Doses de Ambición Celeste cunha nova peña celtista en Vigo

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Un grupo de afeccionados entre os 35 e os 45 anos impulsan unha agrupación celtista que nace para aportar e axudar a que o celtismo e o club medren

12 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O celtismo goza de moi boa saúde nesta tempada 2023/2024. Viuse no número de abonados, cun incremento importante respecto á campaña anterior, e vese tamén no nacemento de novas peñas. Desde a Federación de Peñas informan de que houbo cinco novas altas recentes e entre elas están dúas que xa se están deixando ver nas redes sociais; é o caso de Movida Celeste e tamén de Ambición Celeste, que no seu nome leva xa toda unha declaración do que lle piden ao club.

O nacemento desta peña é «coma o resto», imaxina Andrés, un dos seus impulsores. «Vai comenzando entre amigos que teñen en común o Celta e a base de ir xuntos á bancada, vai nacendo e medrando a idea», explica. No seu caso, o sufrimento dos últimos tempos resultou clave para que pensaran en arrimar o ombreiro dunha maneira máis organizada. «Pensamos que algo máis se podía facer para botar unha man», indica.

Trátase de seareiros que non teñen experiencia noutras peñas, así que nese sentido, tamén están ante un mundo por descubrir. «Queremos coñecer que é ser peñista, que podemos aportar, ata que punto se poden facer cousas. Temos moitas ideas», anuncia Andrés sobre un colectivo que parte con algo máis dunha trintena de integrantes, unha vez sumados familiares e amigos. «O núcleo duro, por así dicilo, somos dez que comezamos de pequerrechos xogando ao fútbol, temos en común o gusto por este deporte e sempre estivemos vinculados ao Celta», di sobre a súa afección polo cadro vigués.

Conta que o tempo vai pasando para estes afeccionados con idades comprendidas entre los 35 e os 45 anos e deixaron de xogar, pero o celtismo sempre se mantivo, mesmo, nalgúns casos, estando lonxe por motivos profesionais -algúns seguen fóra e por iso contan con membros en Londres, Cincinnati ou Barcelona, se ben son unha agrupación con sede na propia cidade de Vigo-. «Temos moito vivido co Celta: os primeiros anos da UEFA, as finais de Copa... Moitas experiencias. Por iso, de maneira natural, xorde ese desexo de aportar algo máis e ver se se poden facer cousas diferentes», expón Andrés.

Teñen claro que non nacen con vocación de facer grandes eventos, senón de aportar o seu gran de area, insiste. Gustaríalles contribuír a que «os partidos do Celta sexan un acontecemento para toda a Cidade. Falta iso, como noutras afeccións, porque na cidade custa máis», observa. A primeira intención é «aportar, axudar, que vaia para arriba o celtismo, empurrar».

O nome que escolleron ten moito significado. «É un privilexio ter esta situación económica e todos somos conscientes do que sufrimos en Segunda e do duro que foi. Pero o obxectivo sempre ten que ser crecer. Cos pés na terra, pero buscar o máximo, dar un paso máis», sinala. Considera que, ás veces, no club falta esa palabra que si dá sentido e move a esta nova peña: ambición.