Pontón acusa á Xunta de facer «bullying» contra o galego, e Rueda reprende ao Bloque por utilizalo como «ataque político»

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

«Empéñanse en ser policías do galego, vaian gardando a porra porque os galegos en liberdade seguiremos falando o que nos pete», resposta o presidente galego a líder do BNG

23 oct 2024 . Actualizado a las 13:17 h.

Mal precedente este mércores no Parlamento, na sesión de control ao presidente da Xunta, para as reunións que celebrará este xoves na mesma sede o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para alcanzar un pacto polo galego co resto de grupos da Cámara. Alfonso Rueda e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantiveron un bronco debate a conta do idioma, coa líder dos nacionalistas acusando á Xunta de «facer bullying ao galego» durante os últimos quince anos, e o titular do Goberno galego recriminando á súa formación empregar o idioma como un «instrumento de ataque político».

Pontón baseou o seu discurso nos últimos datos do Instituto Galego de Estatística, que por primeira vez sinalan o castelán como a principal lingua vehicular en Galicia. «Empezou detrás da pancarta», lembrou a líder do BNG, en referencia á manifestación de Galicia Bilingüe que Rueda apoiou nas eleccións autonómicas do 2009, «e terminou votando en contra da nosa lingua neste parlamento», referíndose á negativa do PPdeG a unha iniciativa sobre o uso das linguas cooficiais no Congreso. «Unha indignidade que se lembrará sempre», insistiu.

A portavoz nacional do BNG advertiu que «calquera presidente estaría alarmado con estes datos» e contrapuxo isto co feito de que Rueda buscase «culpables». Entre eles, mencionou a inmigración, as redes sociais e mesmo ao propio IGE, despois das xustificacións que deu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Pontón cominou ao presidente a asumir responsabilidades e reverter esta situación. «Abandone a súa política de acoso e derrubo contra o galego», reiterou, ofrecendo a receita «de mínimos» da súa formación: triplicar o investimento no idioma, derrogar o decreto do plurilingüismo e aplicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Sandra Alonso

Rueda mantivo o ton duro empregado pola líder do Bloque, citando a Alonso Montero, expresidente da Real Academia Galega: «A relación do BNG coa lingua é como esas nais que abrazan tanto aos seus nenos que os afogan». Recoñeceu que queda traballo por facer, pero reivindicou que nunca antes houbo uns niveis tan altos de coñecemento de lectoescritura. Coincidiu co seu secretario xeral de Política Lingüística en que a inmigración ten unha importante incidencia no uso do idioma, xa que a Galicia chegaron nos últimos anos 115.000 persoas non galegofalantes, das cales 25.000 foron escolarizadas. «É unha causa principal, e iso lles fastidia o argumento», razoou.

Acusou ao Bloque de empeñarse en «ser policías do galego». «Vaian gardando a porra, porque os galegos en liberdade seguiremos falando o que nos pete», engadiu Rueda, quen tamén tirou de hemeroteca para lembrar que, durante o debate entre candidatos previo ás eleccións galegas, Pontón non respostou á súa pregunta sobre a proposta dos nacionalistas de monolingüismo no ensino. «Vostedes queren un idioma que arrolle aos demais», salientou o presidente, quen defendeu o «bilingüismo cordial» e o «respecto polas dúas linguas» fronte a un BNG que instrumentaliza o galego como un «ataque político». «A inmensa maioría non o sente así», dixo, apelando á maioría absoluta que colleitou nas eleccións de febreiro.

Lonxe de convencer á líder nacionalista, Pontón afeou que a Xunta saque «o rótulo da liberdade», cando esta é imposible «sen igualdade». Preguntouse, así, onde estaba o 50 % do galego en múltiples sectores, desde o ensino ata a xustiza. «Se o ton é este, o que nos demostra é que non queren un acordo», lamentou a líder do BNG, que avanzou que o seu grupo irá á xuntanza co conselleiro «coa mellor das predisposicións».

Besteiro critica a falta de compromiso da Xunta coa promoción do galego

O portavoz socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén criticou a «falta de aposta» do Goberno de Alfonso Rueda polo uso e promoción do galego. Sinalou que o investimento destinado á promoción da lingua galega «reduciuse á metade» en comparación cos orzamentos do bipartito, o que reflicte «unha falta de compromiso coa preservación e fomento da lingua propia de Galicia». Besteiro lamentou que, mentres se fala de patriotismo e identidade galega, a Xunta abandona «unha parte fundamental do noso patrimonio cultural».

Tamén puxo o foco na crise da vivenda, denunciando que o proxecto de Orzamentos de 2025 non ofrecen solucións para as 18.000 persoas que están no rexistro público de demandantes de casa en Galicia. «En vez de impulsar políticas públicas para garantir o acceso á vivenda, o goberno opta por liberalizar o solo e favorecer os intereses das grandes construtoras», criticou o portavoz socialista. Recordou que a Xunta reduciu o investimento en vivenda en 72 millóns de euros comprado co bipartito.

Ademais, acusou a Rueda de deseñar uns orzamentos que «favorecen aos máis ricos», mentres os galegos e galegas ven como se lles disparan os prezos de servizos básicos, e destacou que a Xunta continúa a «priorizar» as concesionarias, enerxéticas e bancos, mentres se recortan fondos para servizos públicos esenciais como a sanidade e a dependencia.