A falta de Romaría celtista... Xuntanza en Lalín

La Voz VIGO

GRADA DE RÍO

Rober Amado

Despois do aprazamento do evento de Nigrán, Siareiros Dezaos organiza unha alternativa de festa celtista o 15 de xuño

24 may 2019 . Actualizado a las 14:00 h.

Nigrán estaba chamada a acoller a quinta edición da Romaría Celtista, pero a Peña Jorge Otero que ía organizala comunicaba hai uns días con pesar que se vía obrigada a aprazala ao vindeiro ano. Ante esta situación, a peña Siareiros Dezaos -organizadora da segunda edición da Romaría- decidiu dar un paso adiante e organizar un evento no seu lugar.

«Se alguén sabe loitar contra as adversidades, somos nós: os celtistas», din os impulsores tras lembrar o sucedido coa romaría de Nigrán. «Así que, para non perder os costumes, cremos que esa cita de exaltación celtista non podía ficar baleira. Nun formato distinto, pero coa mesma troula e paixón por unhas cores», describen.

E é a continuación cando revelan que o Deza é o lugar escollido. «Que mellor comarca para xuntarnos! Accesible dende todas as vilas e celme do país, sede dos nosos queridos Siareiros Dezaos que farán posible que o vindeiro 15 de xuño teñamos un día de troula celeste xa dende a hora do vermú polas rúas de Lalín», expresan. Ademais, subliñan que se trata da fin de semana na que se celebra o NocedaRock, outro reclamo para achegarse.

A quedada será no Fogar de Asorey ás 13.00 e unha hora máis tarde comezará a ruta de viños, seguido dun xantar no en As Palmeiras con sobremesa pola rúas de Lalín. O prezo é de 20 aueros e os interesados teñen para inscribirse ata o 10 de xuño. Para apuntarse ou obter máis información o teléfono de contacto é 648 692 501 (WhatsApp).

«Os que xa acudistes a estas xuntanzas xa sabedes o que se coce; e quen aínda non o probou, o día 15 ten unha grande oportunidade para descubrir o ceo», engaden a modo de invitación. E animan a todo o celtismo a «despedir esta dura tempada coa afección, auténticos artífices da permanencia» agardando que chegue tamén a do Celta B. Advirten de que as prazas son limitadas.

A Romaría de Nigrán ía ser a quinta edición trala inaugural en Santiago organizada por Merlegos Celestes seguida das de Lalín (Siareiros Dezaos), Muros (Pepa Loba) e A Illa (Carcamáns).