, non.

Os tempos son chegados

dos bardos das edades,

que as vosas vaguedades

cumprido fin terán;

pois donde quer, xigante,

a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

nazón de Breogán».