A peña inglesa naceu hai cinco anos, formada por afeccionados galegos que se consideran unha pequena familia
06 jun 2020 . Actualizado a las 22:06 h.London Celtas púxose en marcha hai cinco anos «por necesidade», di a súa integrante e voceira María Sabarís. Necesidade de vivir os encontros do Celta rodeados doutros afeccionados e formar unha pequena familia que hoxe está composta por uns 40 membros, aínda que con flutuacións. «Toda a xente do Celta que chegou a Londres, nalgún momento buscabas en Facebook se había algún grupo para ver os partidos», relata. E atopaban unha, Celtistas en Londres. «Non funcionaba, non sabemos quen a creou, pero a raíz de aí puxémonos en contacto», detalla.
Conta María que Iria foi «a ideóloga» da peña. «Puxo a primeira mensaxe buscando xente para formar unha peña e un grupo de persoas contestamos. Ese foi o xeme. Xuntámonos hai cinco anos na data que consideramos o noso aniversario», sinala O primeiro día xuntáronse seis persoas e a partir de aí buscaron local e foron sumando xente. «Quixemos constituírnos como peña oficial desde o principio, aínda que é un debate que temos cada tempada. Cando empezamos a ver os primeiros partidos no bar xa eramos peña».
A busca lo local non foi tarefa sinxela porque ver partidos da Liga máis alá de Barcelona e Madrid tampouco o é. Pero deron cun «pub irlandés característico e chulo para vivir a experiencia de ver un partido con moito ambiente», sinala Sabarís. Compártena con peñas doutros equipos como Atlético ou Real Sociedade e de cando en vez teñen convidados. «Hai celtistas que cando veñen a Londres escriben e veñen a ver os partidos. Ao poñelo tamén nas nosas redes, sempre aparece xente que non é peñista, sobre todo nos partidos importantes», apunta.
Os compoñentes de London Celtas teñen un perfil común en canto a idade, coa meirande parte entre os 30 e 40 anos, pero nese punto hai excepcións. No aspecto básico si que non as hai: «O Celta é o que nos une. E tamén ser xente do mesmo sitio, con culturas comúns. O fútbol é un enlace social para xuntarnos», afonda. A maioría mudáronse a Londres por motivos laborais, aínda que teñen casos coma Xosé, o máis veterano e que leva moitos anos alí. «Gústanos vernos, é coma unha pequena familia. Os clubes pequenos crean iso, mentres que con outros igual é todo menos persoal, son demasiada xente e pérdese a esencia», reflexiona.
O seu principal motivo de reunión é ver por televisión os partidos do Celta, ademais de que foron a varios partidos de pretempada xogados en Inglaterra e tamén estiveron en Manchester hai tres anos, ademais de estar representados noutros compromisos de Europa League esa tempada, na que tamén aumentaron considerablemente os peñistas. «Cando as cousas van ben e mal, énchese. Cando vén menos xente é cando o equipo está na zona media, que nin frío nin calor. Pero adoitamos xuntarnos bastante xente para os partidos».
Fan tamén ceas de Nadal e fin de tempada -«este ano vánsenos xuntar as dúas», bromea- e merchandising para subvencionarse. «Non é fácil, porque a cota non é alta e aquí non tes tantos alicientes coma as peñas galegas, por exemplo para organizar viaxes», indica. Por iso subliña que «a peña funciona pola xente que está pendente dela e hai que dar as grazas aos que estiveron desde o principio e seguen estando, aos que axudan social e economicamente a organizar cousas, porque sen eles sería imposible». Cada persoa que pasou pola peña, afirma, «botou unha man e é de agradecer a implicación e a axuda».
O balance deses cinco anos de London Celtas é moi positivo. «Hai xente que vén e vai, pero temos un grupo de 20 ou 25 persoas que desde o principio estamos para todo. Fas vencellos de amizade a somos coma unha familia», celebra. Teñen casos curiosos, coma un rapaz ao que non coñecen pero que sempre é o primeiro en renovar, ou un inglés con moza viguesa á que aparentemente non lle gusta o fútbol e é el quen se fixo celtista e participa da actividade de London Celtas. Ademais, moitos dos compoñentes levan en ocasións aos partidos a amigos ou compañeiros de traballo.
Respecto ao nome da peña, Sabarís non se lembra de todo de como foi a elección, se ben ten claro que foi unha cousa rápida. «Tiña que ser algo do Celta e de Londres e barallamos os típicos nomes, pero tampouco rompemos moito a cabeza», comenta entre risas. Cinco anos despois, e tras un confinamento que pasaron en permanente contacto, están máis vivos que nunca.