Os idiomas das outras nacionalidades históricas: o catalán retrocede e o vasco gaña falantes mozos
GALICIA
As linguas propias de Galicia, Cataluña e o País Vasco suman máis de dez millóns de persoas que saben falalas en España
12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cal é a situación do galego se se compara coa das linguas cooficiais das outras dúas nacionalidades históricas con idioma propio? A comparativa non é sinxela, porque os datos non son homoxéneos. Por exemplo, a última enquisa de usos lingüísticos de Cataluña, elaborada polo Instituto Estadístico catalán achega datos do ano 2018, e non será ata o vindeiro mes de novembro cando se faga pública unha actualización cos datos do 2023, os mesmos que se veñen de coñecer para Galicia. En calquera caso, o panorama que se debuxaba hai cinco anos sinalaba que o 81,2 % da poboación sabía falar o catalán, aínda que a porcentaxe que o tiña como lingua habitual baixaba ata o 36,1 %.
Dende entón fóronse coñecendo outros informes parciais que debuxan un empeoramento da situación da lingua propia de Cataluña. Por exemplo, unha enquisa municipal feita na cidade de Barcelona situaba o ano pasado o catalán no seu peor momento, rebaixando o seu uso como lingua habitual ao 36,5 %, o dato máis baixo en 35 anos neste municipio, cun maior retroceso entre os máis novos. Por outra banda, outro estudo da Consellería de Educación realizado entre o alumnado de 4.º da ESO sinalaba que caía o emprego da lingua propia nos usos informais e que minguaba tamén a porcentaxe de estudantes que ven o catalán como a súa lingua de identificación.
Zume novo para o éuscaro
No que toca ao vasco, o Goberno autonómico publicou a VII Encuesta Sociolingüística, un estudo que elabora desde 1991. Esta última edición proporciona datos referidos ao 2021 que sinalan un avance do idioma propio, tanto en coñecemento coma en uso. Así, o 36,2 % da poboación podía considerarse vascofalante, entendida como persoas capaces de entender e falar ben o éuscaro, mentres que outro 18,6 % sería vascofalante pasivo, definido como aquel con certo coñecemento do vasco, pero que non é capaz de falalo ben.
En canto ao uso, un 22 % dos habitantes de 16 ou máis anos empregan o éuscaro tanto ou máis que o castelán, engadíndose outro 11,5 % que usan a lingua propia, aínda que menos que o español, e outro 5,7 que a utilizan, aínda que en moi poucas ocasións. A enquisa destaca un crecemento de 6,4 puntos na utilización do idioma nos últimos trinta anos, e cunha peculiaridade moi positiva: o maior uso dáse entre a poboación moza, e o menor, entre os maiores de 65 anos, dándolle a volta ao que sucedía nos anos noventa e debuxando un futuro optimista para a evolución da lingua. De feito, o maior crecemento no emprego do idioma propio rexistrábase entre a poboación de 16 a 24 anos.
E un dato máis: o 19,5 % dos consultados afirmaban usar o éuscaro con moita frecuencia na contorna dixital, é dicir, na metade ou máis das súas actividades na rede.
Dez millóns de falantes
Máis aló da evolución de uso e coñecemento que está a vivir cada un dos tres idiomas, si é posible poñer cifras totais á súa presenza en España. Segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), en todo o país hai algo máis de seis millóns de persoas que falan catalán, sexa ben, sexa con dificultade; o galego suma máis de 2,55 millóns de falantes en toda España; e o éuscaro conta cun pouco máis de 1,5 millóns.