Un retorno a Balaídos 8.000 días despois

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Xosé Manuel Meijome acudiu ao Celta-Xetafe logo de 23 anos afastado do estadio, pero mantendo o sentimento celtista

17 oct 2023 . Actualizado a las 09:29 h.

«Tras 8.461 días, volvo a Balaídos», escribía Xosé Manuel Meijome en Twitter o pasado 8 de outubro. A súa presenza no Celta-Xetafe poñía fin a 23 anos sen acudir ao estadio do que é o seu equipo desde a xuventude. Sen embargo, houbo varios factores que provocaran que se afastara e tamén que se desencantara, se ben nunca deixou de sentirse celtista, de aí que acabase retornando.

Conta que naceu en Venezuela e que, aínda que el xogaba ao balón no recreo e seu pai escoitaba a liga por Radio Exterior, non se consideraba seareiro de ningún equipo. Algo que cambiou cando a familia volveu a Galicia. «Era 1981, no cole onde caín todos eran madridistas e a min non me molaba ir coa masa», lembra. Comezou a xogar nos infantís do Lalín e a coller agarimo a ese club nun momento no que o Celta estaba en Segunda B. «O home da miña irmá criouse en Vigo e era moi celtista e cando ao ano seguinte o club acadou o campionato de Segunda e ascendeu a Primeira, toleou de ledicia», rememora.

Así, na tempada 1982/1983, o seu cuñado agasalloulle cun póster do equipo e levouno aos seus primeiros partidos. «Lembro o Celta-Barcelona con Maradona no campo que vin moi preto... E malia ao resultado, 0-4, xa non me baixei de ser celtista», relata. Naquel tempo, seu pai dicía ser celtista e do Madrid. «Aquilo o reafirmábame como celtista», afonda. Seguiu indo a máis partidos e co tempo, en 1991, mudouse a vivir a Vigo coa súa parella. «Na avenida da Florida», especifica.

Recoñece que daquela pensou que ía ver moito ao Celta, «pero a vida do traballo a quendas non era tan doada como pensaba». «E pasou o do descenso administrativo; gastei 10.000 pesetas de aquelas primeiras nóminas en apoiar ó club e aquela situación, a constitución da SAD contrarreloxo, desanimoume moito, supoño que son moi idealista e pensei que unha SAD sería mais democrática e resultou todo o contrario», analiza. Pouco despois marcharon a vivir a Verín e naceu a súa primeira filla. «Seguía os partidos por televisión e comecei a pensar en volver ao campo, pero coa nena tan pequena, un desprazamento tan longo non era posible», detalla.

En 1998, xa con dous fillos, a familia comezou a pasar as vacacións polas Rías Baixas. «Así, aínda que marchamos a vivir a Ponferrada, puiden ir a un Quinocho e o 8 de agosto do 2000 fun ver a ida da final da Intertoto... menos mal que se gañou porque xa tiña algo de complexo de gafe», di. Esa era, ata este outubro, o seu último partido no estado municipal vigués. «O certo é que o fútbol profesional como empresa capitalista rebéntame bastante», insiste á hora de explicar o seu afastamento máis alá da distancia física de vivir lonxe.

¿E por que este regreso contra o Xetafe? «Desde hai pouco, son avó e teño moita ilusión con iso; nada máis saber que viña, merqueille un body que foi o primeiro que lle puxen cando o fun ver», relata. «Ademais, cadrou a tempada do centenario e que iamos pasar uns días preto de Pontevedra nesas datas. Merquei a camisola do centenario para o neto», engade. «O troco do estadio semelloume espectacular e o ambiente, moi bo; a xente aínda ten confianza no equipo e o troco a defensa de catro foi ben recibido malia a pasarnos factura nas dúas xogadas dos goles do Getafe», sinala.

O retorno resultou moi emocionante para este afeccionado desencantado. «A grada de animación é un espectáculo. Cando se cantou o himno, foi súper emocionante; custoume non chorar... Non foi o resultado que quixera ningún de nós e o partido apenas tivo fases interesantes, mais gocei da experiencia», celebra. Á pregunta de se se arrepinte de tantos anos de ausencia, di que «a vida son fases» e na actual desexa que o Celta volva a ter máis presenza. Ou, polo menos, que non pasen outros 23 anos.