Manuel González será o coordinador da decena de comisións de traballo
26 dic 2024 . Actualizado a las 22:15 h.Doce meses de traballo no que tentarán implicar a sociedade. Esa é folla de ruta do proceso para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Este xoves deu os seus primeiros pasos cun encontro do conselleiro de Cultura, José López, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, co encargado de coordinar todo o proceso, o académico e catedrático emérito da Universidade de Santiago Manuel González, e os responsables da decena de equipos de traballo. A Xunta designou para guiar este novo plan para impulsar o uso do galego á persoa que desenvolvera esta mesma función no plan do 2004, que conseguira aprobarse por unanimidade no Parlamento.
Precisamente, esas máis de 470 estratexias fixadas hai vinte anos para impulsar o uso do galego servirán de punto de partida para agora actualizalas e fixar novas actuacións para que ese renovado documento de normalización «sexa un plan de dinamización real de uso da lingua galega», afirmou o conselleiro. Nese sentido, José López profundou en que o obxectivo «é facer un documento que sexa tecnicamente solvente e que, ademais, as medidas que se introduzan sexan efectivas e que exista un calendario de actuación». Para iso, apunta, hai que conseguir implicar a sociedade nun proceso participativo: «Non é suficiente que cheguemos a un acordo político, nin tampouco que fagamos un documento técnico impecable se, ao final, non somos quen de implicar a sociedade galega».
Precisamente, nesa idea tamén incidiu Manuel González. «Máis importante que acertar ou non nunha medida concreta é crear ilusión xeral, colectiva, que haxa unha sinerxía de todos os grupos sociais, que haxa unha conciencia que algo está cambiando e que se inaugura unha nova era para o galego. [...] Un documento técnico pódese elaborar desde un gabinete, pero se os receptores e os executores non son copartícipes de nada vale. A única maneira de garantir o éxito é implicar a todos», manifestou o coordinador da elaboración deste plan.
Despois deste encontro, o seguinte paso será conformar os equipos de entre seis e nove persoas de recoñecido prestixio que integrarán a decena de comisións creadas, que estarán encabezadas pola doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela Diana Santiago, a profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, o experto en promoción da lingua galega na universidade e en formación de adultos Manuel Núñez, o presidente da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística e avogado Xoaquín Monteagudo, o catedrático de Lingua e Literatura galegas Armando Requeixo, a presidenta do Museo do Pobo e profesora da Facultade de Medicina Concha Losada, a produtora e avogada Patricia Hermida, o presidente do Foro Enrique Peinador e promotor da lingua galega en distintos ámbitos Xosé González, a sanitaria e escritora infantil Rosalía Morlán, a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, e o experto en relacións exteriores Xosé Lago.
A mediados do vindeiro mes, Manuel González volverá reunirse cos responsables das comisións para unificar o proceso de traballo. «Imos consultar aos grandes referentes de todos os sectores. Por exemplo, no económico, estarán desde os bancos ata as grandes superficies para explicarlles o que queremos facer e que estamos nun país que é Galicia que ten unha lingua». Ao respecto, o conselleiro, José López, apuntou que se establecerá un método de xeito que as comisións non só contacten coas entidades máis representativas de cada ámbito, senón que tamén se teñan en conta as achegas de toda a sociedade. Lembrou que no ano 2004 se fixeran máis de novecentas propostas.
Posteriormente, cada equipo analizará puntos fortes e débiles en cada ámbito para establecer uns obxectivos e definir as medidas para acadalos «e así conseguir cambiar a deriva que está sufrindo a lingua neste momento», remarcou González.
A enquisa do IGE amosou que o castelán é xa a primeira lingua
m. P. V.
A última enquisa do IGE (Instituto Galego de Estatística) sobre o uso do galego deixou mostras do devalo que sofre a lingua propia de Galicia. Mais dous datos acenderon especialmente as alarmas. Por unha banda, o galego cedeu por primeira vez ante o castelán como o idioma máis empregado na comunidade. A porcentaxe de residentes que falan sempre en castelán é dun 29,7 %, fronte ao 24,4 % que din empregar sempre o galego. Se se engaden os bilingües con predominio dunha ou outra lingua, as persoas que falan só en castelán sumadas ás que falan máis castelán que galego representan o 53,8 % da poboación.
Por outra banda, un terzo dos menores de quince anos din non saber falar galego. De feito, os datos entre a poboación máis nova son os máis preocupantes, xa que indican o risco futuro no que pode estar a lingua co paso dos anos, cunha falta de relevo de galegofalantes a curto e medio prazo. Así o recoñeceu a Real Academia Galega (RAG) nunha declaración institucional feita hai un par de semanas na que alertaba dunha «caída descomunal» no uso do galego entre as franxas máis baixas de idade nestas últimas dúas décadas. Como dato, destacaron que só o 16 % da rapazada entre 5 e 14 anos fala sempre en galego ou máis en galego que en castelán. Segundo os seus cálculos, isto deixaría en aproximadamente 34.000 os galegofalantes nese tramo de idade, fronte aos 180.000 que tería o castelán.
A RAG resaltou tamén que mentres o monolingüismo en castelán «avanza velozmente» en Galicia, son os galegofalantes os que máis practican o bilingüismo. «Polo tanto, este continúa sendo un bilingüismo en boa medida diglósico e asimétrico, por unilateral e substitutivo», sinala a institución.
Máis alá do uso, preocupa tamén a competencia que os residentes na comunidade teñen para entender e empregar a lingua galega. A enquisa amosou que un 16,6 % din saber pouco ou nada de galego, co revelador dato xa citado de que a cifra sobe ao 32,4 % entre os rapaces de cinco a catorce anos, a pesar de estar escolarizados nun sistema educativo que, en teoría, debe garantir que ao alumnado teña competencia nas dúas linguas cooficiais da comunidade.
Aínda que a porcentaxe de poboación que di entender o galego segue a ser alta, o 93,4 %, a cifra está case dous puntos por debaixo que hai cinco anos. E ademais, medran os que, a pesar de entendelo, non saben falalo. A situación é aínda peor cando se trata de escribilo. Unha de cada dez persoas das que se declaran capaces de falar en lingua galega non se ve quen de poñela por escrito.
De feito, o castelán é, con moita diferenza, a lingua habitual de escritura da maior parte da poboación. Só o 15,3 % dos enquisados polo IGE dixeron escribir en galego de xeito frecuente. De feito, ata entre os galegofalantes habituais son maioría os que renuncian á súa lingua á hora de poñela sobre o papel (ou na pantalla): un 61,4 % cambian ao castelán á hora de escribir.
O mundo virtual non parece axudar precisamente a que o galego colla pulo. Só o 6,7 % da poboación usa o galego como lingua preferente á hora de navegar, tendo en conta que a oferta en castelán é maior. Con todo, cando se pode escoller, menos do 20 % optan preferentemente pola lingua propia de Galicia, tanto para navegar como para intervir en redes sociais. Iso si, máis da metade dos consultados din que lles gustaría atopar máis contidos en galego no ciberespazo.