O celtismo sentiu como propio o triunfo en forma de medalla de bronce da atleta galega, afeccionada do equipo desde cativa
02 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Case coma se dun partido do Celta se tratase, unha gran multitude de celtistas estivo todos a unha onte pola mañá. Non xogaba o seu equipo, pero si competía unha das súas, a atleta e celtista desde cativa Ana Peleteiro, que xa hai tres anos foi recoñecida en Balaídos polos seus extraordinarios méritos deportivos -daquela, tras acadar un bronce mundial- e agora engadía ao seu palmarés unha medalla de bronce olímpico en triple salto.
Os nervios e a emoción do concurso -que non se puido seguir por televisión en España en directo máis aló dalgúns saltos soltos- deixaron paso ás felicitacións. Do propio Celta, de peñas e de afeccionados. Celebrando o triunfo coma se fose seu. «Bágoas celestes de ledicia por Ana Peleteiro», escribían desde a peña Celtílikos. Un resumo certeiro do significado que tivo para afección o éxito dunha persoa á que por unha parte admiran e coa que, por outra, se identifican como galega e celtista.