«Falamos do Celta nas nosas cancións porque é parte de nós»

GRADA DE RÍO

Os temas do grupo Keltoi son habituais en Balaídos, un orgullo para unha banda que cando toca para celtistas faino «para amigos»

26 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode non poñérselles nome ou cara, pero todo celtista que teña pisado Balaídos con asiduidade nos últimos dez anos ten que recoñecer a Keltoi polo oído. Os seus temas 1923, sobre todo, e tamén Unhas cores, un sentimento levan tempo sendo habituais no municipal vigués. Nunca tiveron intención de ser populares nin de chegar ata aí, pero hoxe «é un orgullo» que o celtismo cante algunhas das súas composicións case coma auténticos himnos.

«Nós falamos na nosa música de cousas cercanas, do barrio, feitos que queremos denunciar, actualidade, vivencias... E como celtistas que somos, o equipo forma parte de todo iso, é parte de nós», explican dous dos seus membros, Sime -o vocalista- e máis Dani, que permanecen desde a primeira formación, cando naceron en 1995 coma un grupo de música punk. Os dous estaban xuntos seguindo un partido cando levaron unha das grandes sorpresas das súas vidas. «Era en Segunda, estabamos no descanso en Marcador falando e soou por sorpresa, ¡non sabíamos nada!», lembran.

Para aquel momento, cando alá polo 2010 o tema comezou a facerse máis popular, xa había tempo que o levaban tocando. «Desde o 2000 máis ou menos, pero a raíz de aí a xente comezou a coñecernos máis», sinalan. Para crear esa peza inspiráronse «nun tema alemán que lle dedicaban ao Shalke 04, mesturando ao final co himno do Liverpool» e con letra súa. Anos máis tarde chegou Unha cores, un sentimento. «Oxalá xordan máis grupos, que non queremos acaparar. ¡Haberá quen diga que estamos ata na sopa!», admiten. De feito, unha das súas aspiracións é porder participar un día nun festival de grupos celtistas.

KELTOI

Ante todo, Sime e Dani aseguran que son dous celtistas máis. «Non existe ningunha relación público-artista. Convivimos no día a día co resto da afección, coñecemos a moitos afeccionados de viaxar xuntos co equipo. É como tocar para amigos», recalcan. Gústalles que a xente os identifique co seu equipo, pero non tanto a etiqueta de «grupo celtista». Sono, pero igual que «antifascistas, antirracistas e xente humilde á que nunca verán facéndose selfies no escenario ou cousas destas raras das estrelas das estrelas de rock», expresan entre risas.

Tempo despois de que a súa música lles sorprendese na megafonía de Balaídos, estes membros do Colectivo Nós tiveron a oportunidade de tocar na festa do ascenso do 2012 -«outra vivencia inesquecible»- e máis tarde en moitos outros eventos celtistas coma as romarías de Muros e Lalín. Co Celta como entidade teñen unha relación de «colaboración pero con independencia», partindo, subliñan, de que o sentimento celtista lles une.

A próxima colaboración coa entidade podería estar próxima, aínda que non poden contar moitos detalles. «Somos un grupo máis de inverno que de verán no que se refire ás actuacións e agora en agosto queremos gravar un par de videoclips, un deles o de Unhas cores, un sentimento, nos que podería haber algunhas sorpresas». Haberá que agardar para saber de que se trata.

KELTOI