As deturpacións dos topónimos galegos: o barrio coruñés que non coñece o seu nome e a resistencia da uve en Ribeira
GALICIA
O Valedor do Pobo recibe case 80 queixas oficiais por vulneración dos dereitos lingüísticos
07 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Un grupo de adolescentes xunto á estación de Bicicoruña da coruñesa praza Elíptica responde con obviedade á pregunta de como lle din ao seu barrio. «Los Rosales», encóllense de ombreiros. Un deles matiza inmediatamente que é Os Rosales, e outra muller que agarda na marquesiña do bus da beirarrúa de enfronte coincide en chamarlle así, con esa diglosia que mestura galego e castelán en só dúas palabras. Houbo algún concelleiro noutro tempo en María Pita que aplicou a toponimia que consideraba correcta e bautizou ao barrio como As Roseiras, nome co que aparecía nalgún documento municipal e mesmo en programas de festas.
Á diferenza dos concellos ou parroquias, non hai carteis que fagan saber ao cidadán cando entra nun barrio. Pero si están, por exemplo, no nome das súas instalacións. E neste barrio hai un que elevou unha queixa da Mesa pola Normalización Lingüística ante o Valedor do Pobo que dirixe María Dolores Fernández Galiño. A recentemente renovada cuberta do pavillón viña acompañada dun cartel rotulado «Polideportivo Los Rosales», xunto cun logotipo do concello.
O informe da valedora presentado ao Parlamento recolle que durante o ano pasado tramitáronse 79 asuntos relacionados coa vulneración dos dereitos lingüísticos, 59 deles presentados pola Mesa. No caso do barrio coruñés, o Concello manifestou que a fórmula proposta de Os Rosais non está recollida no nomenclátor oficial da Xunta, e que a orixe do topónimo é « realmente incerta». A solución manifestada dende María Pita é cambiar o artigo ao galego e deixar o castelán «Rosales» nese cartel, a única forma oficial do barrio.
A valedora responde que a lei de normalización lingüística delega o nome das vías urbanas ao concello correspondente, pero non existe unha toponimia oficial dos barrios, xa que non son propiamente entidades de poboación nin rúas ou avenidas. É dicir, como conclúe a Valedora, existe un «baleiro normativo»
O organismo argumentou que, «tendo en conta que o nome Os Rosales non semella unha forma lexítima en galego senón un topónimo deturpado ao mesturar un artigo en galego cun nome en castelán», o adecuado sería que o Concello da Coruña iniciara un procedemento para a fixación da forma legal e oficial do topónimo deste barrio. O departamento de Normalización Lingüística da Coruña emitiu un informe no que se indicaba que o topónimo Os Rosales é o que a Xunta aceptaba e así aparece recollido no nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
Pero a orixe dese topónimo «deturpado» segue sen esclarecerse. O informe recolle as investigacións do filólogo especializado Iván Méndez, que achega a teoría de que o nome de «Os Rosales» podería coincidir co dunha construtora ou, incluso, co dun bar da zona, mais nada tería que ver coa planta das roseiras. É máis, este barrio levantado a partir dos noventa borrou do mapa os lugares da parroquia Fontán e Os Resíos, e con eles os seus topónimos.
«Villalba e Riveira»
Houbo queixas similares en Monforte, polo feito de que a placa da rúa Ferrol figuraba co topónimo «El Ferrol», que o Concello xa substituíu, segundo informou á Valedora, ou o uso do termo «Villalba» nun cartel de obra en Vilalba. Dende o consistorio chairego atribuíuse a un «erro humano» de carácter tipográfico, xa que ese nome en castelán figura así baixo o logotipo do Concello no arquivo municipal e que, debido ao tamaño do mesmo, «pasou desapercibido».
E a polémica da uve en Ribeira aínda se mantén anos despois de, aparentemente, quedar resolta. Desta vez detectouse nas redes sociais da Concellería de Xuventude de Ribeira e na placa dunha oficina dos Servizos Sociais. O Servizo de Normalización Lingüística da localidade indicou que a dupla grafía estaba xa superada, pero «era posible que estivera recollida aínda en certos elementos documentais», se ben o uso correcto da letra era «fundamental» e agradeceu as achegas para corrixila.
Denuncias pola ausencia do galego en portais dixitais do Goberno ou en paneis informativos
Ademais das queixas relacionadas coa toponimia e os microtopónimos —a única forma oficial e legal é a galega dende a lei de 1983—, a Valedora do Pobo recibiu decenas de denuncias relacionadas coa vulneración dos dereitos lingüísticos. Houbo trece casos nos que estes expedientes foron trasladados á Administración Xeral do Estado, organismos autónomos ou a empresas públicas estatais. Por exemplo, ao Ministerio de Xustiza por non ofrecer en galego un apoderamento apud acta na súa web. O mesmo sucedeu na consulta descritiva do Catastro por un usuario, que só puido facelo en castelán. Tamén na tramitación do DNI na web do Ministerio do Interior.
O galego tamén foi excluído nos paneis e carteis do Porto de Vigo, no localizador de envíos de Correos, ou na pantalla dun tren de Renfe, segundo recolle o informe da Valedora. Mesmo no centro penal de Teixeiro houbo unha queixa ante a institución por vulnerar os dereitos lingüísticos dunha persoa galegofalante.
Iniciativas da valedora
A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, subliña que o organismo impulsou varias actuacións en materia lingüística. Por unha banda, instou a Xunta a demandar que a documentación aportada por empresas promotoras de parques eólicos para os estudos de impacto ambiental figuren nas linguas cooficiais, xa que nalgúns casos facíao unicamente en inglés. Tamén acordou co Colexio Notarial ofrecer formularios en galego aos clientes e ratificouse o dereito dos cidadáns a dispoñer dunha póliza de seguros redactada en galego.