A Real Academia insta a seguir as propostas do Consello de Europa sobre o galego
GALICIA
«As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz», destaca o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo.
26 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Real Academia Galega (RAG) instou onte ás autoridades galegas a executar as recomendacións de actuación recollidas no informe do Consello de Europa no que se analiza o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en España. Ese documento reclama, entre outras medidas, a eliminación das limitacións que impiden empregar o galego como lingua vehicular en materias de ciencias, e garantir que o ensino en galego estea dispoñible en todos os niveis. Estas propostas, lembra a Academia, van na liña do que esta institución ten pedido en reiteradas ocasións. «As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz», destaca o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo.
Tamén o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que onte estivo en Santiago, se referiu ao informe do Consello de Europa para asegurar que respecta a política lingüística da Xunta, pero que defenderá a pluralidade idiomática e as linguas cooficiais do país.
Mentres, o conselleiro de Cultura, José López Campos, dixo sobre o informe que, «se se le en profundidade e sen sectarismos», pódese comprobar que recoñece o labor das Administracións españolas na defensa das linguas cooficiais. López Campos avanzou tamén que antes de que remate o ano convocará á oposición para tratar de chegar a un pacto polo galego.