Diego Calvo: «Levamos moitos anos de esquerda moi hipócrita, e vaille pasar factura»

GALICIA
Vincula o escrache a unha conselleira a unha estratexia do BNG para crispar
16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Diego Calvo Pouso (San Sadurniño, 1975) falou o venres na delegación da Xunta na Coruña, pouco despois de que o DOG publicara a declaración ambiental de Altri. É conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, presidente do PP de A Coruña, e o principal interlocutor da Xunta co Goberno central xusto cando se achega a transferencia das competencias de xestión do litoral.
—Esa será a primeira competencia en 15 anos. Foi un erro non pedila antes?
—O Goberno non se comportou da maneira máis leal. Cando aprobamos a nosa lei [do litoral] acusáronnos de facer unha declaración de independencia, pero o Tribunal Constitucional puxo as cousas no seu sitio. Nestes anos algunha competencia se pediu, como a titularidade da AP-9 co acordo unánime do Parlamento, e xa van 39 veces que o PSOE adía a votación. Hai campo para traballar, pero gustaríanos un espírito de máis cooperación.
—Sería máis fácil cunha Xunta amiga, do PSdeG ou o do BNG?
—Non o sei, pero se houbera un Goberno do PP no Estado non teríamos tardado o que tardamos.
—Ve máis preto a transferencia das alertas de meteoroloxía?
—Entendo que se pode facer. Non queremos que Aemet desapareza, pero si que MeteoGalicia, que ten cinco veces máis estacións, teña máis presenza e mellore o servizo aos cidadáns. Queremos facelo a través da Lei do Clima e espero que non nos chamen independentistas, co que ocorre noutros lados non deixa de parecer unha broma.
—A Xunta ten dito que o Goberno central faille sabotaxe. Ve iso?
—Dos contactos co Goberno algúns teñen resposta inmediata e outros tardan. As veces tes a sensación de que non preocupan os asuntos de Galicia como os de outras comunidades, é certo.
—Sobre Altri, que lle diría a quen cree que o permiso viña xa dado?
—Hai un procedemento público regulado por lei, e hai que respectalo. Sería un delito de prevaricación facer o que dicían BNG, PSOE e algunha asociación, denegalo sen seguir o proceso. Non se trata de que guste máis ou menos. Comprometémonos a mirar o proxecto de forma exhaustiva, e se cumpre se vai aprobar e se non, non. O que lle diría é que, como se aprobou, pode estar seguro de que cumpre a lei e os requisitos ambientais.
—Tomarán algunha medida tras o escrache a Ángeles Vázquez, a conselleira de Medio Ambiente?
—Que se manifestaran diante dunha vivenda particular, neste caso o da conselleira, é tremendo, porque viven persoas maiores e menores. Intentan amedrentar e incomodar á conselleira e á súa familia para condicionala nunha decisión, a declaración de impacto ambiental, que non toma ela, senón os técnicos. Había exconcelleiros do BNG. E ademais, en redes se publicaron fotos da casa. Se hai posibilidade de denunciar, farémolo, porque hai cousas que non se poden tolerar.
—Vázquez falou de «satélites» do BNG que crispan. Existen? E a quen meten aí?
—Para calquera que estea ao día da situación política de Galicia nos últimos 40 anos é evidente que eses satélites existen, e cal é a súa forma de actuar. Isto non é unha opinión do PP. A UPG, o partido maioritario e o que di que hai que facer no BNG, fixo un manifesto que di que hai que mobilizar e facer manifestacións. É moi instrutivo da súa forma de traballar. Despois da denuncia que fixemos [polo escrache] o BNG dixo que non tiñan nada que ver. Pero hai un exconcelleiro de Melide, e nas redes son os máis combativos con este tipo de cousas. Eles saberán a xente que levan nas listas, pero tendo en conta que van nas listas con Bildu, poden levar a calquera.
—Nos satélites conta a CIG e o panfleto sobre Fabiola García?
—A CIG é o brazo sindical do BNG, iso está fora de dúbida. Na publicación critican á conselleira pola súa vida privada e a súa forma de vestir. Se chega a facelo o PP estaríamos de pelexa continua, pero Ana Pontón tardou unha semana en dicir coa boca pequena que non estaba de acordo. Non condenou a publicación nin pediu a súa retirada. Levamos moitos anos de esquerda moi hipócrita, e vaille pasar factura.
«A maioría está a favor de ter menos concellos, pero non de que fusionen o seu»
A consellería presentou o ano pasado un estudo sobre a planta municipal e as fusións, e este ano quere impulsar unha nova lei «pioneira», di Calvo, de administración local.
—Ese estudo tiña plans como unir os concellos do Deza...
—O estudo sinalaba varios supostos a modo de exemplo sobre as consecuencias de unir concellos, pero interpretouse como que a Xunta os ía a fusionar. Non é o caso, as fusións, como sempre dixemos, van ser voluntarias. Que os concellos colaboren máis estreitamente, sexa compartindo servizos ou chegando a fusións, axudaría a mellorar cousas.
—Espera que se poda pechar algunha fusión nesta lexislatura?
—Hai concellos que preguntaron como levalo a cabo e que pasaría. Pero é un proceso moi mediático e que causa balbordo. Nos estudos fixemos unha enquisa e a maioría da xente está a favor de que existiran menos concellos, pero que non fusionen o seu.
—Rueda prescindiu das vicepresidencias, pero cando marcha fóra, queda vostede. Síntese un vicepresidente na sombra?
—Non. Cando Alfonso asumiu a presidencia [no 2022] decidiu continuar coa estrutura que había. E na seguinte lexislatura [2024] decidiu que non existisen vicepresidencias. Pero a Consellería de Presidencia é a encargada de levar a cabo esa función cando o presidente non está. Nós seguimos traballando o mesmo.
—Nun acto do PP dixo que gañarían Santiago, A Coruña e a Deputación no 2027. Non será moito?
—A Deputación non a gobernamos por Vox. Coa metade dos seus votos en Barbanza, A Coruña e Santiago, teríamola. Por iso os máis interesados en que se presente Vox e a quen mais beneficia e a PSdeG e BNG. Nas cidades somos o partido máis votado. O balance na Coruña á metade do mandato non e bo, e sería xusto que puidésemos gobernar. En Santiago é moito máis alarmante. Temos 11 concelleiros e goberna o BNG con 6, co apoio dun Partido Socialista que se acaba de dividir e parece desaparecer de Raxoi. A paralización de Santiago é moito maior que noutras cidades e temos un gran candidato [Borja Verea].
—Cando confirmarán os candidatos? Prevé que cambie algún deles nas cidades?
—Sempre tentamos que se presenten co maior tempo posible, pero non hai unha data marcada. Nos 93 concellos da provincia seguro que faremos cambios. Nas cidades en principio non, a día de hoxe non hai ningún motivo.
«Sen axentes, a Policía Autonómica renunciará a funcións»
A Policía Autonómica de Galicia ten un déficit de 157 axentes.
—Asumirán a metade dos soldos para que o Goberno cubra as vacantes como Andalucía?
—Esiximos as prazas desde hai anos, pero o Goberno deu largas e prometeron 50 incorporacións que non se fixeron. A súa última proposta supón que o custo da unidade pase de tres millóns e pico a máis de 15. Non podemos sufragar iso. Trasladamos unha oferta máis asumible e dende hai quince días estamos á espera de que contesten. Tamén advertimos que sen axentes imos ter que renunciar a funcións que facemos de acordo coa Policía Nacional, como violencia de xénero ou traslados de menores.
—E crear unha unidade propia?
—Nós cremos nunha unidade de policía adscrita con integrantes da Policía Nacional. É importante que ese corpo e a Guardia Civil teñan presenza en Galicia.
—Cáusanlle inquedanza os datos de criminalidade das cidades?
—Estamos en contacto cos sindicatos da policía e coa Guardia Civil. Dinnos que os índices son inferiores a outras comunidades, pero que a evolución pode ser preocupante. E pídennos que traslademos ao ministerio a necesidade de ter máis efectivos.
—No plano xudicial, que fai falla?
—Varias cousas. Cando se fala de novas unidades xudiciais, o ministerio fala co Tribunal Superior e coa comunidade, e case sempre coinciden. En Galicia, hai dous anos, aprobaron unha relación de novas unidades que non coincidía nin co Superior, nin coa Xunta nin co CGPJ. E dende o ano pasado non aproban ningunha unidade. A prioridade é un tribunal de violencia contra a muller en Santiago, e amplialo a outras catro cidades, porque só o temos en Vigo e A Coruña. Logo, a nova lei de eficiencia na xustiza, publicada en xaneiro, leva aparellada unha nova relación de postos de traballo, pero o Goberno non aporta ningún tipo de financiamento, sen ela van cargar aínda máis o orzamento da Xunta.