Dori, unha vida de celtismo en Porto do Son: «A min, se xoga o Celta, que me deixen tranquila»
GRADA DE RÍO
Aos seus 77 anos, viviu como a presenza da muller nos campos de fútbol aumentaba; a ela levouna de nena seu pai, celtista ata a medula, e xa nunca deixou de ir
09 mar 2023 . Actualizado a las 12:17 h.Dora Olveira Barreiro, Dori, non lembra a data na que pisou por primeira vez Balaídos. Si sabe que a levou seu pai, do que herdou unha paixón celeste que sempre leva con ela esta muller nada en 1945 en Porto do Son. «Meu pai era celtista ata a medula, foi presidente da peña. Levoume a Vigo sendo moi nena e eu xa me puxen tola, alucinei con todo aquilo. A partir de aí, eu polo Celta deixo todo. Non o perdo», conta orgullosa.
Di que leva ben os seus 77 anos, aínda que se sinta «máis vella ca Matusalén». E naquelas primeiras visitas a Balaídos podía ter uns dez ou doce, calcula. «Todo cambiou moito para mellor. Agora, cando ves os partidos de fóra pola tele, hai moitas mulleres, quedo pasmada, caramba! Daquela, eramos poucas», sinala preguntada por como cambiou a presenza feminina no fútbol neste tempo.
Aínda que ela sempre fixo oídos xordos, tamén lle vén á memoria algunha vez na que tivo que escoitar aquilo de «non sei por que che gusta o fútbol, iso non é para ti». Pero celebra que ese tipo de comentarios cada vez se escoitan menos: «Nótase moito o cambio, oxalá cambiaran así moitas outras cousas!», reivindica tamén.
Dori di que ela é «tremenda» para todo o que teña que ver co Celta e quen a coñece sábeo de sobra. «Eu, se xoga o Celta, os fillos xa saben que é mellor que non veñan á casa, que non lles fago ni puñeteiro caso. A min que me deixen ver o fútbol tranquila», conta divertida. Adoita facelo co seu home, que tamén é celtista 100 %. «El é tanto ou máis ca min. Estamos en sintonía completa... neste caso, polo menos!», conta sempre facendo gala dun gran sentido do humor.
Na familia, herdaron a afección polo Celta un dos seus fillos e un neto, Ramón, de 18 anos, que acompaña aos avós a Balaídos xunto coa xente da peña, da que di que tamén son como outra familia para eles. «Ramón non sabía se o balón era redondo ou cadrado, pero leveino a Vigo e metéuselle o Celta tanto coma a min. Dixen: 'A ti vaiche gustar o Celta como que me chamo Dorita'. E así foi». Aínda que recoñece que con outro neto non lle saíu ben: «Non houbo forma, un desastre», bromea.
Di esta afeccionada que non é das que marchan incomodadas para a cama cando perden. «Non me gusta perder, claro, pero eu desgústome máis cando xogan mal, cando fan un partido destes horribles. Se perdemos e xogamos ben pero hai mala sorte, non me importa tanto», asegura. Ademais de celtista, di que é futboleira, que non lle fai ascos a ver partidos doutros equipos, aínda que sexan os do Celta os que non perdoa. «Ás veces toca sufrir, pero os celtistas estamos afeitos. É a salsa do fútbol», opina.
Nos desprazamentos a Balaídos, vai coa familia da peña, a mesma que xa hai anos lle fixo unha homenaxe nomeándoa miss por ser a integrante de máis idade. Un momento que rememora con moito agarimo. «Puxéronme unha perruca azul, unha banda e ata un cu azul tamén. Non esperaba semellante cousa, pero paseino bomba!», conta. Actualmente, as viaxes fanas no autobús da peña por dobre motivo. «O meu home xa ten 80 e prefire non coller o coche. Pero é que, ademais, gústanos tomar un viño. Nós non somos de secaño», proclama.
Ao ser da provincia da Coruña, a pregunta de como é que é do Celta é recorrente. «Hai xente que di que non se explica que sexamos do Celta. Pois eu son celtista porque nacín así e porque me dá a gana. Estou orgullosísima», sinala. E presume de incondicional: «Nas malas hai que estar aínda máis ca nas boas, é cando mais hai que apoiar. Despois das malas rachas, virán tempos mellores, como pasou cando estivemos en Segunda. Eu sempre estou co Celta a morte».