Sergio: «Formar parte da selección galega foi algo único e inesquecible» 

La Voz VIGO

GRADA DE RÍO

Cabalar

O porteiro do Celta pide que «a festa do fútbol galego se repira cada ano» 

20 nov 2020 . Actualizado a las 12:28 h.

Sergio Álvarez participu onte nun coloquio organizado pola peña celtista Colectivo Nós sobre a selección galega, da que tivo ocasión de ser parte no ano 2016. Nunha charla na que tamén intervían Vero Boquete, Xurxo Souto e Fernando Vázquez, e moderada pola xornalista María Sabarís, o Gato de Catoira contou que supuxo para el vestir a camisola de Galicia e deixou claro o seu desexo de que este combinado poda xogar con asiduidade.

O porteiro do Celta contou que mesmo no 2005, cando Fernando Vázquez era o adestrador do Celta e da selección, sendo el xuvenil celeste, xa soñaba con ir. «Pensei: ‘Igual me leva'. Tiña unha ilusión tremenda. Conseguino moitos anos despois e súper feliz e orgulloso de representar a Galicia, de defender as miñas cores. Foi ago único e inesquecible que quedará para sempre na miña mente», expresou.

Desa experiencia de hai catro anos, Sergio lémbrase con detalle, indicou. «Desde que collín o coche e fun á Coruña ao hotel de concentración sentíame especial, diferente. Vas vivir un momento que soñaches desde pequeno», relatou engadindo que recorda á perfección «cada paso: o adestramento en Riazor, xuntarse cos compañeiros, algúns que coñecías e outros que non, compartir vivencias e ter unha experiencia diferente ao que vives no día a día».

Sergio comenta que son «uns cantos escollidos» e iso fai que se viva «cunha alegría diferente, cunha visión diferente». Tamén ten gravado o momento de saltar ao campo e «ver a todo o mundo unido por unha selección de rapaces da nosa terra». Porque Sergio ve o fútbol como «un xogo que ven moitos nenos que queren chegar a ser» coma eles. «E que mellor que mostrar que temos unha selección, rapaces que están na elite. Que se vexan reflectidos».

O céltico demandou que regrese a selección, algo que considera «moi importante». «Oxalá podamos volver gozar da selección galega. Na miña cabeza non entra outra cousa que non sexa que cada ano se repita esta festa do fútbol galego».