Reivindican en Santiago a figura senlleira de García-Sabell

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O conselleiro de Cultura, José López, e o director xeral, Anxo Lorenzo, durante a ofrenda floral en Boisaca.
O conselleiro de Cultura, José López, e o director xeral, Anxo Lorenzo, durante a ofrenda floral en Boisaca. PACO RODRÍGUEZ

Unha ofrenda e unha mesa redonda lembraron ao intelectual

25 abr 2024 . Actualizado a las 21:42 h.

«Recuperar unha figura senlleira» en Galicia. Con esa intención organizou a Fundación Carlos Casares unha homenaxe en Santiago a Domingo García-Sabell (Santiago, 1909-A Coruña, 2003), médico, político, antropólogo, crítico, investigador, ensaísta..., que, ademais, foi académico e presidente da Real Academia Galega, Senador Real e delegado do Goberno en Galicia.

As actividades comezaron pola mañá cunha ofrenda floral no cemiterio de Boisaca. O acto contou con amplo respaldo institucional con representantes da Xunta, encabezados polo conselleiro de Cultura, José López; da Deputación da Coruña, co seu presidente Valentín González Formoso á fronte; e do Concello de Santiago, coa tenente de alcaldesa, María Rozas; que depositaron cadanseu ramo de flores no panteón ao igual que a Fundación Carlos Casares. Un xesto que agradeceu a filla de García-Sabell, Teresa, que tivo palabras de gratitude tanto para os organizadores desta homenaxe como para as institucións, tanto as que puideron acudir ata Santiago como aquelas que lle trasladaron a súa adhesión.

Despois, as verbas de Domingo García-Sabell resoaron da man do secretario da Fundación Casares, Gustavo Garrido, que leu o artigo que o intelectual publicara o 13 de agosto de 1995 en La Voz de Galicia baixo o título «A palabra sinxela e reveladora». Unhas verbas que, segundo Xesús Alonso Montero, amosan a «agudeza intelectual» do que fora presidente da RAG. Ademais, reivindicou a súa figura apuntando que «un intelectual das súas características é moi difícil que apareza», resaltando tamén a súa labor como ensaísta: «Foi un dos grandes de Galicia, de España, e se me apuran, tamén de Europa». Nese senso, indicou que o recoñecemento a Domingo García-Sabell debería ser maior e este o primeiro acto de moitos.

Asistentes ao acto en Boisaca.
Asistentes ao acto en Boisaca. PACO RODRÍGUEZ

Compromiso galeguista

Xesús Alonso Montero, precisamente, xunto a Darío Villanueva e Marina Mayoral encargáronse durante a mesa redonda celebrada no Consello da Cultura de achegar a pegada de Domingo García-Sabell, «unha figura clave para entender a historia recente de Galicia» e cun «fondo compromiso galeguista», tal e como lembrou o politicólogo Serxio María Rodríguez, encargado de moderar.

Darío Villanueva, ao igual que Alonso Montero, incidiu na necesidade da homenaxe para que se valore a figura de García-Sabell. Nese senso, recordou que era un «intelectual omnicomprensivo» e cun «fondo sentido da responsabilidade». Tamén fixo fincapé na súa vertente europeísta: «Tiña un sentido compromiso con Galicia e Galicia era unha maneira de ser Europa». Marina Mayoral, pola súa banda, achegou a faceta máis humana do homenaxeado, do que sempre admirou «o seu bilingüismo absoluto».