Ademais do himno oficial, creado por C. Tangana, diferentes grupos lanzaron nos últimos meses composicións inspiradas na efeméride celeste
12 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O centenario que o Celta celebra neste ano 2023 foi inspiración para, polo menos, seis composicións musicais de diferentes estilos e concepcións, pero co obxectivo común de homenaxear ao club vigués nesta data únicao. Á fronte de todas, e a outro nivel por razóns obvias, está Oliveira dos cen anos, a peza de C. Tangana que xa é un clásico entonado a coro en Balaídos antes de cada partido e que logrou un grande impacto e moi boas críticas alén do celtismo e das fronteiras de España.
Pero deixando á marxe o louvado proxecto de Antón Álvarez, houbo outras propostas máis humildes pero igualmente cargadas de celtismo de músicos galegos que tampouxo quixeron deixar pasar a oportunidade de cantar ao centenario. Algúns contaron coas aportacións do celtismo para os seus vídeos, ou mesmo de emblemas da historia do club como Manolo ou Sergio Álvarez. Diferentes ideas e filosofías, pero co celtismo como fío condutor.
«Camiño de Balaídos», de Cantos de taberna A de Sabas
Foron os máis madrugadores. Xa antes de comezar este 2023 xa estaba lista Camiño de Balaídos, peza composta por Ramón Soto e interpretada pola agrupación de música tradicional galega Cantos de taberna A de Sabas, de Baiona. Contaba o autor que a súa idea pasaba por propoñer «non un himno solemne, senón unha canción para a afección». E define o resultado como unha peza de festa que tivo moi boa acollida. Interpretárona meses atrás no programa da Televisión de Galicia Luar.
«A Nosa Canción», de Xhamain
O sexteto vigués Xhamain presentou no propio mes de agosto -no que o Celta acadou os cen anos- A Nosa Canción, concebida co firme propósito de facer «unha homenaxe á apaixonada afección do RC Celta». Eles son os que contaron no seu vídeo, filmado en enclaves simbólicos da cidade de Vigo, co Gran Capitán, Manolo, e co Gato de Catoira,Sergio Álvarez, pero tamén con varias peñas celtistas que quixeron achegar o seu gran de area.
«Fillos de Breogán», de Jairo Ponte
Uns cantos músicos galegos con Jairo Daponte á fronte sumaron esforzos para dar forma a «Fillos de Breogán», composición interpretada por Dana da Carballeira, de Mileth, e Icko Viqueira, de Aquelarre, que ten no celtismo e a emoción os ingredientes que o seu creador quería que predominaran. Para contribuir a iso, contou para o videoclip con imaxes cedidas por afeccionados e peñas.
«Por cen anos máis», de Dioivo
Tamén hai un tema de estilo heavy inspirado no centenario do Celta. Os responsables son Daniel Valladares e Jacobo Mouriño, integrantes do dúo Dioivo, que lanzaron «Por cen anos máis», canción acompañada por un vídeo realizado por Brais Gómez Salvador. Quixeron que o lanzamento coincidira co aniversario do pasamento de Hermidita, figura clave dunha historia celeste que tiveron moi en conta na súa creación.
«Blau Cel», Miguel Alberte e Rubén López
Blau Cel é o himno da peña do mesmo nome, creada por dous dos seus peñistas, Miguel Alberte e Rubén López, pero tamén é outra homenaxe ao centenario, xa que aínda que o proxecto viña de atrás, a efeméride celeste fixo que lle deran un empurrón. De feito, compuxeron o tema durante o confinamento, no 2020, se ben este 2023 lles animou a gravalo para sumarse aos festexos.
A versión de Guzmen de «Oliveira dos cen anos»
Máis alá dos temas propios, o vigués Guzmen obtivo unha gran repercusión coa súa versión de Oliveira dos cen anos, que fixo as delicias do celtismo.
Non se pode descartar que se incorpore algún tema máis no que queda por diante de ano 2023.