De indagar na historia do Celta a contala

MÍRIAM V. F. VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Vigués de 40 anos, Adrián Alvarellos considera que o club deixou de lado o seu pasado e celebra que se estea recuperando en parte co centenario; el leva oito anos escribíndoa e fai as delicias do celtismo cos seus vídeos e gráficos en redes sociais

18 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Alvarellos preséntase a si mesmo coma un vigués de 40 anos, celtista desde cativo e interesado pola historia en xeral e pola do seu equipo, o Celta, en particular, practicamente desde que ten uso de razón. «En todos os aspectos da vida, concibo a historia como un xeito de comprender o presente e ollar cara ao futuro. Non hai equipo, país, nin nada que se poida entender o seu sentido sen saber da súa historia», argumenta. Por iso, ante a pouca información dispoñible sobre a entidade que agora cumpre cen anos, el optou por botar horas e horas investigándoa pola súa conta. E de aí saíu un escrito que espera que algún día vexa a luz. De momento, xa deleita a Twitter Celta cos seus vídeos de recompilacións e demais contidos cos que honra o pasado celeste.

Pero o seu propio pasado celeste comeza no ano 1991, cando el tiña nove. Lémbrao con detalle. «A miña primeira toma de contacto con Balaídos foi en decembro dese ano, en Segunda, a tempada do ascenso de Gudelj, que marcou nun empate a uns co Murcia. Levoume meu avó, meu avoíño», rememora con tenrura. El morreu á tempada seguinte, pero Adrián «xa tiña o bicho no corpo, xa estaba prendido polo Celta», aínda que ata 1995, cun curmán que o fixo socio de Preferencia, non tivo ocasión de volver ao estadio. Desde aquela, xa ata hoxe.

E medida que foi medrando e interesándose cada vez máis pola historia do Celta, concluíu que «é un club que sempre viviu de costas á súa historia». Lamenta a falta de fontes e recursos onde poder consultala e as súas primieras referencias chegaron con algúns coleccionables e publicacións de prensa. «De aí sacara, polo menos, nomes como Polo, Nolete ou Hermidita», menciona algunhas figuras míticas dos primeiros anos.

Cunha gran facilidade para interiorizar e memorizar todo o que ía lendo, non tardou en emprender os seus propios proxectos. «Empecei a escribir a miña propia historia e vídeos que subo ás redes. Tiven que mergullarme en hemerotecas dos xornais», revela. E lamenta que «a afección do Celta é infelizmente e con toda a razón, ignorante da historia do Celta. É non é culpa deles, senón do club. Hai que ser moi demente para botarte a aprender a historia do Celta», di sobre o seu propio caso. E aínda que agradece a divulgación que se está a facer con motivo do centenario da man de Yo Jugué en el Celta e Celta Historia, aos que menciona como referentes neste eido xunto con Afouteza e Corazón -xa máis no aspecto estatístico-.

No verán do 2015, Alvarellos estaba a traballar na quenda de noite no Instituto Oceanográfico e recoñece que tiña bastante tempo de lecer. Decidiu aproveitalo nesta grande paixón súa. «O Celta estaba construíndo o equipo e eu empecei escribindo notas e facendo o once ideal desa tempada. Logo deille para atrás e cheguei á 1991/1992, a primeira que lembraba», afonda. A partir de aí, tíñao complicado, pero decidiu que non quería deterse e comezou a traballar nas décadas previas. «Tirei de Internet, de hemerotecas de xornais da época... E ese proxecto foi medrando. Cada vez que remataba, volvía atrás a darlle unha volta e melloralo. Acabaron sendo oito anos escribindo a historia do Celta», sinala.

Admite este afeccionado e investigador que chegou un momento no que se lle «foi das mans». «Pasaron anos, seguín mellorándoa e chegou un momento no que vin que, modestamente, é un traballo brutal e, aparte, nun formato de historia do Celta que non se ofrece, tempada a tempada, analizando planteis, resultados, xogadores, uniformes...», resume. Conta que tantas voltas lle deu que aparte dun «traballo enorme», é diferente polo seu formato. «Agora mesmo, a ambición sería divulgalo entre o celtismo, gustaríame, pero non teño idea de como», admite.

O que si vén divulgando desde hai tempo son vídeos que recompilan goles e que teñen unha grande aceptación. «Gustan bastante. Tamén me lembro dunha montaxe que fixera recollendo fotos cos 50 mellores da historia do Celta, facendo unha montaxe que tivera bastante repercusión», di. Mesmo lle escribiran xogadores como Gustavo López, pero deixa claro que non persegue ningún tipo de recoñecemento: «A miña única ambición é divulgar o celtismo e a súa historia, pero sempre reconforta», apunta sobre as reaccións positivas.

Pensou en facer unha web, pero di carecer dos coñecementos informáticos precisos. De momento, a historia que ten escrita non a compartiu nin cos seus achegados. «Tampouco hai un xeito rápido de mostrala, mesmo iso leva tempo, porque é un traballo moi específico e minucioso», detalla. Esa historia escrita da que fala rematouna hai un ano e logo de sete traballando no proxecto. «Son once tomos correspondentes a outros tantos períodos históricos, máis de 1.100 páxinas. Gustaríame imprimila e editala, pero en formato web tamén podería ser», conta.

Como amante da historia do Celta, o centenario é, «por suposto», unha ocasión especial. «Engloba a historia da que te empapaches durante anos. Todo o mundo fala agora da historia e non me sinto tan becho raro», di divertido. Celebra que «todo o mundo agora estea aprendendo sobre as lendas» grazas á conta do centenario e ao traballo de Berto Villamarín e Alberto Fernández. «Teño contacto con eles. Somos unha microburbulla de catro dementes, catro frikis», di incluíndo tamén á persoa que leva a conta Afouteza e Corazón e que se mantén no anonimato. Todos eles levan anos traballando de forma incansable para que o celtismo coñeza como foi o camiño ata chegar ata aquí.