Lucía Chazo, a celtista que obtivo a mellor cualificación en Selectividade en Galicia, relata na súa conta de Instagram os motivos da súa paixón
27 jun 2021 . Actualizado a las 14:36 h.A vilagarciana Lucía Chazo, estudante galega con mellor nota en Selectividade e que foi recibida esta semana na Sede despois de declarar o seu celtismo, explicou nun texto publicado nas súas redes sociais de onde vén esa paixón. «En 2013, unha nena de 10 anos entrou chea de nervios na Madroa porque estaba a piques de comezar o adestramento do Celta. Chovía, e moito, e ía moito frío, pero con 10 anos xa tiña memorizada a definición de afouteza e non pensaba moverse de alí ata coñecer aos xogadores que tantas veces vira na televisión: Sergio, Hugo, Cabral, Jonny, Oubiña, Nolito…», comeza retrotraéndose a hai oito anos.
Lemrba que aquela foi «a primeira de moitas veces na Madroa» e que non transcorreron moiros meses ata que tivo a oportunidade de vivir a súa primeira visita a Balaídos. «Esa nena de dez anos, que apenas sabía ir a mercar o pan soa, aprendeu rapidamente o camiño de Vilagarcía a Balaídos e intentaba convencer a calquera amigo ou familiar disposto para ir ver o Celta no estadio, porque non se ve igual que na casa», valora.
Confesa que vén dunha familia de seareiros do Madrid e do Barça. Pero «para ela a única resposta posible á manida pregunta de “Prefires Madrid ou Barça?” era “Celta»». «Sempre Celta. Non entendía aínda por que, pero xa sabía que en ningún sitio se sentía como en Balaídos e que o mellor da semana eran os 90 minutos de fútbol celeste», engade Chazo. Oito anos máis tarde daquela estrea no municipal vigués, chegou outro momento especial para ela: a visisa Á Sede.
«Esa nena entrou coa mesma ilusión en A Sede, onde recibiu a mellor recompensa imaxinable a un curso moi duro», indica. E conta que cando estaba estudando para as probas de acceso á Universidad e sentía que xa non podía máis, «o único que pensaba era que ao final o esforzo valería a pena». «Valería a pena porque podería descansar, ler, pasar tempo cos amigos e a familia… Nin nos meus mellores soños podía imaxinar que acabaría falando con Carlos Mouriño cunha bolsa chea de agasallos», revela.
Prosegue a afeccionada dicindo que «a Lucía de 10 anos non sabía por que apoiaba ao que todos dicían que era un club pequeno. Con 18 teno moi claro: o Real Club Celta non é un club pequeno. Un club pequeno non tería ese detalle cunha afeccionada». E todo isto lévaa a concluir que «por esas cousas e por moitas máis, o Real Club Celta é un club moi grande e, como xa dixeron eles mesmos hai uns anos na campaña de abonados, #HaiMotivos».
Por último, Lucía reitera a súa gratitude: «Non me cansarei nunca de agradecer a todos os traballadores do Celta por axudarme a cumprir un sono e revivir a esa nena de dez anos que se fixo do Celta sen saber o que lle esperaba».