Santalices insta nas Medallas do Parlamento a un acordo para un financiamento «sen discriminacións»

GALICIA

A edición deste ano homenaxea a Real Academia Galega de Belas Artes, a Afundación e a Ramón Villares polo seu «sólido compromiso» coa cultura e realidade social galega
05 abr 2025 . Actualizado a las 14:50 h.A voz de María do Ceo, interpretando un poema de Xosé Neira Vilas, abriu este sábado o acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, que este ano homenaxean o labor da Real Academia Galega de Belas Artes, de Afundación-Obra Social Abanca e do catedrático e historiador Ramón Villares pola súa «implicación, entrega e dedicación constantes» á difusión da arte e a cultura galegas. Tamén na tarefa de conservar e dar a coñecer os fondos artísticos e culturais do Parlamento desde a súa creación, «unha proba inequívoca do seu sólido compromiso coa cultura galega e coa realidade social de Galicia», considerou no seu discurso o presidente do lexislativo galego, Miguel Santalices.
Apelou ao espírito co que se impulsou o Estatuto de Autonomía, cuxo aniversario se celebra este domingo, e que naceu para converter Galicia nun dos territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa. «Non por iso imos deixar de dar pasos adiante no desenvolvemento pleno do marco de competencias que o Estatuto e tamén a Constitución nos outorgan», avogou Santalices, que, no marco da revisión do novo sistema de financiamento ás comunidades autónomas, defendeu a «igualdade social e territorial» dun modelo que debe ser «equilibrado e non discriminatorio para ninguén». O presidente do Parlamento pediu así un acordo aos partidos políticos e ás institucións para que os dereitos da cidadanía «sexan financiados independentemente do lugar onde se resida».

Nun discurso no que citou a históricos galeguistas como Vicente Risco, Castelao ou Ramón Piñeiro, Santalices reivindicou Galicia como o punto europeo no que conflúen «por excelencia» e desde hai séculos as artes e a cultura do continente a través do Camiño de Santiago. Unha historia que tivo un punto de inflexión coa creación da Unión Europea co obxectivo de blindar a paz. «Non permitamos que sexan outros os que escriban o futuro da gran nación que é Europa», advertiu o xefe da Cámara galega nun contexto de incerteza internacional ante os aranceis aprobados polos Estados Unidos e a escalada bélica dos últimos tempos.
«Galicia é Europa, e Europa é sinónimo de democracia, paz e liberdade fronte ás ameazas de erguer muros de autocracia ou totalitarismos da man das novas oligarquías tecnolóxicas», reiterou Santalices.
O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, foi o primeiro en subir ao atril para recibir a Medalla, que considerou «unha honra» e un estímulo para continuar co traballo desenvolvido pola histórica institución, fundada en 1849. Na mesma liña se expresou Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, que dixo sentirse coma un galego máis, e o historiador Ramón Villares, que emprendeu un percorrido polo camiño de Galicia cara ao autogoberno e a aprobación do Estatuto de Autonomía.
Pactos polo idioma e a industrialización
As dúas institucións e o catedrático foron calificados polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como «referentes nos que inspirarse». «Cada un», sinalou o xefe do Executivo, «colabora intensa e desinteresadamente co Parlamento de Galicia, que é o mesmo que dicir que colaboran co conxunto de Galicia». «Facemos as cousas coa nosa marca propia, e estas medallas reafirman, un ano máis, o compromiso coa excelencia, a cultura e á construción dun futuro común para todos os galegos», continuou.

O presidente galego aproveitou a súa intervención para pedir pactos polo idioma, coa Xunta debatindo a aprobación dun novo Plan Xeral de Normalización no que o BNG optou por non participar, e tamén pola industrialización, coa oposición de socialistas e nacionalistas ao proxecto de Altri en Palas de Rei. «Xerar riqueza e emprego poden e deben ser compatibles co inmenso patrimonio que nos foi legado», expresou Rueda, ante un territorio que definiu como «aberto, plural e equitativo». «Traballamos para facer as cousas por e para a cidadanía», subliñou.
Asistían á cerimonia membros do Goberno galego, os portavoces dos grupos parlamentarios, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Tamén Henrique Monteagudo, a quen Santalices saudou ao inicio do seu discurso para parabenizalo polo seu recente nomeamento como presidente da Real Academia Galega.