
Celebrarase na Cidade da Cultura do 26 ao 28 de marzo, recompilando os proxectos máis punteiros desenvolvidos na FP
23 mar 2025 . Actualizado a las 14:14 h.Máis de 10.000 alumnos de 218 centros están xa inscritos como visitantes para o Congreso FP Innova 2025, que se celebrará a vindeira semana na Cidade da Cultura, do mércores 26 ao venres 28 de marzo, na que será a súa sétima edición.
O congreso amosará 60 proxectos punteiros desenvolvidos nos centros de Formación Profesional galegos, tanto de innovación como de emprendemento, vinculados ás tecnoloxías máis avanzadas dos distintos sectores produtivos.
Ademais, haberá quince obradoiros relacionados con distintas materias, como a biotecnoloxía, a robótica, os videoxogos, a realidade virtual e aumentada, a impresión 3D ou a creación de contidos mediante intelixencia artificial, entre outros.
Deste xeito, estudantes dos últimos cursos de primaria, de ESO, de Bacharelato e de FP poderán experimentar en primeira persoas coas novas tecnoloxías e as innovacións en distintos ámbitos, destacan desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A cita tamén amosará as posibilidades que os estudos de FP ofrecen en Galicia. Así, haberá exemplos de realidade virtual aplicada á Formación Profesional, onde os visitantes poderán probar distintos simuladores inmersivos relacionados coas distintas especialidades destas ensinanzas. A orientación profesional terá tamén un papel destacado, xa que os asistentes poderán interactuar co orientador profesional virtual OPI Orienta, realizando consultas sobre os estudantes e relacionándose co seu holograma entrenado con IA, explica a Consellería.
O espazo expositivo, con máis de 4.000 metros cadrados, estará aberto tamén ao público xeral de xeito gratuíto, de 10 a 14 horas, polas mañás, e de 16 a 19 horas, polas tardes, o mércores e o xoves, e en horario só de mañá o venres.