Irmandiños 1923 celebra dez anos vivindo e fomentando o celtismo

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Oscar Vazquez

A peña viguesa naceu da viaxe a Granada no 2011 para o play-off no que non se acadou o obxectivo do ascenso

18 ago 2021 . Actualizado a las 17:55 h.

Irmandiños 1923 sopra hoxe dez velas. Convertidos nunha das peñas máis activas neste tempo, a agrupación ten as súas orixes na viaxe do 2011 a Granada para arroupar ao equipo vigués naquel play-off no que non se acadou aquel ascenso que chegaría un ano máis tarde. Desde ese momento, foron incondicionais e conseguiron que Río Baixo non se endenda sen o son das súas gorxas -aínda que teñen peñistas espallados polo resto das bancadas de Balaídos-, ademais de organizar desprazamentos e outras iniciativas tanto para os seus integrantes como para a afección no seu conxunto.

Hoxe conmemoraban o aniversario un emotivo fío de Twitter a agradecementos no que non se esquecían de ninguén. “Primeiro, como non, aos fundadores de Irmandiños 1923. Uns siguen a bordo, outros non, a outros vémolos menos do que quixeramos... Pero non estariamos hoxe aquí se non fora por eles, polo ánimo co que se ergueron tralo de Granada e pola súa iniciativa. Grandes!”, comezaban a cadea. Logo lembraban que “unha peña é moito máis que un grupo de xente co que ver os partidos do teu equipo. Os saraos de antes e despois lémbranse coa mesma ledicia. Imprescindible agradecer a aqueles que formaron parte dos que organizamos ao longo destes anos, que non foron poucos!”.

Lémbranse das viaxes, dos peñistas que a día de hoxe viven fóra e manteñen intacta a paixón celtista, do resto das peñas coas que tantas aventuras levan compartidas, das sedes e doutros locales que frecuentan ou frecuentaron, dos medios que os tiveron en conta, dos xogadores e técnicos, ao clube e a aqueles que xa non están. Un fío moi aplaudido que remata desexando que cheguen outros dez máis e que foi replicado con multitude de mensaxes de felicitación