O Parlamento reivindica o 80 aniversario do Consello de Galiza presidido por Castelao
GALICIA
Santalices salienta a figura do intelectual galego como «un faro de galeguismo, democracia e honestidade e coherencia»
15 nov 2024 . Actualizado a las 21:10 h.Remataba Castelao a segunda parte do Sempre en Galiza, rumbo a Bos Aires, anhelando a súa terra. «Ogallá retorne algún día, por estas mesmas augas, para morrer onde nascín!», escribiu. O exilio pola ditadura franquista non llo permitiu, e os seus restos cruzaron esas augas atlánticas décadas despois, mais o Parlamento galego demostrou onte que o seu legado sigue vivo. «Castelao seguirá sempre a estar neste Parlamento», salientou o presidente da fundación que leva o seu nome, Miguel A. Seixas, durante o acto que conmemorou o 80 aniversario do Consello de Galiza fundado tal día coma onte en Montevideo e presidido polo intelectual galeguista, «o home escollido polo pobo galego para ser o seu símbolo».
A capital uruguaia, que o historiador Ramón Villares equiparou a Bos Aires, onde morou Castelao nos seus últimos anos e que idenfiticaba como «a capital da Galiza libre e ideal», lembrou o catedrático xunto a Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.
O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, lembrou que aquel 15 de novembro de 1944 tomou forma a institucionalización do autonomismo galego, «un primeiro paso modesto na forma e na representatividade». O Consello de Galiza tiña un liderado en Castelao ao que Santalices salientou como «un faro de galeguismo, democracia e honestidade e coherencia». Na conferencia posterior dos representantes dos grupos parlamentarios, a socialista Silvia Longueira reivindicou as leccións que aínda hoxe ofrece Castelao, mentres que a nacionalista Olalla Rodil reforzou o compromiso por continuar o seu legado, eloxiando aquel Consello como un goberno «ambicioso, audaz e vangardista» en defensa da soberanía nacional. A popular Carmen Pomar celebrou este recoñecemento «que é de xustiza» e marcou como de «obrigada lectura» a acta fundacional do Consello de Galiza.
Entre o cento de asistentes, ademais de deputados, tanto do parlamento como nas Cortes, históricos do galeguismo como Camilo Nogueira ou Emilio Pérez Touriño e tamén do nacionalismo vasco, con Iñaki Anasagasti para lembrar os lazos que unían a galegos, vascos e cataláns no exilio. Tamén a consulesa de Arxentina, e os de Cuba e Uruguai.