A peña da Illa protagonizará o domingo a maior mobilización da súa historia en apoio ao Celta
07 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.As peñas celtistas están entregadas de cheo á causa de facerlle sentir ao conxunto de Óscar García que este domingo, en Balaídos, xogarán con doce homes sobre o céspede vigués fronte ao Sevilla. «O equipo necesita teu alento, non pares de animar cos teus cánticos e ondeando túa bufanda. Nas boas e nas malas, sempre Celta» foi o chamamento que a Federación de Peñas do Celta lanzou esta semana con intención de que os seareiros do equipo estean sentados nos seus asentos ás 18.15 horas, quince minutos antes do inicio do encontro de Liga. Unha campaña na que non podía faltar a maior agrupación de afeccionados do club olívico, a Peña Carcamáns da Illa de Arousa. Pero é que, unha vez máis, o colectivo que preside Berlemo Dios vai máis aló. Cunha mobilización sen parangón nos seus 22 anos de historia: Doce autobuses e unhas tres decenas de automóbiles particulares sairán o domingo da Illa con 750 afeccionados do Celta para apoialo na súa nova batalla pola permanencia na Primeira División. «O 92% dos membros da nosa peña van estar o domingo co equipo», salienta Dios.
O máis parecido ao que ultima a Peña Carcamáns, recorda o seu presidente, foi o desprazamento de nove autocares desde A Illa no ano 2014 para arroupar o Celta naquela trascendental derradeira xornada de Liga cun cara ou cruz ao aire que condenaría a un dos dous grandes do balompé galego á Segunda División. Os seareiros arousáns sumáronse ás gradas de Balaídos no encontro fronte ao Espanyol, acabando por gozar da celebración da permanencia.
«Pode haber quen diga que facemos este despregue polas entradas de balde que deu o club -dúas por cada socio-, pero non é así. A nosa é unha peña que movemos sempre moitísima xente!», sostén o voceiro dos Carcamáns, que sitúa entre 4 e 5 os autocares de media que enchen os membros do seu colectivo cada vez que o Celta xoga en Vigo, e que conta con máis da metade dos seus 813 integrantes, 450 para ser excatos, como abonados de Balaídos esta tempada.
¿Por que entón esta mobilización extraordinaria dos Carcamáns? «Hai moito medo a baixar, e a xente está a unha co equipo. Nós sempre estamos aí», di Belermo Dios. Porque, como en toda relación que se prece, o amor demóstrase nas maduras, pero sobre todo, cando toca lidiar coas máis duras.