«Por cen anos máis», a homenaxe metal de Dioivo al Celta polo centenario

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

DIOIVO

O dúo vigués formado por Daniel Valladares e Jacobo Mouriño fixo coincidir o lanzamento co cabodano de Hermidita

18 sep 2023 . Actualizado a las 12:04 h.

Con motivo do centenario do Celta, xa van varias bandas que presentaron as súas composicións musicais, sen esquecer o exitoso himno composto por C. Tangana, Oliveira dos cen anos. O último que vén de sumarse á lista esta pasada fin de semana é o dúo vigués de metal en galego Dioivo, que lanzou o tema Por cen anos máis, xa dispoñible para a súa escoita nas principais plataformas dixitais. Vén acompañado por un videoclip realizado polo colaborador habitual da banda Brais Gómez Salvador no que se repasan algúns dos fitos máis destacados da traxectoria do equipo celeste ao longo dos seus 100 anos de historia.

Os propios membros de Dioivo fan referencia a que se suman a outras homenaxes musicais ao Celta que viron a luz neste 2023. «Logo dos verdadeiros temazos que están saíndo para celebrar o centenario do Celta, dende o oficial de C. Tangana ata os realizados por amigos como Jairo Daponte ou Xhamain, nós tamén quixemos facer a nosa homenaxe ao equipo da nosa cidade», sinalan dende o dúo vigués. Dioivo aproveitou a ocasión do cabodano dunha lenda celeste como é Manuel Hermida Losada, Hermidita, para lanzar o tema este 17 de setembro. Un día despois, ademais, do 20 aniversario da estrea do Celta en Champions, fronte ao Brugge en 2003.

Describen o vídeo sinalando que «alterna, por unha banda, imaxes do grupo interpretando o tema con Vigo e a súa ría de fondo, gravadas dende a outra beira, en Liméns; e por outra, diversas fotos históricas do Celta, seguindo o fío da canción». Brais Gómez Salvador foi quen gravou, editou e dirixiu a peza, e xa ten realizado outros vídeos musicais con dúo, caso de Lobishomes (2019), Golpe por Golpe (2021), Retorno a Tagen Ata (2021) ou Cabeiros (2023).

Entre as datas e os nomes propios aos que fan referencia están a propia fundación do club a partir do Real Fortuna e o Vigo Sporting en 1923, o Trueno azul que cantaba Siniestro Total, Hermidita, Pahíño, Gustavo López, Vlado Gudelj, Mostovoi o partido da semifinal de Europa League contra o Manchester United en Old Trafford, Iago Aspas ou a permanencia do 4%, entre outros.

Foi en marzo cando comezaron a darlle voltas á idea, cando xa se anunciara que C. Tangana sería o resonsable do himno oficial. «Gústanos moito a ambos a súa música e xa sabiamos que o resultado ía ser un temazo, como o é Oliveira dos 100 anos. Pero deunos a idea de facer un tema nós tamén, para intentar aportar dende o noso estilo», contan.

Así que se puxeron a escribirlo entre os dous e a ensaialo para logo, cando estivo listo, seguir dando pasos. «En maio empezamos gravalo xunto a Dany Soengas, músico vigués coñecido por facer parte de bandas como Atreides, Lardelúa ou Skydancer. A versión definitiva do tema xa estivo lista en xullo, e en agosto puxémonos a traballar no videoclip xunto a Brais Gómez Salvador», afondan.

Por motivos laborais, e porque durante todo ese tempo estivemos traballando no seu último álbum, a data do propio centenario quedáballes «moi xusta». «Ademais, sabiamos que había outras bandas e artistas amigas que ían sacar temas adicados ao Celta por esas datas. Por iso optamos pola data do cabodano de Hermidita, unha das primeiras grandes lendas do equipo, que aparece referenciado na canción», expoñen. Non teñen vínculo persoal con el, pero coñecen a súa figura como afeccionados ao Celta e á historia de Vigo, sinalan.

Último álbum e traxectoria

Dioivo atópase actualmente presentando o seu novo álbum, Cara os Ceios Incrementes, lanzado o pasado 9 de xuño pola discográfica independente grega Sleaszy Rider Records. Axiña comezarán unha pequena xira estatal para presentar dito álbum, que lles servirá tamén para dar a coñecer este novo sinxelo. Entre as datas xa anunciadas pola banda pódese destacar o festival Back to Napalm en Sarria ou a gran presentación do álbum no pub Transylvania de Vigo, o 23 de decembro, xunto a Karracho, Mortal Maze e diversas colaboradoras e colaboradores.

Ademais de Cara os Ceios Incrementes, a banda fundada en 2016 das cinzas do grupo anterior Rust in Peace ten lanzado tamén os traballos Dioivo I (2016), Dioivo II (2019) e Dioivo III (2021), ademais de múltiples sinxelos e demos. Dende os seus comezos, o grupo está formado por Daniel Valladares Otero, na batería, e Jacobo Mouriño Almeida, na guitarra e na voz. Entre a súa discografía destacan as súas diversas adaptacións de obras da literatura galega; o primeiro tema da banda, de feito, foi «Sempre pola morte esperas», que musicaliza o poema homónimo de Rosalía de Castro e co que participaron no certame Musicando a Rosalía convocado por Vigosónico no 2016.

Tamén colaboraron con Xosé Luís Méndez Ferrín en Retorno a Tagen Ata, que adapta a célebre novela do autor e na que el mesmo participa narrando diferentes pasaxes da obra. Outras das súas adaptacións literarias son Hai sede na Nova Galicia, na que poñen música a Florencio Delgado Gurriarán, ou Que importa que nos craven as cadeas, na que fan o propio con Darío Xohán Cabana.