A Xunta insistirálle ao Museo Marès de Barcelona para que devolva as esculturas do mosteiro de Carboeiro

La Voz

GALICIA

Pezas procedentes da fachada principal da igrexa do mosteiro de Carboeiro, en Silleda, en poder do Museo Marès de Barcelona.
Pezas procedentes da fachada principal da igrexa do mosteiro de Carboeiro, en Silleda, en poder do Museo Marès de Barcelona. Antonio Ferro. Museo Marès

O conselleiro de Cultura, José López Campos, enviou unha nova carga á institución catalá, que depende do Concello de Barcelona, para recuperar as pezas orixinarias de Silleda

14 mar 2025 . Actualizado a las 18:06 h.

 A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, anunciou este venres no Parlamento de Galicia que o Goberno galego lle insistirá ao Museo Frederic Marès de Barcelona para que proceda á devolución das dúas esculturas que se conservan alí e que pertenceron ao mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro, no concello de Silleda. Así o confirmou a alto cargo da Consellería de Cultura en resposta a unha pregunta do BNG na comisión 4.ª do Parlamento, na que deu conta dos contactos que desde a Administración autonómica se mantiveron ata agora, con esta fin, coa institución catalá, que depende do Concello de Barcelona. 

«O regreso deste valioso patrimonio é unha xusta reclamación de Galicia», defendeu a representante da Xunta, quen lembrou que, segundo as investigacións publicadas polo historiador Francisco Prado-Vilar, estas figuras foron espoliadas no pasado século do mosteiro pontevedrés e acabaron sendo adquiridas polo Museo Frederic Marès, descoñecedor desta substración ilegal. Trataríase dun Cristo en Maxestade e dunha talla con símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán, ambos os dous pertencentes a un tímpano do templo.

María del Carmen Martínez manifestou a «clara decisión» da Xunta de levar a cabo «todas as xestións necesarias» co obxecto de que estas esculturas regresen ao seu lugar de orixe. Con esta finalidade, a directora xeral confirmou que o propio conselleiro de Cultura, José López Campos, enviou unha nova carta ao museo catalán para insistir desde o Goberno galego nesta reclamación e acadar a súa recuperación.

Nesta mesma liña, salientou que estes esforzos de cara a estas dúas figuras inscríbense nas políticas de «consideración, defensa, protección e salvagarda» que se desenvolven desde a Xunta con respecto a todos os bens patrimoniais de Galicia, «aos que coidamos e protexemos por tratarse dun dos nosos maiores tesouros e legados», concluíu.

A intervención da directora xeral foi resposta a unha pregunta formulada polo BNG, asinada polas deputadas Ariadna Fernández e Mercedes Queixas, na que se interesaban polos trámites e prazos para recuperar esas dúas pezas que se conservan no Museo Marès de Barcelona.  

 O BNG acusou á Xunta de «deixadez total de funcións» á hora de adoptar medidas contundentes e de poñer prazos para recuperar as pezas «arrincadas literalmente» nos anos 50 do mosteiro declarado Ben de Interese Cultural. A deputada Ariadna Fernández, na súa intervención na Comisión de Cultura, acusou o Goberno galego de non ser capaces de restituír as pezas malia a que «lle deron o traballo feito» e falou de «falta de respecto» ao investigador da Universidade de Santiago, Francisco Prado-Vilar, que foi quen axudou coas súas pesquisas a localizar as pezas. «Hai probas de que as pezas foron espoliadas e o museo non oculta de onde proceden pero vostedes non son capaces de que nos devolvan o que é noso por lei. É unha vergonza para o Goberno galego e unha falta de respecto ao mosteiro e ao noso patrimonio», afirmou Fernández.

«En lugar de adoptar unha postura firme e reclamar o que por dereito e lei é noso, pásanlle a pelota ao Ministerio, cando son vostedes os que teñen a responsabilidade», recriminou Fernández, quen dixo tamén que «non foron capaces de sentar nunha mesa as administracións competentes implicadas, os expertos na materia e a dirección do museo e explicar a situación e as posibles vías para que as pezas volvan a Galiza».