Alfonso Rueda: «Os galegos teñen que elixir entre a estabilidade do PPdeG ou o barullo dun cuadripartito»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO

GALICIA

Vítor Mejuto

«Pedro Sánchez non entendeu nada, falou de Galicia como dun trofeíño», di o presidente da Xunta e candidato dos populares

26 dic 2023 . Actualizado a las 14:03 h.

Alfonso Rueda (Pontevedra, 8 de xullo de 1968) será dende o 19 de febreiro presidente en funcións da Xunta. Ese día terán lugar as eleccións autonómicas que anunciou o pasado xoves. Serán os seus primeiros comicios como cabeza de lista do PPdeG.

—Toca exame, aprobará?

—Os galegos terán que decidir. Non quero facer ningún prognóstico. Sei que a nós só nos vale un resultado que é ter unha maioría suficiente. Penso que me presento cos deberes feitos.

—Precisa maioría absoluta, un dez, vostede poríase esa nota?

—A nota téñena que poñer os galegos. Sei que para poder gobernar temos que ter unha nota moi alta. A outros, incluso con suspensos, váleslle para gobernar.

—Se o resultado non acompaña, seguirá?

—Eu vou intentar que o resultado acompañe, e estou seguro de que temos moitas posibilidades.

—Pero a posibilidade existe. Hai un plan B no partido?

—Coas eleccións convocadas hai dous días [polo xoves], empezar a pensar que pasaría se as perdese... Eu vou tentar gañalas e, polo tanto, iso é agora mesmo o que teño na cabeza. Se non fose así, porque os galegos decidisen que non, pois sería outro escenario.

«A sentenza do Tribunal Supremo sobre os eólicos é unha gran noticia, na asesoría xurídica dicíanme que nos tocou o gordo»

—Se o PPdeG non mantén Galicia, que pasará con Feijoo?

—Escoito estes días que a Feijoo impórtalle moito e inflúelle moito o resultado de Galicia. Por suposto, é o presidente nacional e son as únicas eleccións que se van celebrar no primeiro trimestre deste ano. E é a comunidade autónoma que gobernou. É lóxico que queira un magnífico resultado. Se a pregunta é se Feijoo se vai beneficiar dun bo resultado en Galicia, si, por suposto. E como a miña intención é gañar, vou intentar que tamén se beneficie.

—Moita xente dá por feito que, se perden, será a saída de Feijoo.

—Eu entendo todas esas relacións que se fan, pero eu pódolle dicir que vou tentar gañar para seguir gobernando Galicia e tentando mellorala con independencia dos efectos colaterais que teña e con independencia de que un deses efectos colaterais sexa Feijoo.

—Cando tomou a decisión de convocar o 18 de febreiro?

—Tiña un obxectivo clarísimo, que era aprobar os orzamentos. Sabía que eran algo fundamental e sabía que a partir de aí podíase poñer unha data. Cando tomei a decisión? Anunciámolo o xoves e esa mesma semana pensei que era o momento.

—Opinou Feijoo?

—Faleino con el cando o tiña decidido. Pasou por isto catro veces e, polo tanto, sabe de sobra que ao final a decisión é dunha soa persoa. Nin sequera me deu unha opinión de cando debería facelo. Da data electoral concreta falamos esa mesma mañá. El díxome que lle parecía ben ter os orzamentos, que era unha medida moi intelixente, e que se ofrecía para o que fixese falta.

—E antes do xoves?

—Falamos, pero eu tampouco lle dixen cando ía facelo, polo tanto tiña difícil opinar. Feijoo foi moi respectuoso estes 18 meses, en todo. Só me deu opinión cando eu a pedín. E, como disto non lle pedín opinión, non ma deu...

—E Génova?

—De Génova só falei con Feijoo.

—Rexeitou cantos de serea para adiantar as eleccións máis?

—Os primeiros foron os da oposición, que me dixeron dende o primeiro día que eu non tiña dereito a exercer de presidente e tiña que convocar. Recordo que cando Sánchez chamou ás xerais tamén había xente que mo pediu, pero eu tiña clarísimo que naquel momento non o podiamos facer. Era vincularnos á inestabilidade de España. Os cantos de serea, mentres non aprobamos os orzamentos e garantimos a estabilidade, eu non os escoitei.

—Sen a amnistía en xaneiro, vostede convocaría agora?

—Sen dúbida, o PSOE e o señor Besteiro estarán moi tranquilos de que se fale desa amnistía que segundo eles é tan beneficiosa para todo o mundo. Temo que vai ser todo o contrario. Pero eu tería que pensar que lle fixen un favor ao PSOE e ao Bloque cando din que é algo moi bo. 

—Entón convocou por iso?

—Non, tiña que evitar o barullo no que se ía meter Galicia sabendo que as eleccións tiñan que ser no primeiro semestre, un barullo preelectoral que xa vimos en España e que leva a non facer nada. Unha vez que temos orzamentos, preguntamos aos galegos se cren que temos que seguir pola senda da estabilidade ou hai que meterse no barullo dun cuadripartito. Se coincide ou non coa amnistía, son cousas do señor Pedro Sánchez.

—Convocou para coller a Sumar, a Vox e a Podemos sen candidato?

—Non, eu tiña que facer a convocatoria pensando en Galicia e nos presupostos. Podía convocar en setembro e coller ao PSOE sen candidato, pero nunca actuei para collelos co pé cambiado. Despois, que non teñan candidato cando todos sabiamos que no peor dos casos as eleccións podían ser dentro de seis meses, é unha mostra do serio que se toman a Galicia algúns partidos de ámbito estatal.

—Feijoo fará campaña propia en Galicia. Rajoy facía o mesmo, pero non era o predecesor inmediato. Non será incómodo?

—Non, para nada. Feijoo acaba de presentarse a unhas eleccións tamén en Galicia, as xerais, onde tivo o mellor resultado de toda España. É un activo útil e terá participación. Pero é o primeiro que entende que a campaña ten que ter óptica galega.

Ed

—Conta con Rajoy en campaña?

—Si. Rajoy é galego e a xente recoñéceo e creo que o aprecia moitísimo. Incluso xente que non vota ao PP. Terá unha presenza importante. Acabo de falar con el e apetécelle moito estar en Galicia en campaña.

—E con José Manuel Baltar?

—Si, pero loxicamente o responsable do partido a nivel provincial é Luís Menor. [Baltar] vai estar á disposición, pero o protagonismo principal, loxicamente, vano ter outras persoas. Seguro que o entende, acéptao e é o que espera.

—Terá moito turismo electoral?

—Ofreceuse todo o mundo. Gustaríame que estivesen aquí algún día, pero teño clarísimo que será unha presenza testemuñal. Se quero facer unha campaña galega, o lóxico é que os que nos presentamos en Galicia teñamos o protagonismo.

—Juanma Moreno, Isabel Díaz Ayuso e Fernández Mañueco, falaron de vir, por exemplo.

—Ofrecéronse todos e agradézoo moitísimo. É o mesmo que eu faría. A partir de aí, dis, á disposición. E estar á disposición é que se te chaman, vés, e se non te chaman, non vés. Haberá presenzas puntuais, si, pero desembarcos non é o caso.

—Foto con Ayuso ou con Moreno?

—Teño unha magnífica relación cos dous, con todos.

«Como para beneficiar a Cataluña e ao País Vasco outros teñen que perder, Sánchez decidiu que perda Galicia»

—A vitoria clara do PPdeG sería unha lección para Pedro Sánchez?

—Pedro Sánchez non entendeu nada. En setembro, dicía, como se fósemos un trofeo, un trofeíño por aí, que lle gustaría moito que o PP perdese a Xunta para darlle no nariz a Feijoo. Isto é o que significa Galicia para Pedro Sánchez. Eu dígolle que non, que nos interesan os temas de aquí, e que se cre que somos un campo de batalla local para a súa batalla, Galicia vaille dar unha resposta moi grande. Nos 18 meses que levo, síntome maltratado polo Goberno central. Pensaba que era por quen é Feijoo, pola competencia que había e porque crían que, se nos amolaban a nós, amolábano a el. Pasado o tempo, creo que só é desinterese. Como para beneficiar a Cataluña e ao País Vasco outros teñen que perder, Sánchez decidiu que perda Galicia. O que vexo alucinante é que o fai coa complicidade e o aplauso do resto dos partidos, comezando co Bloque.

VÍTOR MEJUTO

—Xa ten dous rivais, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. Algunha virtude lles verá.

—Eu teño moito respecto polos meus rivais. Cando me chaman o que me chaman no Parlamento, non o entendo, pero encabezar unha candidatura e dedicarse ao oficio da política, a min meréceme de moito respecto, aínda sendo consciente de que o que queren é que eu me vaia para poñerse eles, pero a min xa o feito de dedicarse a isto e dedicarse con convencemento meréceme moito respecto. Agora imos ter unha boa ocasión de ver se son quen de facer unha campaña onde non entremos en faltas de respecto persoal ou en xogadas trapalleiras. Entón terán moito máis respecto pola miña parte.

—Haberá debates?

—Si, por suposto. En todas as campañas hai debates. Outra cousa é que non vai haber os debates que queira o señor Besteiro, que por certo son os que quería o señor Sánchez. Debeulle mandar recado. Eu pedinlle un pouco de orixinalidade. Pero por suposto que vai haber debates dos cabezas de lista e supoño que moitos máis con outras persoas das listas.

—Faga un pouco de autocrítica, que decisión destes dous anos cambiaría se puidese?

—Autocrítica fágoa todos os días, xa me gustaría acertar sempre. Pero das grandes decisións que tomei, intentei darlle moitas voltas e o tempo dirá se son adecuadas ou non. Hai unha da que me arrepinto un pouco. Cando fun falar con Pedro Sánchez pensei durante meses que unha persoa que di no despacho que iso está feito é porque vai cumprir e confiei niso. Despois, deime conta de que hai certa xente que non lle dá valor á palabra dada, e ao final perdes tempo porque eu tería outra actitude se pensase que me estaban mentindo á cara.

—Sería máis duro co Goberno central?

—Ben, eu dou a miña palabra cando sei que a podo cumprir, e penso que o resto da xente fai o mesmo. Se cadra tiña que ser moito máis incisivo. Pensei que o trato do Goberno central para Galicia tería unha certa lealdade e eu non vin ningunha, niso equivoqueime.

—No vídeo de Nadal do PP dise que para ir ao 2024 hai que virar un pouco á dereita e logo seguir moito polo centro. É unha confesión da súa ideoloxía? A última vez que lle preguntamos dixo que non cre nesas clasificacións.

—O vídeo é un vídeo fino que ten un montón de mensaxes, efectivamente. Ir un pouco á dereita e logo non perder a perspectiva do centro paréceme un bo resumo do que é o PP de Galicia.

—Canto á dereita hai que virar?

—Escoitaba o outro día aos de Vox dicindo que se van presentar para loitar contra unha serie de cousas que dicían que hai aquí e que en Galicia non existen. Demostraban un descoñecemento enorme de Galicia, que xa dixo moitas veces que ese tipo de dereita que representa Vox non a necesita. É unha das cousas das que me sinto moi orgulloso e tamén de que sigamos todos con esa perspectiva na que todo o mundo pensa que ese partido pouco ten que facer en Galicia.

—Pediu confianza aos membros da dirección do PPdeG. Non a sente?

—Dixen que non caian no exceso de confianza. Imos facer como sempre unha campaña moi apoiada no noso partido, que é unha maquinaria potentísima recoñecida polos nosos rivais, e temos que estar motivados. E dicía que teñan confianza en min, porque eu vou ser o que encabece todo isto, e se non confían en min, mal imos.

—Dixo o seu voceiro que é vostede un político con pouco glamur. Iso foi humildade simulada?

—[Sorrí] Non, non, para nada, eu de impostura teño pouco. Son como son e cada un pode ter a súa opinión, pero eu creo que en política hai que mostrarse como un é e non ter imposturas é importante. Logo tes os teus defectos e hai que intentar melloralos, pero non hai por que escondelos.

—Díxolle algún conselleiro que quere seguir no posto se gañan?

—Non preguntei, pero gustaríame que mo dixeran. Outra cousa é a decisión que se tome. Dáme a sensación de que están contentos, este é un oficio duro que ten días mellores que outros, pero a miña sensación é que todos están cómodos e que son parte do equipo.

—E ningún quere deixalo?

—Non, a verdade é que ninguén mo dixo. Igual mo din, pero a verdade é que a día de hoxe non.

—E vostede, a cantos manterá? Hai algún imprescindible?

—Imprescindibles son todos. Pero primeiro teño que gañar as eleccións e despois pensar no Goberno. Estou moi contento e moi orgulloso do traballo que fixo neste tempo. Creo que sabe facer moi ben as cousas e que nos entendemos case coa mirada. Pero a renovación, que é importante, e non ten que ver coa ineficacia, é natural.

—Como viu aos novos, Elena Rivo e Alfonso Villares, non tiveron un perfil baixo?

—Non, penso que se integraron perfectamente ao posto e que están saíndo bastante. Teñen perfil político e de xestión, as dúas cousas son importantes.

—Como valora a sentenza do Supremo sobre os eólicos que corrixe ao TSXG?

—Non é fácil de explicar a súa transcendencia, pero ten moitísima. Vén dicir que estamos facendo ben as cousas. As sentenzas anuladas polo ditame do Supremo eran demoledoras para o futuro industrial de Galicia. Estabamos perdendo moitas oportunidades porque as industrias que podían vir aquí, as que van dar servizo ás instalacións eólicas, podían ir a outro sitio, e levábanme os demos. É unha gran noticia, na asesoría xurídica dicíanme que nos tocou o gordo. 

—A data electoral falouna coa muller?

—[Ri] Coa muller teño moita confianza, pero ela ten o seu traballo. Eu non me meto no seu traballo e ela non se mete no meu. Podo preguntar a súa opinión como potencial votante, pero nada máis. Isto decídese doutra maneira. Díxome que sabe que vai ser un tempo de traballo moi intenso e que o estou facendo ben. O seu apoio e o da miña familia é moi importante.

—Convenza en poucas palabras aos galegos para que o elixan.

—Os galegos saben como traballamos. Eu formaba parte deses equipos e quero seguir facendo o mesmo: gobernar con seriedade cando fan falla políticos serios.