Alonso, celtista de berce de case 70 anos, ten «arranxado a adestradores, presidentes e xogadores» no seu establecemento de Castrelos
23 ago 2021 . Actualizado a las 09:33 h.Ramón Alonso (Vigo, 1952) cumprirá o ano que vén 70 anos. Aínda que socio do Celta oficialmente desde 1974 -os nenos pasaban gratis e logo conta divertido que tivo un carné falsificado co libro de familia do seu curmán e a súa foto ata ter o seu propio á volta da mili-, calcula que leva uns 57 asistindo a Balaídos e sentindo a paixón polo equipo. A iso suma algúns menos, pero non poucos, exercendo o seu traballo na Perruquería Ramón, en Castrelos, por onde teñen pasado como clientes persoeiros relevantes da historia do clube que hoxe celebra o seu 98 aniversario.
No seu negocio, onde sempre ondea a bandeira do Celta cando xoga o equipo ten «arranxado a xogadores, adestradores, presidentes...». «Tiven a sorte de ter a Colin Addison, Félix Carnero, Castro, Gelo... Del Cura, que aínda vén agora, Herminio...Tamén é cliente meu o regatista que acaba de acadar unha medalla, Nico Rodríguez, un chavaliño que é unha marabilla», relata orgulloso.
Ramón explica que o Celta é unha parte importante da súa vida. «Cando perde, pásoo mal. É como se che vai mal o negocio, se non tes traballo... Se non vai ben, aféctache. E se vai ban parece que traballas mellor, estás máis contento, máis alegre», di. Presume de que todo o mundo sabe que é celtista, do mesmo xeito que calquera que pase pola súa casa sabe ipso facto que alí reside unha familia apaixoada do equipo . «A miña casa é inconfundible, sempre coa bandeira posta nun mastro en Castrelos. É un sinal de identidade para nós. Pasas e dis: ‘Esta é a casa de Ramón’. Todo o mundo coñece».
Dos oito que son de familia, todos son afeccionados e abonados do Celta. «Vén de familia. Xa eran meus pais e son a miña muller, as fillas, as netas e os xenros», enumera. Ademais subliña que para eles «non hai Barça, nin Madrid, nin ningún outro equipo. Nunca houbo. Só o Celta». Para que así sexa, a persoa máis relevante foi seu pai, falecido hai tres anos co número 155. Recorda que na súa infancia o carné infantil que lle falsificaron custaba 40 pesetas ao mes.
As súas primeiras lembranzas celtistas remóntanse ao ano 61, nunha promoción ante o Oviedo co campo cheo. «Recordo aos xogadores cambiando as camisetas onda a estatua de Manolo Bar, que estaba onde a saída de vestiarios. E logo que non ascendemos e a xente, cabreada coma sempre, tiraba almohadillas. Son desas cousas que se che quedan gravadas», relata. El tamén se ten cabreado cos dirixentes en ocasións. «Pero nunca pensei darme de baixa porque o Celta non ten culpa de quen o dirixa. Se o Celta fose unha empresa normal, quedaba sen clientes, porque a atención ao socio sempre foi nula, non é de agora», pero recalca que «isto é un sentimento e renovas por iso».
Ramón ten sufrido polas derrotas e, sobre todo, polos descensos, levando a palma o ano que se baixou a segunda B. Tamén leva gozado dunha chea de viaxes. «Lembro as viaxes en tren a Coruña e, sobre todo, a Sestao. Aquilo foi a cousa máis bonita do mundo celtista. Polas estacións de tren que pasabas vías bandeiras do Celta. Fora incrible», describe. Tamén viaxou a Madrid pola crise dos avais, daquela en autobús. Conserva na memoria a Silvestre coma o seu primeiro ídolo celtista, formando parte do primeiro once que pode recitar de memoria, do que tamén forman parte futbolistas coma Abel -«o que marcaba os goles todos daquela; era pequeno, pero boísimo»-, Rivera, Quique Costas ou Suco.
Ramón reivindica que «o Celta está en Vigo pero é de todos os celtistas de Galicia». «Ninguén é máis celtista ca outro. Sei dunha señora de Cuntis que é máis celtista ca ninguén, ou da miña sogra, que é de Nigrán; xente de Burela e doutros sitios que son celtistas a morrer...». Pero do que non hai dúbida é de que nese grupo tamén están a súa familia e máis el: «Eu teño que morrer coa bandeira do Celta e de Galicia».