Un grupo de siarerios púxo en marcha o domingo un proxecto que non pasou desapercibido para Claudio Giráldez
27 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Celta Fortuna conta desde o pasado domingo cunha bancada de animación. E non pasou desapercibida ata o punto de que o adestrador do equipo, Claudio Giráldez, fixo referencia a ella en sala de prensa logo do triunfo ante o Arenteiro, subliñando que os levaron en volandas e que é froito do arraigo que ten o filial entre a afección.
Esta idea partiu dos responsables de varias contas de Instagram e Twitter de seguidores do segundo equipo celeste que comezaron a falar desta posibilidade. Foron Anxo Pérez, Bruno Pintos, Galaxia Celtista, Gael Velhas (FortunaCeltista1923), FamiliaCelestee, Celtarras X Sempre e Mateo, «Guti», que o explica. «Criamos que era moi necesario que os rapaces viran que tamén teñen o noso apoio. Aínda que nun primeiro momento non contabamos con ter tanta xente interesada, despois de moito traballo e esforzo, conseguimos sacalo adiante», afonda.
Entre todos, uníronse para comezar a organizalo sen estar moi seguros de se sairía adiante. «Ao comezo foi case como unha aposta entre amigos, nada serio», prosegue. Ata que comezaron a ver que había interese e apoio a través das redes, o que resolveu as súas dúbidas sobre se era posible crear algo en firme que tivera visos de consolidarse. Así, compartiron a idea por Instagram, Twitter e grupos de WhatsApp para potenciala e seguir dándoa a coñecer.
Finalmente, neste primeiro partido en marcha, foron entre 30 e 40 persoas. «Oxalá teñamos máis apoios nas vindeiras xornadas e poder dispoñer do material de animación habitual dos partidos do primeiro equipo, como bombos, bandeiras...». Queren ir medrando pouco a pouco ata chegar a ser «unha bancada máis grande e profesional», indica Guti.
De inicio, usan os cánticos habituais do primeiro equipo, antigos e actuais, pero xa están «traballando para poder facer cánticos propios no futuro» específicos para o Fortuna. Tamén suxire que «a participación futura das peñas sería moi útil para todos», pois agora contan con membros dalgunhas peñas, pero a título individual.