Nace Troita Celeste, a orgullosa segunda peña celtista máis ao norte da provincia da Coruña
GRADA DE RÍO
Renato Tapia e Hugo Sotelo acompañaron aos integrantes este martes na inauguración
08 nov 2023 . Actualizado a las 16:48 h.O celtismo segue demostrando que goza dunha gran saúde neste ano do centenario. Queda claro coas boas entradas que está rexistrando Balaídos, a proba de horarios intempestivos e condicións climatolóxicas adversas, e tamén coas novas peñas que se seguen creando mentres outras non deixan de cumprir anos. A última en incorporarse leva por nome Troita Celeste e é a terceira que se dá a coñecer nos últimos meses tras Movida Celeste e Ambición Celeste, que tamén irrumpiron con forza.
Troita Celeste creouse en Sigüeiro e comeza a súa andadura con arredor de 75 peñistas, o máis novo dos cales ten só tres meses, mentres que tamén os hai de idades avanzadas. «Esta peña empézase a argallar en agosto, aínda que levamos moitos anos tratando de formalizala, sentar e facer os papeis que se necesitan, sen querer pasar o bum do centenario», di o seu presidente, Manuel Rico.
Non houbo moitas dúbidas sobre que nome escoller, dada a importancia na súa vila da troita pola que optaron. «É o símbolo de Sigüeiro, temos a festa da troita e a presenza do río Tambre é moita entre a xente de aquí», detalla un dos impulsores deste colectivo. Unha das súas principais razóns de ser é organizar as viaxes a Balaídos.
A agora que están en marcha poden presumir de ser «a segunda peña máis a norte da provincia da Coruña» despois de Norte Celeste, con sede na propia cidade herculina. Teñen boa relación con esta peña, así como con Merlegos Celestes, de Santiago, e Milladoiro, de Ames. Ademais, desde que se deron a coñecer en redes están recibindo unha cálida benvida por parte da afección celeste.
Aínda que o municipio de Sigüeiro estea máis preto da Coruña que de Vigo, sempre houbo tradición celtista e unha boa convivencia cos seareiros do equipo rival. «Sempre estivo moi repartido, podemos dicir que 50-50, pero convivimos ben. É un pique sano e non temos problema. Esperemos que siga así cando volvan algún día», engade Rico.
Este martes viviron un emotivo acto de presentación en sociedade co que quedaron moi contentos, explica tamén. «Foi un pracer poder recibir a directivos e traballadores do club, aparte de a Renato Tapia e Hugo Sotelo, que estiveron encantadores e fixéronse todas as fotos que se lles pediron», agradece.